Saltar navegación

2.3.6 Flotabilidade nos gases

Os gases son fluídos e podémoslles aplicar tamén o principio de Arquímedes do pulo. A densidade do aire, a nivel do mar, é aproximadamente 1,29 kg/m3 (arredor de 800 veces menor que a da auga líquida). Daquela o aire empurra cara a arriba todos os corpos que estean nel cunha forza normalmente pequena, agás no caso de que o corpo teña un gran volume.

Se un corpo que está no aire ten unha densidade menor que a del, subirá. Isto ocórrelle ao aire quente; os globos aerostáticos poden voar porque levan aire quente no seu interior. Os globos que se enchen con helio (gas nobre, lembra) tamén flotan e van cara a arriba. Nun día de moito sol, o chan quece; o aire en contacto con el tamén quece e forma unha corrente de aire ascendente.

 

 

Actividades propostas

S27. O volume dunha persoa de 70 kg é aproximadamente de 0,07 m3. Comprobe que a forza de pulo do aire cara a arriba é de 0,88 N (o peso desa persoa é de 686 N).

S28.  O alemán Graff Zeppelin foi un construtor de globos dirixibles a mediados do século XX. Os globos estaban inflados con hidróxeno, H2, que por ser un gas menos denso que o aire facía flotar o dirixible e así poder voar. Tiña motores e transportaba persoas. Pero ao pouco tempo deixouse de usar o hidróxeno para encher os globos dirixibles. Sabe por que? Se non, busque en internet a palabra Hindenburg e verá por que.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0