Descrición xeral
A expansión acelerada das ferramentas de Intelixencia Artificial e a súa rápida integración na sociedade están a transformar a nosa vida cotiá, a nosa interacción coa tecnoloxía e a abrir unha nova etapa na evolución da sociedade da información. No ámbito educativo, este cambio supón afrontar o acceso do alumnado a aplicacións avanzadas para a creación de contido, que ofrecen resultados personalizados e interactivos capaces de simular a coherencia dun texto elaborado por unha persoa. A proposta didáctica contida na proxecto da fundación Intelligere & co propón a equipos de traballo que superen diversos retos relacionados coa intelixencia artificial e as súas interseccións coa cultura, a comunicación e a lingua para finalmente propoñer á súa comunidade próxima o deseño dunha plataforma de IA específica. No percorrido o alumnado irá coñecendo a presencia da intelixencia artificial na súa vida cotidiá, o marco metalingüistico que lle sirve de base, o seu funcionamento, as expectativas e os desafíos que plantexa o seu uso e os mitos que resoan na sociedade ao tratar con elas. Neste sentido, quérese subliñar o valor das dimensións analítica e práctica pero tamén lúdica e creativa da comunicación humana e das súas múltiples linguas.
As tarefas que se van a desenvolver neste itinerario pola fundación Intelligere son cooperativas, baseada en proxectos e actividades concretas a partir de situacións de aprendizaxe auténticas, significativas, profundas, flexibles e adaptadas á vosa diversidade
O proxecto propón achegarse á lingua e ás intelixencias artificiais como obxecto de aprendizaxe para investigar aspectos básicos do seu funcionamento. Nesta proposta trátase de poñer en práctica premisas sobre o enfoque comunicativo e o enfoque baseado en tarefas contido no MCEL para a ensinanza e aprendizaxe das linguas. Dentro deste marco metodolóxico, podemos citar como aspectos que non se poden esquecer no proceso de ensinanza-aprendizaxe:
- Existe un plan de traballo na aula para resolver un problema que se percibe como auténtico.
- Plántase unha situación que o alumnado debe resolver elaborando un produto lingüístico-comunicativo multimodal.
- Organízase a aprendizaxe a través de actividades lingüísticas con un obxectivo comunicativo real, simulando situacións nas que se necesita usar tanto IA (ou os medios dispoñibles) como o idioma.
- Favorecese a colaboración e a interacción entre o alumnado.
- Modifícase o papel do alumnado, que é o protagonista activo da súa aprendizaxe.
- Os obxectivos de traballo e os indicadores de avaliación son coñecidos polo alumnado.
- Trabállanse temas próximos aos intereses do alumnado a través de tarefas que progresan desde as máis simples ás máis complexas.
- Favorécese a interdisciplinariedade e a construción global do coñecemento promovendo o desenvolvemento de competencias plurilingües e pluriculturais.
- Integrase a avaliación no proceso establecendo fases de pre-tarefa, desenvolvemento da tarefa e post-tarefa (avaliación e reflexión).
- As tarefas buscan a acción do alumnado sobre o seu propio entorno de modo que se realicen accións concretas e se alcancen obxectivos específicos.
Este ODE é o segundo o dunha serie de cinco secuencias didáticas destinadas ás relacións entre a intelixencia artificial e a linguaxe. O propósito deste ODE en concreto é introducir ao alumnado nos diferentes tipos de intelixencia artificial e os seus usos na vida cotiá así como os principios básicos do machine learning e do procesamento da linguaxe natural (PNL), o funcionamento da comunicación mediada por IA e a estrutura do prompt, traballar as características fundamentais dos textos instrutivos, desenvolver estratexias para unha lectura crítica de textos dixitais e Integrar os coñecementos adquiridos ao longo da unidade na creación dunha ferramenta práctica, neste caso una guía de reparación.
