Saltar navegación

Manual de uso

MANUAL DE USO

Esta proposta didáctica está pensada para desenvolver proxectos artísticos baseados na creación sonora fundamentados no uso da tecnoloxía e as posibilidades expresivas da robótica.

Os contidos están organizados principalmente arredor de titoriais sinxelos e progresivos nos que se explican os coñecementos necesario para o deseño e desenvolvemento de robots musicais partindo da experimentación, individual ou en grupo, tratando de fomentar o intercambio de coñecementos entre os que o desenvolvades, así como entre as diferentes disciplinas de coñecemento. Ao mesmo tempo quere fomentar a, cada vez máis necesaria e pertinente, colaboración entre os diferentes Departamentos.

Os materiais que atoparás, alén das explicacións textuais, serán imaxes fixas e animadas que ilustran os procesos, vídeos con exemplos, cuestionarios e programas xa creados en Pure Data listos para utilizar coa finalidade de que poidas empezar a traballar se queres facer probas sen ter que programar ti os diferentes sistemas.

Se ben a parte tecnolóxica ten bastante peso, tratouse de simplificar todo ao máximo para que se poda traballar sen necesidade de coñecementos previos, aínda que sempre é recomendable que realices as prácticas baixo a supervisión e apoio do profesorado.

Así mesmo, a proposta quere fomentar a relación crítica cos medios tecnolóxicos nos procesos creativos, polo que propón un contexto histórico/cultural inicial sobre a relación entre os autómatas e as posibilidades da robótica na creación musical partindo dun enfoque lúdico.

Se ben isto non é imprescindible para facer a parte práctica penso que ten un especial interese como material de reflexión, debate e traballo.

Pola flexibilidade dos recursos, poden utilizarse en calquera curso da ESO e Bacharelato.

Descargar en .pdf