Saltar navegación

HISTORIA E CULTURA

The Honorable Historie of F. Bacon and F. Bongay. Cabeza parlante dicindo "O tempo é. O tempo era. O tempo é pasado" (1650) |Dominio Público | Wikipedia

Nos seguintes apartados faremos, a través dunha pequena escolma dos exemplos máis destacados, un breve percorrido pola historia dos autómatas. Veremos como pasaron de ser obxectos de luxo nas principais cortes e nos pazos máis importantes a converterse en entretementos mecánicos que se podían adquirir por un baixo custo a principios do século XX convertidos en xoguetes.

Falaremos de como o ser humano aproveitou os coñecementos tecnolóxicos da súa época para utilizar enerxías como a hidráulica ou a do vento co fin de activar diferentes mecanismos complexos nos que se enlazaban rodas dentadas, resortes e correas para multiplicar as forzas e os movementos conseguindo obxectos que en ocasións estiveron baixo sospeita de ser obxectos de embruxo.

Veremos tamén reloxos con galos que cantan, cabezas mecánicas que falan, patos que fan a dixestión, misteriosos campións de xadrez, autómatas que tocan instrumentos, paxaros de diferentes especies que facían as delicias dos seus propietarios, tanto no interior das súas casas como nos seu xardíns confundíndose cos reais, e tamén coñeceremos ao párroco dun pobo agochado na provincia de Ourense que foi o primeiro en escribir en castelán un libro sobre autómatas, e mais concretamente sobre autómatas musicais.