A estrutura modular do proxecto permite adaptar o ODE (ou partes del) a outras materias do currículo. O curso recomendado para a súa aplicación é 4º da ESO, xa que require competencias dixitais previas, unha certa madurez na argumentación e inclúe contidos curriculares axeitados, como o estudo dunha etapa literaria específica. Non obstante, o deseño do ODE posibilita a súa adaptación a outros niveis educativos.
Contextualización curricular
Os obxectivos didácticos do ODE son os seguintes divididos por seccións:
1. Tipos e modelos de IA. A aprendizaxe máquina e PNL.
- Comprender os diferentes tipos de intelixencia artificial e os seus usos na vida cotiá.
- Explicar os principios básicos do machine learning e do procesamento da linguaxe natural (PNL).
- Identificar aplicacións reais da IA en ámbitos como a educación, a comunicación e a industria.
- Reflexionar sobre os beneficios e os retos que supón o uso da IA na sociedade actual.
2. O circuíto comunicativo da IA. A xeración probabilística de contidos. Diferencias entre a interacción comunicativa humana e a mediada por IA. O prompt.
- Analizar o funcionamento da comunicación mediada por IA e as súas diferenzas coa comunicación humana.
- Comprender o concepto de xeración probabilística de contidos e como inflúe nos resultados producidos por unha IA.
- Explorar o papel do prompt como instrución clave para mellorar a interacción con modelos de IA.
- Avaliar as limitacións da IA na construción de significado e na comprensión do contexto comunicativo.
3. A macroestrutura textual. Características do texto instrutivo.
- Identificar as características principais dos textos instrutivos.
- Comprender a relación entre os textos instrutivos e a intelixencia artificial.
- Fomentar o pensamento crítico sobre o uso da IA na creación e comprensión de textos.
4. As condicións de interpretación e a lectura crítica. Os usos discriminatorios da linguaxe. Os nesgos de representación.
- Desenvolver estratexias para unha lectura crítica de textos dixitais e impresos.
- Identificar as condicións necesarias para interpretar correctamente un texto en función do contexto.
- Reflexionar sobre os usos discriminatorios da linguaxe e o seu impacto na sociedade.
- Detectar nesgos de representación en diferentes tipos de contidos, incluídos os xerados por IA.
5. As relacións semánticas. A estrutura semántica do enunciado.
- Comprender as relacións semánticas entre palabras e o seu papel na construción do significado.
- Analizar a estrutura semántica do enunciado e como inflúe na interpretación da mensaxe.
- Aplicar coñecementos de semántica para mellorar a coherencia e a cohesión na produción textual.
- Explorar exemplos prácticos de relacións semánticas en distintos contextos comunicativos.
6. Misión final: Guía de reparación. Unha checklist interactiva e amable / chatbot.
- Integrar os coñecementos adquiridos ao longo da unidade na creación dunha ferramenta práctica.
- Deseñar unha checklist interactiva ou un chatbot que facilite a resolución de problemas dun tema concreto.
- Aplicar estratexias de comunicación efectiva para garantir que a guía ou chatbot sexa clara e accesible.
- Reflexionar sobre o proceso de aprendizaxe mediante a avaliación do proxecto final.
Criterios e instrumentos de avaliación
A estratexia cooperativa busca maximizar a sensación de éxito nos estudantes, contribuíndo ao cumprimento das metas establecidas tanto na normativa vixente como nas investigacións actuais. A avaliación basearase nunha combinación de autoavaliación, coavaliación e avaliación grupal, permitindo aos estudantes reflexionar sobre o seu desempeño e logros en relación cos obxectivos do desafío exposto. Para iso, utilizaranse varias técnicas e ferramentas específicas. A metodoloxía cooperativa aplicada á revisión e reflexión sobre os traballos realizados permite que o alumnado asuma un papel activo no seu proceso formativo, fomentando a corresponsabilidade, o pensamento crítico e a aprendizaxe entre iguais. A estrutura de revisión por zonas proposta durante este ODE enmárcase dentro desta visión, empregando dinámicas de interacción que garanten unha avaliación formativa e participativa.
