Saltar navegación

4. Xogamos

Reto final

É momento de elaborar o voso propio xogo en galego! Vós podedes axudar a promover o uso da lingua nos momentos de ocio na escola e, incluso, fóra dela.

Xa estivestes a practicar as descricións na fase anterior e agora é o momento aplicar eses coñecementos nun produto final. Imos recordar entón cales son os retos que debedes superar:

  • Reto 1: Describir 15 persoas empregando os seus trazos máis característicos, afeccións e gustos, facéndoo cunha linguaxe inclusiva e non ofensiva.
  • Reto 2: Rexistrar todo o proceso de creación do xogo, incluíndo opinións e sentimentos que che xurdan nesta tarefa.
  • Reto 3: Crear o xogo de mesa en formato físico para poder poñelo a disposición da comunidade educativa ou da localidade.

Podedes consultar unha pequena explicación dos xogos que se van realizar neste reto no fondo desta páxina.

Lectura facilitada

Imos facer o noso propio xogo en galego.

Xa traballamos as descricións e agora imos traballalas xogando.

Estes son os retos a superar:

Reto 1: Describimos 15 persoas.

Reto 2: Rexistramos a maneira na que fixemos o xogo e opinións sobre o xogo.

Reto 3: Creamos o xogo en papel ou cartón para poder usalo e compartilo.

Temos unha breve explicación destes xogos ao final desta páxina.

Enfoque multinivel

O noso xogo está destinado ao formato físico inicialmente, pero sempre podemos adaptalo para poder utilizalo e interpretalo doutros xeitos. 

Algunhas ideas serían:

  1. Xogo "Quen é quen?": neste xogo, en vez de empregar un taboleiro, poderiamos empregar a computadora e escoller unha imaxe entre os persoeiros escollidos e traballar a descrición oralmente até adiviñar de quen se trata. Poderase virar a pantalla para confirmar que é ou non é o persoeiro descrito e adiviñado.
  2. Xogo "Carta arriba": empregando a computadora persoal, podemos escoller unha personaxe para o noso compañeiro e, sen que a poida ver, responderlle ás preguntas que realice até que adiviñe a personaxe que lle tocou.
  3. Xogo "Memoriza": este xogo pódese realizar dixitalmente ou incluso xogar nalgunha plataforma en liña. Para realizalo de xeito dixital pódese empregar a aplicación eXeLearning co idevice "Xogos: Cartas de memoria". A persoa docente pode axudar se este é o proceso escollido.

Exemplos de xogos de mesa

Queredes ver uns exemplos de xogos antes de comezar coas vosas versións? Consultade estas ligazóns a xogos de recente creación en galego:

GALIZA no TEMPO - Naipes Historia da Galiza

TI NON ES DE AQUÍ? edición Xúnior - Xogo de mesa

VACALOURA - Xogo de mesa - produto OZOCOgz

Lectura facilitada

Consultamos as ligazóns para ver exemplos de xogos en galego.

Curiosidade promoción lingua galega

Coñecedes a iniciativa para dinamizar a lingua galega que comezou no IES Rafael Dieste da Coruña? Aquí tedes información sobre a iniciativa, carteis ou apoios que foron conseguindo de xente anónima, pero tamén xente ben coñecida:

Aquí tamén se fala

Lectura facilitada

O IES Rafael Dieste da Coruña fixo unha iniciativa para fomentar o uso do galego

Así se van avaliar os retos

Rúbrica de autoavaliación
 Nivel 1 (Excelente)Nivel 2 (Bo)Nivel 3 (Aceptable)Nivel 4 (Insuficiente)
Claridade e coherencia do contidoO contido é moi claro, está ben organizado e é coherente. As ideas conéctase con lóxica. (2)O contido é claro, está ben organizado e é maiormente coherente. As ideas están ben conectadas. (1.75)O contido é comprensible, pero presenta algunhas incoherencias ou falta de organización. (1.50)O contido é confuso e está desorganizado. Hai moitas incoherencias. (1.25)
Gramática e ortografíaO texto está libre de erros gramaticais e ortográficos. O uso da lingua é preciso e axeitado. (2)O texto ten poucos erros gramaticais e ortográficos. O uso da lingua é maiormente axeitado. (1.75)O texto ten varios erros gramaticais e ortográficos. O uso da lingua é aceptable, pero mellorable. (1.50)O texto ten moitos erros gramaticais e ortográficos que dificultan a súa comprensión. O uso da lingua non é axeitado. (1.25)
Revisión e mellora de textosRevisa e mellora textos propios e alleos con grande eficacia, identificando e corrixindo erros de xeito autónomo. (2)Revisa e mellora textos propios e alleos con eficacia, identificando e corrixindo a maioría dos erros. (1.75)Revisa e mellora textos propios e alleos, pero necesita axuda para identificar e corrixir algúns erros. (1.50)Ten dificultade para revisar e mellorar textos propios e alleos e non identifica nin corrixe erros. (1.25)
Uso da terminoloxía Usa a terminoloxía lingüística básica axeitada de xeito preciso e coherente en todas as tarefas. (2)Usa a terminoloxía lingüística básica axeitada de xeito preciso e coherente na maioría das tarefas. (1.75)Usa a terminoloxía lingüística básica axeitada de forma inconsistente, con algúns erros. (1.50)Non emprega terminoloxía lingüística básica axeitada e comete numerosos erros. (1.25)
Pensamento crítico e reflexivoExpresa pensamentos críticos evitando discriminacións e prexuízos. Argumenta de forma lóxica e respectuosa. (2)Expresa pensamentos críticos evitando na grande maioría de situacións discriminacións e prexuízos. Argumenta de forma lóxica e respectuosa. (1.75)Expresa pensamentos críticos ocasionalmente con discriminacións e prexuízos. Os argumentos teñen que ser máis lóxicos e respectuosos. (1.5)Ten dificultades para expresar pensamentos críticos e frecuentemente presenta discriminacións e prexuízos. Os argumentos carecen de lóxica e respecto. (1.25)

