Saltar navegación

2.4 Lectura

Evolución das ideas sobre o universo

Desde sempre as persoas intentaron darlle unha explicación á existencia do Universo, comezando pola posición da Terra nel. Dado que a simple vista o Sol a Lúa e as estrelas dan voltas arredor de nós, era evidente colocar o noso planeta no centro do universo. Foi o que fixeron os filósofos gregos, Aristóteles (384 a.C. – 322 a.C.) nomeadamente; é o modelo xeocéntrico. Os corpos deben xirar en círculos perfectos arredor da Terra, xa que se consideraba por aquel entón a esfera como unha forma perfecta.

Poucos anos despois, outro filósofo grego, Aristarco de Samos (310 a.C. – 230 a.C.) propuxo que era o Sol o que estaba no centro do universo, e a Terra e demais planetas xiraban arredor del; e que as estrelas estaban a unha distancia moito maior que o Sol. Pero non lle fixeron moito caso!

O astrónomo grego Claudio Ptolomeo, no século II antes da nosa era, propuxo un modelo xeocéntrico máis perfeccionado que o de Aristóteles, xa que podía explicar o movemento ás veces cara a atrás (retrógrado) de Marte e o seu cambio de brillo, engadindo un segundo círculo (o epiciclo) con centro no círculo principal, de xeito que os planetas xiran arredor da Terra mentres xiran tamén nese pequeno círculo. Con isto Ptolomeo foi capaz de calcular bastante ben a distinta duración das órbitas siderais e deu normas para calcular os eclipses. Ata a aparición das ideas copernicanas, os astrónomos deron por boas as ideas de Ptolomeo.

Nicolás Copérnico, astrónomo prusiano (1473–1543) formulou a primeira teoría heliocéntrica do sistema solar no seu libro De Revolutionibus Orbium Coelestium, que é considerado como o inicio da astronomía moderna. Traballou durante vinte e cinco anos preparando a súa teoría, que os planetas xiran arredor do Sol, e ademais, a Lúa xira arredor da Terra, e que as estrelas están moi lonxe e non xiran arredor do Sol. O movemento retrógrado de Marte queda explicado polo movemento relativo das órbitas da Terra e Marte comparadas co fondo, case fixo, das estrelas. Míreo nesta páxina:

A ruptura querepresentaba para a doutrina relixiosa medieval a substitución dun cosmos co home (a Terra) no centro de todo, por outro solar, fixo dubidar a Copérnico de publicar a súa obra porque temía o enfrontamento coa Igrexa.

Galileo Galilei (1564–1642) empregou por vez primeira o telescopio para estudar o ceo. En outono de 1610 conseguiu fabricar un de vinte aumentos. Descubriu que hai montañas na Lúa, en contra da teoría aristotélica da “perfección esférica”; e tamén descubriu as manchas solares (outra violación da perfección do Sol) e que arredor de Xúpiter xiran satélites (logo non todo xira arredor da Terra!).

 

 

Pero os problemas coa Igrexa non tardaron en aparecer: o cardeal Belarmino, que xa mandara queimar a Giordano Bruno, ordena que a Inquisición faga unha investigación sobre Galileo a partir de xuño de 1611. O 25 e o 26 de febreiro de 1616 a censura é ratificada pola Inquisición e polo papa Paulo V; as ideas copernicanas heliocéntricas son condenadas pola Igrexa. En 1633 acode a Roma ao tribunal do Santo Oficio; os interrogatorios proseguen ata o 21 de xuño, cando Galileo, perante as ameazas de tortura baixo as ordes do papa Urbano VIII, cede. Galileo é condenado a prisión de por vida, aínda que esta pena se lle conmuta pola de quedar recluído na súa casa. Galileo ten que abxurar das súas teorías e a súa obra é condenada. Houbo que agardar ata o papa polaco Xoán Paulo II (31 de outubro de 1992) para que a Igrexa levantase a condena contra Galileo!

Hoxe sabemos que nin o Sol é o centro de nada. O Sol é unha estrela máis da galaxia Vía Láctea, e non está no seu centro, senón na periferia nun dos seus brazos espirais.

A partir de Galileo, a astronomía moderna non parou de evolucionar, e así o segue facendo na actualidade: as ideas sobre o universo (ou multiversos) non están acabadas, todo o contrario.

Se quere saber máis, busque na internet temas como: expansión de Hubble, big bang, radiación cósmica de fondo, buratos (furados) negros, materia escura, enerxía escura, relatividade de Einstein, etc. Pode empezar con estas páxinas web:

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0