A actividade baséase nun modelo de rotación estruturada, no que cada grupo non só recibe feedback sobre o seu traballo, senón que tamén analiza e mellora o dos seus compañeiros. Esta estrutura responde a principios da metodoloxía Kagan ao garantir a interdependencia positiva, a participación equitativa e a interacción simultánea. O proceso inicia cunha fase de preparación, na que os equipos organizan os seus espazos de exposición, xa sexan físicos ou dixitais, garantindo o acceso á información relevante para a revisión. A continuación, na fase de rotación, os subequipos visitan diferentes zonas e analizan os traballos segundo tres dimensións: eloxio, cuestionamento e proposta. Este enfoque permite combinar o recoñecemento dos logros co pensamento crítico e a suxestión construtiva, aspectos clave na aprendizaxe cooperativa. O rexistro en cadea das valoracións contribúe a xerar unha retroalimentación progresiva, onde cada novo grupo visitante non parte de cero, senón que constrúe sobre as reflexións previas.
Unha das fortalezas desta estrutura é a súa capacidade para transformar a revisión nunha experiencia reflexiva e significativa. A inclusión dunha fase de autorevisión e mellora posterior á rotación favorece que o alumnado non perciba a avaliación como un proceso externo, senón como unha oportunidade para analizar a súa propia evolución. A combinación de preguntas abertas e escalas de valoración permite integrar tanto aspectos cualitativos como cuantitativos, garantindo unha análise equilibrada do traballo individual e grupal. A reflexión sobre a equidade na participación, a organización e a xestión dos desacordos reforza a aprendizaxe de competencias sociais e metacognitivas, fundamentais nun contexto de aprendizaxe cooperativa.
Finalmente, o rexistro de acordos para o futuro establece unha continuidade no proceso avaliativo, conectando as conclusións desta actividade coas próximas fases de aprendizaxe. Este elemento permite que a mellora non se limite a unha tarefa illada, senón que se converta nun compromiso progresivo de cada grupo co seu propio proceso de aprendizaxe. En conxunto, a metodoloxía empregada nesta situación de aprendizaxe garante unha avaliación formativa, colaborativa e reflexiva, aliñada co enfoque pedagóxico baseado na cooperación e na construción activa do coñecemento.
En conxunto para o desenvolvemento da actividade, os ítems de avaliación serán:
- Claridade nos obxectivos da tarefa e comprensión de como resolvelos.
- Dedicación e esforzo na consecución da tarefa.
- Planificación e organización do desenvolvemento da tarefa.
- Seguimento dos pasos establecidos e adaptación a posibles cambios.
- Capacidade de corrixir e mellorar a tarefa a partir das observacións recibidas.
- Valoración global da tarefa realizada e autoanálise do desempeño individual.
- Nivel de participación de cada membro do grupo.
- Habilidade para traballar en equipo e colaborar efectivamente.
- Capacidade de escoitar e valorar as achegas dos compañeiros.
- Distribución equitativa de tarefas e responsabilidades.
- Resolución de conflitos e toma de decisións en grupo.
- Resultado final do traballo grupal en relación cos obxectivos propostos.
Empregarase tamén a observación directa semidirixida, utilizando unha guía de observación que funcionará como diario de aula, xestionado polos profesores implicados.
Se os ODE deseñados se integran nun aula virtual xestionada en Moodle, poderanse utilizar ferramentas habituais como o acceso a informes de seguimento de contidos, o tempo de conexión e participación e outra información valiosa sobre o grao de implicación.
Para as secuencias didácticas, utilizaranse diversos instrumentos de avaliación, tales como:
- Listas de verificación para guiar a tarefa.
- Rúbricas de corrección específicas para cada actividade.
- Modelos de escritura de apoio, proporcionando exemplos claros e estruturados.
- Diarios de aprendizaxe dos estudantes, onde rexistrarán os seus progresos e reflexións.
- Formularios de autoavaliación e coavaliación dispoñibles tanto en formato dixital como impreso.
Estas ferramentas poderán ser empregadas tanto a través do propio ODE como na aula virtual corporativa (Moodle) ou mediante documentos impresos.
