Saltar navegación

Deseño sostible

Reflexión

Que significa ter un modo de vida sostible? Cres que ese concepto se pode trasladar ao deseño? Comenta co resto do grupo as túas conclusións.

Información

Vivimos nunca época na que cada vez se consume máis, nun mundo superpoboado e no medio da maior crise climática á que a humanidade se ten enfrontado. Neste contexto, as persoas consumidoras están cada vez máis concienciados da necesidade dun cambio de modelo no seu modo de vida, reivindicando produtos máis ecolóxicos e sustentables. Así, as tendencias actuais no deseño incorporan as preocupacións das persoas e tentan dan unha resposta aos problemas da sociedade.

O deseño sostible é aquel que toma en consideración factores económicos, sociais e de impacto ambiental nas súas fases de proxección e de produción. Este concepto aparece inicialmente nos anos 80 do século XX na exposición The Green Design organizada polo Design Council (Consello de deseño) do Reino Unido.

Un deseño será sostible se cumpre as chamadas E3: Economía, ecoloxía e equidade; é dicir, ten que ser viable economicamente; ten que ser respectuoso co medio ambiente, coas materias primas e co aforro de enerxías e, ademais, ha de aportar beneficios sociais e cumprir cos dereitos humanos.

COMO FACER UN DESEÑO MÁIS SOSTIBLE?

  • Empregar sempre que sexa posible materias que procedan de fontes renovables.
  • Deseñar produtos con eficiencia enerxética.
  • Evitar a obsolescencia programada.
  • Evitar deseños de produtos con moitos consumibles desbotables ou que estes sexan reciclables ou reutilizables.
  • Colaborar con empresas que respecten os dereitos laborais dos traballadores.
  • Favorecer a inserción inclusiva dos traballadores.
  • Aplicar os principios de sustentabilidade a todas as fases do produto, incluíndo o seu traslado e transporte (pegada de carbono).

O deseño ecolóxico non é o mesmo co deseño sostible, xa que aquel refírese ás cuestións relativas á saúde medioambiental. Este tipo de deseño implica: 1) a minimización do impacto ambiental do produto en todas as fases da súa existencia. 2) O aforro de enerxías e de todo tipo de recursos (por exemplo, empregar unha tipografía que consuma menos tinta, materia prima de cercanía, etc). 3) Utilización de materiais que sexan reutilizables e reciclables.

Pode ser que un deseño ecolóxico non sexa sostible. Isto acontece normalmente porque moitos ecodeseños son inviables economicamente.

deseño sostible
Elena Samartino (CC BY-NC-SA)

Nas últimas décadas están xurdindo ideas alternativas ao modelo de produción e consumo de produtos. Unha delas é a da economía circular, que propón unha alternativa ao ciclo de extración de materias primas-produción-consumo do produto e finalmente tiralo no lixo por un ciclo sustentable:

        Extracción de materias primas-produción-consumo-reutilización-reciclaxe.

Ampliación

Nesta entrevista de Triquels á deseñadora gráfica Uxía de Universo Meraki abórdanse cuestións moi importantes que se poden aplicar a todos os ámbitos do deseño:

  • Toma notas das ideas que dá a entrevistada e comenta en que proxectos inclusivos colabora.
  • Investiga a que se dedica a empresa Triquels. Paréceche suxestiva?

entrevista