SÉCULOS XVI E XVII
Pensadores e artistas como Leonardo Da Vinci, quen deseñou varios enxeños musicais ao estilo de tambores mecánicos, Athanasius Kircher, cos seus órganos controlados por auga e outros trebellos capaces de imitar diferentes cantos de aves e facer soar pequenas campás, ou Robert Fludd, prestaron atención á disciplina da construción de autómatas tal e como deixaron plasmados nos seus tratados.
Outros se perderon e so os coñecemos por descricións como os atribuídos a Juanelo Turriano, reloxeiro da corte de Carlos I. Un deles era unha figura feminina que, colocada sobre unha mesa, danzaba arredor dela ao son do tambor que ela mesma tocaba.
Organo hidráulico de Robert Fludd (1624)| Wellcome Images| CC BY SA NC| Wikipedia
Nestes séculos os autómatas cobrarán cada vez máis protagonismo converténdose en bens prezados pasando a formar parte das coleccións de monarcas e nobres, moitas veces dentro dos seus famosos Gabinetes de Curiosidades. Eran estes espazos nos que se custodiaban obxectos pouco convencionais de diferente natureza (plantas, animais disecados, minerais, obxectos curiosos, obras de arte, etc.), cámaras de marabillas que serían en boa medida os antecesores dos actuais museos.
Tamén veremos como se incrementa a proliferación da mecánica aplicada aos reloxos e o conseguinte engadido de carillóns musicais ou figuras que representan algunha escena ao tempo que interpretan música.
Outros espazos nos que os autómatas ocuparán un papel especialmente relevante serán os xardíns, integrándose cos elementos naturais e, moitas veces, incluso confundíndose con eles. Dous exemplos ben interesantes destes, tamén coñecidos como xogos de auga, son os que se atopaban no pazo Aldobrandini, cunha orquestra de autómatas musicais formada polas nove musas, ou os do vila Pratolino onde unha figura que representaba ao deus Pan movía a cabeza e os ollos mentres interpretaba unha melodía á frauta.
Un exemplo destas escenas musicais é o que podemos ver na imaxe seguinte de Isaac de Caus, que seguirá o traballo desenvolvido polo seu irmán Salomón, na que unha Galatea é levada pola auga sobre dous delfíns mentres un Ciclope toca unha frauta de pan ou siringa.
Isaac de Caus |Nouvelle invention de lever l'eau (1657)| Dominio Público| Archive.org