Saltar navegación

2.6.2 A produción de bens

O proceso de produción de obxectos e, en xeral, de bens de consumo, en síntese, parte das materias primas, utiliza diferentes medios de transformación, lévase a cabo por medio da actividade humana e conduce á obtención dun produto final.

Tipos de produción

  • Artesanía: abrangue técnicas sinxelas de elaboración, manuais ou con ferramenta simple, a partir de materiais naturais ou de doada obtención. Fana en pequenos talleres un ou uns poucos operarios, que realizan todas as operacións da produción. Elabóranse poucas unidades e cada peza é única.
  • Industria: abrangue técnicas moi complexas, aplicadas a calquera material (naturais, artificiais ou manufacturados) realizadas mediante máquinas-ferramenta, co conseguinte aumento da produción. Lévase a cabo en fábricas e todos os obxectos son iguais. Na actualidade a produción industrial realízase mediante a produción en serie de produtos.

Produción en serie

É o sistema de produción de bens en grandes cantidades, usando deseños estándar e cadeas de montaxe en que cada traballador ou grupo se ocupa dun aspecto ou dunha tarefa determinada do proceso de produción. Búscase construír un número de obxectos suficiente para abaratar o prezo de custo e poder ofrecelos ao mercado dentro de marxes competitivas.

Na cadea de montaxe o produto é fabricado paso a paso, á medida que vai avanzando constantemente entre os obreiros e as máquinas-ferramenta.

Empresa e mercado

A grandes trazos, no funcionamento dunha empresa hai que distinguir:

  • Dirección. Inclúense as funcións relacionadas cos obxectivos da empresa e o modo de alcanzalos mediante a toma de decisións.
  • Produción. Conxunto de actividades relacionadas co proceso de produción de bens.
  • Comercialización. Inclúe a distribución dos produtos, publicidade, servizo posvenda ...
  • Loxística. Encárgase da coordinación e do apoio ao resto das funcións, desde os estudos de mercado e o desenvolvemento de novos produtos, ata tarefas de organización de recursos humanos e materiais.

 

 

S25.        Observe os obxectos presentes na súa aula. Analíceos e sinale se se produciron de xeito artesanal ou industrial.