Saltar navegación

ROBOTS E AUTÓMATAS

A. Kircher. Deseño de órgano hidráulico con automatas. Musurgia universalis (1650) | Wellcome Library|CC BY 4.0 |  Wikipedia

Nestes primeiros apartados vamos coñecer un pouco o mundo dos robots e os seus antecesores, os autómatas.

Aprenderás sobre a súa historia, como foi cambiando o seu rol na cultura e na sociedade, e de que xeito se sitúan nun espazo intermedio entre a arte, a ciencia e a tecnoloxía. Ademais comprenderás porque estes enxeños rara vez deixaron a alguén indiferente, merecendo, ben pola súa verosimilitude ou polas súas capacidades sobrehumanas, a admiración duns e o temor doutros, .

Partindo da temática que aborda esta proposta pedagóxica centrarémonos naqueles de natureza musical ou sonora, aínda que mencionaremos algúns outros exemplos pola súa relevancia ou carácter insólito co fin de deixarnos fascinar polo amplo universo dos enxeños mecánicos.

Este contido histórico non é necesario para poder traballar os aspectos máis prácticos que veremos logo, pero penso que é unha parte da nosa cultura que pode ser de interese para aqueles e aquelas de vos que queirades coñecer un pouco mais sobre a relación entre os seres humanos e as máquinas.

AUTOMATAS

A palabra autómata procede do grego, concretamente de automatos, que se refire a algunha cousa que actúa de xeito autónomo.

A maioría dos dispositivos que dende a antigüidade entran nesta categoría son aparellos que, a través do virtuosismo mecánico e artístico, tratan de emular a seres, persoas e animais, dando a sensación de que están vivos de seu. Esta é a razón pola que moitas veces foron considerados como obxectos máxicos.

Neste sentido os autómatas son os antecesores dos nosos robots actuais xa que, manteñan ou non semellanzas cos seres vivos, os robots actuais tratan de suplir certas tarefas realizadas polo ser humano imitando, e incluso mellorando a súa capacidade para realizar estas actividades incrementando a forza, a precisión e a velocidade, aínda que, polo momento, carecen doutras virtudes.

Os robots forman, directa ou indirectamente, parte da nosa vida sendo elementos moi importante no proceso de mecanización que leva acontecendo dende a revolución industrial.

Podemos atopalos facendo operacións tan sinxelas como abrir ou pechar unha porta, formar parte dunha cadea de montaxe ou ocupándose de operacións moito máis complexas, especialmente nos últimos anos co desenvolvemento sa Intelixencia Artificial, o que lles permite certo grado de aprendizaxe.

Segundo a primeira acepción do dicionario da Real Academia Galega un Autómata é un "mecanismo que imita os movementos dun ser animado". Pola súa banda un Robot sería un "aparello electrónico con capacidade para substituír ao ser humano na execución dalgún traballo, particularmente manual, xa que pode executar automaticamente operacións e realizar diversos movementos" (RAG). Realmente non existe unha diferencia clara entre uns e outros, sendo moitas veces palabras equivalentes, aínda que cada vez máis a  palabra Robot substitúe á palabra latina Autómata, usada durante moitos séculos.

O termo Robot aparece por primeira vez na literatura do autor Karel Capek quen a principio do século XX a utiliza na súa obra de teatro de ciencia ficción R.U.R, acrónimo que significa Robots Universais de Rossum  e ten o súa orixe na palabra checa robota, que significa servidume ou traballo forzado.

Imaxen da obra de  Karel ČapekImaxe da obra de teatro de Karel Čapek|Dominio Público | Wikipedia