Saltar navegación

Que é o deseño?

Información

A palabra deseño procede do italiano disegno que significaba debuxo ou esbozo, referíndose ao plan ou disegno interno dunha obra. Ao mesmo tempo o produto final, o resultado en sí, era coñecido como o disegno externo. Así, a noción de deseño contén dende o seu inicio dúas ideas fundamentais:

  • O deseño como proxecto: un proceso previo mental para atopar unha solución a un problema.
  • O deseño como produto: a última fase do proceso creativo que remataría coa realización do produto.

Michael Erlholff no 1987 propón unha definición que axuda a centrar esta noción tan ampla do deseño e que o distingue da arte. Para este autor o deseño ten que ter xustificación práctica e ha de ser, polo tanto, funcional e concreto, pero tamén ten que atender aspectos sociais e ser significativo.

nube de palabras sobre o deseño
Elena Samartino (CC BY-NC-SA)

Nesta mesma liña preséntase a materia de Deseño de 2º Bacharelato. Na introdución ao currículo podemos ler:


O deseño converteuse nun elemento de capital importancia en todos os tipos de producións humanas e constitúe hoxe un dos principais motores da economía cultural. O deseño aplícase en todos os ámbitos e atópase por todas as partes, penetrando no cotián de tal xeito que a súa omnipresencia tórnao imperceptible. A función do deseño na sociedade contemporánea non debe entenderse unicamente como o proceso de ideación e proxección para a produción de obxectos, sexan estes bidimensionais ou tridimensionais. Un problema de deseño non é un problema circunscrito á superficie xeométrica de dúas ou tres dimensións. Todos os obxectos se conectan sempre cun contorno, directa ou indirectamente, e, xa que logo, o conxunto de conexións que un obxecto establece con moi distintas esferas é extensísimo. Por iso, o/a deseñador/a debe contribuír a que se estableza unha relación recoñecible e inmediata da persoa co seu contorno, onde este se fai accesible, amable, útil e adaptado. O deseño debe atender tanto aos aspectos materiais, tecnolóxicos e funcionais dos obxectos como aos simbólicos e de comunicacións. Un bo deseño contribúe a que poidamos utilizar eficazmente os obxectos dun xeito intuitivo e cómodo, ou a que comprendamos con rapidez as mensaxes do noso contexto.

Nesta concepción tan holística, o deseño convértese nunha actividade artística fundamental na que se unen os aspectos estéticos, funcionais, tecnolóxicos, comunicativos, culturais e simbólicos.

Publicidade Nova Iorque
                                   Publicidade urbana (CC0)

A materia de Deseño de 2º de Bacharelato aborda os seguintes bloques:

  • O primeiro bloque estuda o devir histórico nos principais ámbitos do deseño, e debe contribuír a que o alumnado comprenda que a actividade de deseñar sempre está condicionada polo ámbito natural, social e cultural en que se desenvolva.
  • O segundo bloque está dedicado á análise e ao estudo dos elementos de configuración específicos para o deseño de mensaxes, obxectos ou espazos en función das súas dimensións formais, estéticas, comunicativas e simbólicas.
  • O terceiro bloque incide na importancia da metodoloxía proxectual como unha valiosa e necesaria ferramenta que canalice a creatividade, a fantasía e a inventiva á eficaz resolución de problemas de deseño.
  • Tanto o cuarto bloque como o quinto pretenden ser unha aproximación ao coñecemento e á práctica do deseño nos ámbitos da comunicación gráfica, do deseño de obxectos e do deseño de espazos.