Saltar navegación

Idade Media

IDADE MEDIA

A idade media tamén conta cun interesante repertorio de automatismos de diferente natureza, algúns tan espectaculares como os que deberon formar parte do Trono de Salomón en Bizancio encargado arredor do 835 d.c. polo emperador Teófilo, construído en ouro e pedras preciosas.

Segundo as testemuñas que chegaron ata nós, cando o emperador se achegaba para sentarse, un conxunto de paxaros mecánicos emitían os seus sons logo do que os dous autómatas que o custodiaban, con aspecto de leóns, golpeaban as súas colas contra o chan e emitían un ruxido.

Outros exemplos especialmente interesantes os atopamos na cultura islámica como o frautista recollido no Libro de mecanismos enxeñosos polos irmáns persas Banu Musa no 850 d.c. compilando boa parte do coñecemento antigo.

Continuador desta tradición será o artista, matemático, astrónomo e inventor Al-Jazarí. Moitos dos traballos deste xenio podemos aprecialos na súa obra Libro do coñecemento de enxeñosas invencións xeométricas escrito arredor do ano 1200 d.c. e que contén unhas fermosas ilustracións.

Neste tratado, a parte de diferentes reloxos con elementos musicais ou animais que emitían sons na liña dos antes mencionados, atopamos un fermoso barco que, a aparte de desprazarse, tiña na súa cuberta catro autómatas músicos.  

Barco autómata con músicos de Al-Jazari Barco cun grupo de autómatas músicos | Al-Jazari |Dominio Público|Wikipedia

Existen outras referencias na Idade Media a figuras con diferentes partes do corpo articuladas utilizadas en cerimonias relixiosas cristiás, aínda que moitas delas eran movidas manualmente entrando máis na categoría de marioneta que de autómata propiamente dito, como é o caso do Santiago Apóstolo no mosteiro de Las Huelgas. Este mexía o seu brazo armado cunha espada sendo accionado mediante unha corda e era utilizado cando se armaba a alguén cabaleiro da Orde de Santiago.

Non faltaban os animais cantores como o León do concello de Görlitz (Alemaña) que emitía un feroz ruxido producido por varios tubos de órgano soando ao mesmo tempo, ou o que formaba parte do primeiro reloxo da catedral de Estrasburgo que data do século XIV. Trátase dun galo feito en madeira e metal que, ademais de moverse, cantaba as horas mediante unha serie de trompetas. Este está considerado o autómata máis antigo que conservamos ata a data.

Galo autómata da catedral de Estrasburgo

Galo da catedral de Estrasburgo|CC BY SA| Ji-elle | Wikipedia