Saltar navegación

Antigüidade

ANTIGÜIDADE

Temos múltiples referencias á existencia de autómatas dende tempos ben remotos, como por exemplo os atribuídos, segundo a mitoloxía chinesa, ao emperador Houang-Ti quen os usaba arredor do ano 2630 a.c. como soldados, ou outros capaces de xogar ao tric-trac, un xogo similar ao backgammon.

En Exipto hai noticias da existencia dunha estatua do deus Anubis que podía mover a mandíbula parecendo que falaba e, na lenda dos Argonautas atopamos a Talos, un autómata  de bronce xigante que protexía a cidade de Creta.

No seu texto Política o filósofo Aristóteles xa imaxina a posibilidade de construír aparellos musicais automáticos capaces de funcionar de seu sen intervención humana.

Pero será en Alexandría onde os autómatas coñezan a súa primeira idade de ouro gracias ao grande desenvolvemento da pneumática e a hidráulica, concretamente da man de Ctesibio quen aplicou estes descubrimentos a diferentes enxeños capaces de medir o tempo, reloxos de auga coñecidos como clepsydras, que incluían en ocasións figuras que se movían e que incluso facían soar pequenas trompetas.

Clepsydra con automatasClepsydra con automatas |Dominio Público|Wikipedia

Pero de entre todos os científicos e inventores da Escola de Alexandría, quizás foron Filón e Herón os que deixaron unha maior pegada sentando as bases do traballo con autómatas durante centos de anos.

Filón, a quen situamos no século III a.c., adicou a súa creatividade, a parte de á construción de diferentes enxeños prácticos, a deseñar aparellos sonoros, algúns tan simples como un faro que asubía ou paxaros que cantaban, e outros máis complexos como un conxunto no que se escenifica unha escena na que un monstro tenta beber auga dun río mentres outro personaxe quere impedilo, o que provoca que a besta emita ameazantes sopridos e ronquidos.

Pero será Herón quen, nos primeiros anos da nosa era, culmine a mestría da escola de Alexandría con tratados que, felizmente, chegaron ata nos e que son especialmente relevantes para o tema aquí tratado. Un deles é Pneumática, onde, co fin de explicar os teoremas expostos propón exemplos lúdicos como animais que emiten sons, figuras de músicos e ata un órgano que funciona con auga, o famoso hydraulis. Incluso adicou un tratado específico aos autómatas de diferente natureza, algún movidos mesmo pola enerxía do lume como o que se pode ver na seguinte ilustración.

Autómata con lume de Herón 

Automata sonoro con tormpetista e paxaro cantor de Herón segundo Aleotti |Dominio Público|Archive.org