Saltar navegación

2.1. Comezamos describindo

 

Glosario

Autobiografía

Imaxe persoal

Definición:

É a narración da vida ou parte dela, escrita polo propio protagonista, mostrando desde o seu nacemento, logros, fracasos, gustos, experiencias e todos os demais acontecementos relevantes da súa vida.

Exemplo:

  Teño que facer unha autobiografía da miña vida, é moi emocionante.

Biografía

Biografía

Definición:

 É un texto narrativo que conta os sucesos relevantes na vida dunha persoa en orde cronolóxica, para entender a súa personalidade, motivacións, problemas así como os  seus éxitos e fracasos.

Exemplo:

   A biografía desta persoa é apaixonante.

Famoso/a

Famoso

Definición:

Persoa ou cousa moi coñecida e da cale existe unha determinada opinión xeral.

Exemplo:

  Con ese disco fíxose moi famoso.

Actividade grupal

Grupo de tres persoas arredor dunha mesa con folios dianteBen... xa sabemos en que vai consistir o reto final, polo tanto como xa dixemos ao inicio desta fase, imos facer unha actividade en grupo onde repasemos algúns conceptos de cursos anteriores.

Ten en conta que cando traballamos en grupo tes que respectar as opinións do resto do equipo e contribuír, na medida das túas posibilidades, polo ben do obxectivo final.   

Para esta actividade tedes que distribuírvos en grupos.

1. Escollemos

Unha vez feitas as agrupacións, tedes que escoller, entre todas as persoas do grupo, unha serie de figuras destacadas da cultura galega relacionadas con distintos ámbitos. Non teñen que ser precisamente da actualidade pero si que deben de ter certa sona (ser coñecidas) por todas as persoas do grupo.

Cada persoa do grupo, coa axuda do resto, vai buscar e anotar os aspectos máis relevantes da súa vida. Lembra obviar detalles que sexan pouco salientables, é dicir, que non teñan demasiada importancia para a súa correcta descrición.

2. Construímos

Unha vez teñades creada esta biografía construiredes, entre todo o grupo, unha autobiografía, é dicir, teredes que presentala (ou incluso podedes representala) coma se fósedes vós mesmos ou mesmas. Lembra neste sentido todo o que temos visto de cursos e unidades anteriores con respecto a falar ante un público.

3. Adiviñamos

Despois de realizar a autobiografía, poñeredes no taboleiro da aula o nome de tódolos personaxes. O resto da clase terá que adiviñar de que persoas se tratan e o equipo que máis acertos teña gañará o xogo.

Deixamos como axuda para a creación dos vosos personaxes as seguintes ligazóns nas cales presentamos unha escolma de persoas relevantes para a cultura e historia galega.

Galegos máis ilustres
Galegas máis ilustres

Tamén podes buscar información na Rede a través de páxinas como Wikipedia ou a Galipedia, que se atopa dentro da Wikipedia... Tamén podedes pedir información nas vosas casas sobre persoas coñecidas e contrastar a información cos teus compañeiros e as túas compañeiras.

Lectura facilitada

Faremos unha actividade en grupo.

Temos que respectar as opinións dos demais.

Repartímonos en diferentes grupos.

1. Dentro do grupo escollemos figuras destacadas da cultura galega.

Buscamos aspectos importantes da vida destes personaxes.

2. Coa información recollida faremos unha autobiografía.

Debemos presentala en público coma se foramos nós mesmos os protagonistas.

3. Poñemos o nome dos personaxes no taboleiro da aula.

Os compañeiros teñen que adiviñar que personaxes son.

Quen teña máis acertos, gaña o xogo.

Nas ligazóns podemos consultar sobre diferentes personaxes.

Podemos buscar en Internet ou pedir información na casa.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)