Saltar navegación

1.2. Cal é o noso reto?

 

Glosario

Creador ou creadora de contido

Creatividade

Definición:

Persoa encargada de elaborar contido orixinal e atractivo coa fin de posicionar unha marca e/ou conectar cunha audiencia.

Exemplo:

  De maior quere ser creadora de contido gracioso en castelán e en galego.

Descrición

Descrición

Definición:

Representación oral ou escrita das calidades, partes ou circunstancias dunha persoa ou cousa.

Exemplo:

  Necesito unha descrición clara do que aconteceu.

O noso reto

O reto a acadar está claro.

Consistirá en que ti, conxuntamente cos teus compañeiros e coas túas compañeiras, terás que crear un xogo de mesa, en distintos formatos e soportes, que teña como principal instrumento as descricións dunha serie de personaxes que manexaremos.

A finalidade deste produto final será a de promover e divulgar a lingua galega e facelo, ao mesmo tempo, dunha forma divertida e amena para atraer a canta máis xente sexa posíbel. 

Como xa vimos, existen exemplos de empresas que utilizan o xogo para divulgar e potenciar o uso do galego como poderían ser a empresa OZOCOgz e o seu xogo Vacaloura aínda que non é a única.

Para o noso reto pensamos que sería moito máis práctico centrarse en personaxes famosos da cultura, o deporte ou outros ámbitos, xente da vosa contorna así como persoas que, dentro das distintas redes sociais (Instagram, Facebook, Tik Tok...), se expresan e comunican en galego para, deste xeito, chegar a un público maior. A decisión vai estar nas vosas mans... considera onde podes traballar máis cómodo e que elementos resultarían máis atractivos á hora de xogar.

Lectura facilitada

O reto é sinxelo de entender.

Faremos xogos de mesas diferentes.

Con personaxes que coñecemos.

Promoveremos a lingua galega dun xeito divertido.

Queremos que lle guste a moita xente.

Hai empresas que axudan a difundir o galego cos seus xogos.

Podemos facer xogos con personaxes famosos da cultura galega.

Deportistas, escritoras, influencer.

Decidimos sobre quen facemos os nosos xogos.

Exemplos de creadores de contido

Se non coñeces a ningunha persoa que utilice o galego nas redes sociais aquí tedes algúns exemplos de creadoras de contido en galego que vos poden axudar de cara ao reto final, tanto para darvos ideas como para ser usadas como personaxes dos xogos.

María Prado Rúa

Esther Estévez Casado

Xeoclip

Olaxonmario

Teño unha horta en San Sadurniño

Lectura facilitada

Estes son uns exemplos de persoas creadoras de contido.

Axudan a difundir o galego cos seus vídeos.

Podemos tomar ideas dos seus vídeos.

Como acadamos o reto?

Nenos xogando

Para lograr este reto deberás seguir unha serie de pasos:

Reto 1: Describir correctamente a través das súas características máis identificativas a persoas públicas e con sona. Debemos ter en conta sempre a utilización dunha linguaxe inclusiva e non ofensiva que sexa o máis obxectiva e accesible que se poida.

Reto 2: Realizar un seguimento do proceso de creación do xogo, ou do teu día a día ata chegar ao reto, onde poidas identificar os momentos de lecer dos que dispós e describindo os obstáculos que atopaches para a súa materialización. Este denominado normalmente "como se fixo", ou tamén making off en inglés, vai servir para axudar a outros colexios ou persoas que sintan a inquedanza de crear xogos ou contido para a divulgación do idioma e a cultura galega.

Reto 3: Crear un xogo de mesa en galego en varios formatos para poder facelo accesible ao maior número de persoas. 

Para a realización deste último reto, que coincidirá co que se denomina o produto final, proporcionámosche varias opcións de cara a súa presentación ao público.

Para que exista unha conectividade entre o traballo que realizamos e a localidade na que nos atopamos imos crear tres tipos de xogos. Estes xogos entregaranse ao concello, á biblioteca do teu centro ou á mesma residencia de maiores da vosa localidade.

As opcións de xogos que che presentamos agora serán ampliadas cando cheguemos á fase 4:

  1. Quen é quen. Coñecidísimo xogo que se xoga por parellas que trataría sobre figuras galegas famosas en distintos ámbitos.
  2. Heads up. Xogo de procedencia anglosaxoa cuxa tradución ao galego, aproximada, sería face a face ou man a man. Podería tratar sobre a veciñanza da túa localidade, tanto da actualidade como de persoas relevantes de anos atrás pero que teñen sona alí onde vives.  
  3. Memory. Xogo de relacionar cartas boca abaixo. Aínda que poderíamos utilizar personaxes famosos, ou xente da túa vila, quizais o máis recomendábel sería destinalo as persoas da residencia da terceira idade da vosa localidade para o que precisariades unha entrevista en persoa ou por carta/correo e sintetizar o máximo posíbel a información. 

Lectura facilitada

Para lograr este reto deberás seguir unha serie de pasos:

Faremos o reto seguindo os tres pasos.

Reto 1: Describir persoas famosas ou achegadas.

Mencionaremos as cousas máis representativas destas persoas.

Seremos respectuosos e respectuosas na descrición.

Reto 2: Iremos apuntando como fixemos o xogo.

Gardaremos a información recollida nun diario.

Isto axudará a outros colexios a poder crear xogos.

Así difundimos o uso da lingua galega.

Reto 3: creamos un xogo de mesa de diferentes formas.

Así poderá usalo todo o mundo.

Poderemos presentalo ao público.

Os xogos entregaranse ao Concello, Biblioteca do colexio ou á residencia de maiores.

Estes son os xogos:

1.     Quen é quen. Por parellas. Sobre personaxes famosos.

2.     Heads up. Xogo de tarxetas. Sobre a veciñanza da túa localidade.  

3.     Memory. Xogo de relacionar cartas boca abaixo. Sobre persoas da terceira idade. 

Que acadarás co reto

Aínda que o traballo a realizar esta enfocado no produto final, durante este proceso de creación e consecución do reto vas aprender moitas cousas, das que podemos destacar:  

  1. Describir as características dunha persoa ou dun mesmo. 
  2. Utilizar correctamente as formas verbais durante unha narración ou nun texto descritivo.
  3. Expresar os sentimentos propios de forma escrita e oral.
  4. Utilizar un vocabulario axeitado ao contexto onde nos atopemos, sen faltas ortográficas. 
  5. Traballar en equipo respectando as opinións do resto.
  6. Favorecer a divulgación da cultura e patrimonio galego en beneficio do conxunto da comunidade

Lectura facilitada

Para facer este produto final aprenderemos moitas cousas.

Describir as persoas e  nós mesmos e mesmas.

Usar os verbos.

Expresar os nosos sentimentos.

Usar diferente vocabulario sen faltas de ortografía.

Traballar en equipo e respectar os demais.

Axudar a difundir a cultura galega para todos.

Diario de aprendizaxe

Portada do diario de aprendizaxe cREAgal

Acude ao teu diario de aprendizaxe para reflexionar sobre esta situación e achegar o teu punto de vista persoal sobre ela.



Lectura facilitada

Enche a Fase 1 do teu diario de aprendizaxe.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)