Máquinas e proxectos técnicos
2.5 Desenvolvemento de proxectos técnicos
O proceso de creación dun proxecto técnico, desde a súa concepción ata a construción definitiva do obxecto para o que se desenvolve o proxecto, é unha tarefa complexa que require seguir un determinado método para a levar a cabo.
Método de proxecto
O método de proxecto é un conxunto de accións, organizadas en etapas, encamiñadas á procura dunha solución ao problema técnico que se presenta. As etapas do método son: presentación do problema; procura de información; deseño e elección; planificación, construción, avaliación e divulgación.
- Presentación do problema. Débese identificar o problema e analizalo para saber se pode ter solución. Tamén se deben especificar as condicións iniciais que debe reunir o proxecto técnico para cumprir a solución.
- Procura de información. Utilizar fontes de información (orais, escritas, etc.) que axuden no proceso creativo.
- Deseño e elección. Para chegar a unha solución hai que desenvolver o maior número posible de ideas e seleccionar a máis acaída. A idea seleccionada debe representarse graficamente mediante debuxos e instrucións escritas normalizadas que faciliten a súa comprensión.
- Planificación. Antes de comezar a execución do proxecto cómpre confeccionar unha folla de construción que, xunto coa representación gráfica, sirva de guía para a construción do obxecto. A folla de construción debe de recoller os materiais, as ferramentas e os útiles necesarios, e as operacións que cumpra desenvolver.
- Construción. É o procedemento que permite levar á realidade a idea seleccionada. Require o coñecemento dos materiais, as ferramentas e os útiles empregados, así como das técnicas de traballo e dos riscos e as precaucións que leva consigo o procedemento.
- Avaliación. O obxecto construído debe pasar probas de calidade en que se comprobe se cumpre o cometido para o que se deseñou. Para a avaliación cómpre confeccionar unha folla de avaliación que recolla o grao de cumprimento das especificacións iniciais, as posibles modificacións de deseño, o funcionamento, a idoneidade dos materiais empregados e unha valoración do propio traballo.
- Divulgación e comercialización. Realízase mediante informes técnicos que abranguen os documentos elaborados ao longo do método do proxecto (especificacións iniciais, fontes utilizadas, ideas analizadas, representacións gráficas, follas de construción e avaliación, etc.).
Actividades propostas
S20. Elabore un informe que recolla as etapas do método de proxecto para un obxecto simple, como a vasoira, o bolígrafo ou a cadeira.