Saltar navegación

3.3 Recoller tarefas

Avaliación

Ao longo do voso percorrido ata aquí, o voso grupo resolveu diferentes actividades. Agora é o momento de facer unha pausa para revisar o traballo realizado e a forma en que se levou a cabo. Farémolo en varios pasos. Pero antes de nada, debedes comprobar que tedes presentes as actividades realizadas, contades con anotacións e todos os documentos que fostes elaborando e, naturalmente, que os tedes convenientemente organizados. Se non é así, aproveitade para organizar. Unha vez que todo estea en orde, podemos iniciar a nosa revisión en dúas fases: unha vendo como os nosos compañeiros valoran o noso traballo creando unhas zonas de revisión, e una segunda fase pensando dentro do grupo como mellorar cunha autorevisión.

Tarefa. Revisión en 2 fases

Duración:
30
Agrupamento:
Grupos cooperativos (3-4 persoas)

Fase 1: Zonas de revisión

revisión en zonas
Freepik (CC BY-SA)

Esta actividade baséase na revisión cooperativa mediante zonas, permitindo que os grupos avalíen e enriquezan os traballos dos seus compañeiros a través dunha rotación estruturada.

Paso 1: Preparación de estacións

Cada grupo organiza a súa zona de presentación, que pode ser física ou dixital, onde expón o traballo realizado xunto coas anotacións feitas ao longo das tarefas e as observacións que queiran engadir. Esa zona pode crearse simplemente como un espazo nun pupitre físico ou como un espazo dixital a través dunha carpeta compartida ou calquera outro medio accesible para a revisión (por exemplo, mediante unha revisión de pares en Moodle).

Paso 2: Rotación estruturada

Os grupos divídense en subequipos de dúas persoas. Cada subequipo visita dúas zonas asignadas de forma aleatoria. En cada zona, dispoñen de catro minutos para analizar o traballo seguindo tres criterios: eloxiar, cuestionar e propoñer. Na fase de eloxio, identifican e destacan dous aspectos sobresaíntes, como a claridade conceptual ou a creatividade técnica. Na fase de cuestionamento, formulan unha pregunta en forma de crítica desafiante que fomente a reflexión e a análise, por exemplo: "Como podería esta proposta levarse a cabo por alumnado de primaria?". Finalmente, na fase de proposta, suxiren un recurso adicional ou un método que contribúa a mellorar o traballo revisado.

Paso 3: Rexistro en cadea

Cada comentario anótase nunha matriz rotativa (pódense empregar tamén tarxetas ou post-its físicos ou dixitais), xerando un fío de retroalimentación acumulativa. Deste xeito, cada novo grupo visitante pode acceder aos comentarios previos e construír sobre eles, achegando novas perspectivas e enriquecendo o debate.

O tempo total estimado para a actividade é de 15 minutos, incluíndo a rotación e o rexistro da información.

Preguntas de orientación para a reflexión e mellora

  1. Que aspectos destacaron máis os grupos revisores nos distintos traballos e por que?
  2. Como influíu a dinámica na calidade da retroalimentación recibida?
  3. Que melloras poderían introducirse no proceso de revisión para facelo máis eficaz?
  4. Que impacto tivo a interacción con outras estacións na comprensión e profundidade do tema traballado?

Fase 2. Autorevisión e mellora.

Despois de recibir as revisións sobre o traballo realizado, cada grupo analiza o seu propio desempeño e dinámica a partir das reflexións obtidas. Este proceso desenvólvese en dous pasos: primeiro, cada integrante responde individualmente durante tres minutos; logo, o grupo discute e acorda respostas conxuntas durante cinco minutos. Para facilitar a avaliación, empréganse oito preguntas, combinando catro de resposta aberta e catro deseñadas en formato de escala.

Preguntas de resposta aberta

Revisión en grupo
Freepik (CC BY-SA)
  • Que concepto ou idea vos resultou máis interesante?
  • Como cambiou a vosa percepción sobre a IA e a linguaxe desde o inicio da unidade?
  • Que parte vos resultou máis fácil e por que?
  • Que parte vos custou máis e como a superastes?

Escala de valoración (1-4)

Puntúa de 1 a 4 o teu acordo ou desacordo coas seguintes afirmacións, onde o valor 1 significa "Nada de acordo", o 2 "Pouco de acordo", o 3 "Bastante de acordo" e o 4 "Totalmente de acordo".

  • A. Todos os membros do grupo participaron de forma equitativa.
  • B. Organizámonos eficazmente para repartir as tarefas e xestionar a comunicación.
  • C. Colaboramos e axudamos aos compañeiros cando alguén tiña dificultades.
  • D. Mantivemos un ambiente de traballo respectuoso e xestionamos ben os desacordos.

Conclusión

Rexistrade que acordos tomades para o futuro para que se poidan seguir comprobando ao longo de todas as sección e para futuras actividades de aprendizaxe.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)