Elaboración propia - Proxecto cREAgal. Rúbrica de autoavaliación (CC BY-NC-SA)

  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova xanela

Explicación xogos

XOGO "QUEN É QUEN?"

O obxectivo é ser o primeiro xogador ou xogadora en adiviñar a carta que elixiu a ou o contrincante.

Para xogar hai que facer preguntas cuxas respostas sexan SI ou NON e dar a volta aos personaxes que non cumpren coa información que nos dan na resposta. Para responder as preguntas hai que facelo segundo a persoa que temos na carta elixida por nós. Podemos mirar a guía de descricións se non sabemos algunha información.

Exemplo de preguntas:

- Ten o pelo curto? 

- Si

Quen preguntou ten que poñer boca abaixo os personaxes que non teñen o pelo curto. 

XOGO "CARTA ARRIBA"

O obxectivo é que a persoa coa carta na fronte intente adiviñar o personaxe da carta a través da descrición que escoita.

Para xogar, unha persoa pon a cinta na cabeza e coloca unha carta co nome dunha personaxe na fronte, visible para o resto. Esta persoa poderá consultar a guía de descricións, pero en ningún momento pode ver a carta que ten na fronte. O resto de xogadoras ou xogadores realizarán en voz alta unha descrición do personaxe da carta e poderán consultar tamén unha guía coas descricións de todos os personaxes. 

Un exemplo de frases descritivas:

- É unha persoa alta. Ten o pelo curto e loiro. Traballa nunha tenda. Gústanlle moito os animais e os deportes de aventura.

- É a FROITEIRA!

XOGO "MEMORIZA"

O obxectivo é conseguir o maior número de cartas.

Para xogar, colócanse todas as cartas boca abaixo e, en cada quenda, pódense levantar dúas cartas. O xogador ou a xogadora pode quedar con elas se coinciden a imaxe e a descrición do personaxe.

Lectura facilitada

XOGO "QUEN É QUEN?"

Temos que adiviñar a carta que elixiu o contrincante.

Hai que facer preguntas cuxas respostas sexan SI ou NON.

Quen preguntou ten que poñer boca abaixo os personaxes que non corresponden coa resposta.

Iremos descartando até adiviñar.

XOGO "CARTA ARRIBA"

Xogamos por parellas para adiviñar o noso personaxe asignado.

Colocamos a carta dunha personaxe na nosa fronte mirando ao contrario.

Podemos consultar a guía de descricións e intentar adiviñar que personaxe nos tocou.

Para adiviñar, temos que facerlle preguntas ao noso contrario.

Gaña o que antes adiviñe.

XOGO "MEMORIZA"

Temos que conseguir o maior número de cartas.

Colocamos as cartas boca abaixo e podemos levantar dúas á vez.

Debemos ir atopando as cartas que coincidan e levantalas á vez.

Gaña quen antes remate.

Reflexiona

Como poderás observar, os vídeos que ilustran estes xogos están en idioma estranxeiro.

Isto débese a que hoxe en día hai unha gran cantidade de titoriais e vídeos explicativos en inglés ou castelán, mais non en galego.

Necesitamos máis cantidade de material audiovisual en galego para unha maior difusión do noso idioma. Atreveríaste a crear contido en galego explicando como se xoga ao teu xogo?

Podes utilizar o ordenador de aula e buscar un espazo da túa escola que estea adaptada para realizar traballos audiovisuais: biblioteca, aula de Polos Creativos, ximnasio...

Lectura facilitada

Como poderás observar, os vídeos que ilustran estes xogos están en idioma estranxeiro.

Isto débese a que hoxe en día hai unha gran cantidade de titoriais e vídeos explicativos en inglés ou castelán, mais non en galego.

Necesitamos máis cantidade de material audiovisual en galego para unha maior difusión do noso idioma. Atreveríaste a crear contido en galego explicando como se xoga ao teu xogo?

Podes utilizar o ordenador de aula e buscar un espazo da túa escola que estea adaptada para realizar traballos audiovisuais: biblioteca, aula de Polos Creativos, ximnasio...

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)