Saltar navegación

PRESENTACIÓN

A finalidade desta proposta é achegarnos tanto á creación musical como á robótica dun xeito diferente, fundindo a experimentación sonora coa ciencia e a tecnoloxía. O obxectivo é explicar as diferentes posibilidades que temos á hora de imaxinar e desenvolver instrumentos musicais mecánicos que se poidan programar e controlar usando un ordenador mediante unha placa electrónica de hardware libre tipo Arduino.

Un dos ámbitos que mellor representa este enfoque multidisciplinar é o da robótica, xa que implica un coñecemento de técnicas de fabricación e enxeñaría, electrónica e programación para crear dispositivos que poidan funcionar de forma independente e autónoma. Neste caso centrarémonos na aplicación destes coñecementos á creación de robots musicais.

A finalidade da proposta é fomentar a auto-aprendizaxe e a experimentación, así como a creatividade a través da comprensión da tecnoloxía e a súa relación coa música. Búscase profundar nas súas posibilidades como material expresivo incluíndo no proceso unha reflexión sobre a tecnoloxía actual e a nosa relación coas máquinas non como simples usuarios, se non tamén como creadores.

Este enfoque tamén quere xerar un coñecemento amplo establecendo unha relación entra a tradición histórica dos autómatas e outras manifestacións artísticas contemporáneas como a das Instalacións no contexto da Arte Sonora.

O material consta de 4 unidades:

Robótica musical I céntrase nunha introdución histórico, cultural e teórica ao mundo dos autómatas e dos robots e como o seu rol na sociedade foi cambiando. Tamén nos achegaremos á relación que teñen estes dispositivos co mundo da arte en xeral e da música en concreto.

Robótica musical II  poremos a punto o nosos sistema para empezar a traballar e desenvolver os primeiros proxectos e pensar posibles ideas. Consta de varios titoriais para instalar no noso ordenador Arduino e programalo de xeito rápido coa Standard Firmata e Pure Data, co que xa poderemos empezar a controlar diferentes motores.

Robótica musical III aprenderemos a traballar e controlar o fluxo de datos entre Arduino e Pure Data con exercicios básicos para comprender algunhas das ordes de programación e a sintaxe de programación visual por caixas propia de Pure Data

Robótica musical IV está adicada a aprender a controlar tres tipos de activadores que nos serán moi útiles no desenvolvemento dos nosos proxectos musicais (servos, motores DC e solenoides). Veremos propostas de instrumentos mecanizados adquirindo os coñecementos necesarios para poder deseñar os teus propios robots sonoros e conseguir controlalos dun xeito musical.