Os estudantes recibirán retroalimentación tanto sobre o desenvolvemento das distintas tarefas como sobre o seu desempeño final. Esta retroalimentación continua e construtiva asegurará que os estudantes poidan mellorar e progresar de maneira efectiva no seu proceso de aprendizaxe.
Temporalización
O desenvolvemento das diferentes seccións está prevista para un total de 4 sesións. A tarefa final, debe ser desenvolvida nun total de oito sesións. As tarefas e actividades indican o tempo que se debe dedicar á súa elaboración.
Metodoloxía
O ODE está organizado en función de 5 seccións que actúan coma bloques de contido unitario onde se recollen aspectos concreto da IA e a súa relación con aspectos pragmáticos, metalingüísticos e sociais da lingua. Cada un deses bloques de contido divídense en 4 fases
- Iniciar: asociada a comprobación e activación de coñecementos previos.
- Desenvolver: preséntanse os contidos.
- Afondar: o alumnado comproba a adquisición dos contidos traballados e os reelabora.
- Recoller: apartado dedicado á revisión e avaliación do traballo.
Na última sección, a sexta, deséñase unha situación de aprendizaxe competencial na que os diferentes contidos son recollidos e transferidos a unha misión concreta. A metodoloxía principal do proxecto é en grupos cooperativos e apoiada en estruturas Kagan. Con todo as secuencias pódense adaptar a un traballo individual.
O deseño da situación de aprendizaxe proposto integra metodoloxía cooperativa para garantir unha construción significativa do coñecemento, favorecendo a interacción entre iguais e fomentando unha aprendizaxe reflexiva e participativa. O obxectivo principal é que o alumnado non só adquira os contidos, senón que tamén desenvolva competencias comunicativas, pensamento crítico e habilidades metacognitivas a través da colaboración estruturada.
O ODE combina tres tipos fundamentais de tarefas: de consolidación, de expresión e de transferencia, cada unha delas cunha función específica dentro do proceso de ensino-aprendizaxe. As tarefas de consolidación están deseñadas para avaliar a comprensión dos conceptos traballados, presentando respostas que poden ser correctas ou incorrectas. A súa función principal é permitir ao alumnado verificar a adquisición dos coñecementos e reforzar aqueles aspectos nos que se detecten dificultades.
Pola súa parte, as tarefas de expresión e transferencia permiten ao alumnado aplicar os coñecementos adquiridos en situacións novas ou en producións propias. Ao tratarse de actividades máis abertas, requiren un sistema de autoavaliación e coavaliación que fomente a autonomía e a responsabilidade compartida na aprendizaxe. Para garantir unha avaliación formativa efectiva, incorpóranse pautas de verificación e rúbricas que permiten ao alumnado comprender os criterios de calidade esperados, ao tempo que se lles ofrecen indicacións xerais para mellorar o seu desempeño. Estruturas como Think, pair, share, Round Robin* ou Send a Problem resultan especialmente adecuadas para este tipo de tarefas, xa que promoven a exploración de diferentes perspectivas e a retroalimentación entre iguais.
A avaliación tamén se alinea con este enfoque cooperativo e reflexivo. No caso das tarefas de consolidación, o uso de instrumentos de avaliación que proporcionen un resultado correcto ou incorrecto serve como guía inmediata para que o alumnado tome conciencia da súa propia progresión na adquisición dos contidos. Nas tarefas de expresión e transferencia, a avaliación non se reduce á comprobación dunha única resposta, senón que busca potenciar a aprendizaxe mediante a reflexión con pautas e rúbricas que facilitan a mellora continua. Isto garante que o alumnado non só reciba un xuízo sobre o seu traballo, senón que dispoña de ferramentas para revisar e perfeccionar a súa produción.
Deste xeito, a metodoloxía cooperativa non só estrutura a dinámica da aula, senón que tamén se estende á propia avaliación, garantindo que o alumnado participe activamente no seu proceso de aprendizaxe. Este modelo fomenta a interacción, a reflexión e a corresponsabilidade, elementos clave para unha educación significativa e equitativa.