Saltar navegación

2.3.1 Movementos: sistemas de referencia

 

Comezamos aquí a descrición dos movementos dos corpos desde o punto de vista físico-matemático. Como sabemos se un corpo se move? Semella unha pregunta sinxela, non?

Imaxínese nas seguintes situacións: sentado/a na aula ou na súa casa; de pé na parada, esperando polo autobús; viaxando no autobús a 80 km/h. En cales destes casos está vostede en movemento? Pois... realmente non podemos contestar! Absurdo? Pensemos un pouco máis.

Estamos na clase. Se nos preguntan: móvese o encerado? dicimos que non, xa que o vemos parado. E se nos preguntan: móvese a Terra? dicimos que si, porque sabemos que dá voltas arredor do Sol. Pero o encerado está na Terra, e se esta se move... daquela o encerado tamén está en movemento. Logo... móvese ou non se move? Pois si e non, ou mellor, depende. Respecto das paredes da aula, non se move; respecto do Sol, si que se move.

Sistema de referencia

Xa ve que para poder contestar ben á pregunta de se un corpo se move ou non temos que coller outro como referencia. A este último chámaselle sistema de referencia. Non podemos saber se un corpo se move ou se está en repouso sen comparalo con outro, así que o movemento é relativo: os corpos móvense uns respecto dos outros. É imposible saber se hai algún obxecto en repouso no universo.

 

Actividades resoltas

Conteste agora ás preguntas que nos faciamos ao comezo: móvese cando...?

  • Está sentado/a na aula ou na casa?

Respecto da aula non, pero respecto do Sol ou da Lúa si, por exemplo.
  • Está de pé na parada esperando polo autobús?

Igual que no caso anterior.
  • Viaxa no autobús a 80 km/h?

Respecto da estrada si que nos movemos, pero respecto do resto do autobús non.

 

 

Móvese o Sol?

Solución Pois depende respecto de que. Respecto da Terra si que se move; tamén se move respecto da galaxia (dá voltas lentamente arredor dela).

 

 

Actividades propostas

S18. Cal é o sistema de referencia en cada caso?

  • Un coche móvese a 72 km/h.  
  • Saturno móvese arredor do Sol. 
  • O avión voa de Santiago a Barcelona. 
  • Unha mosca voa dun lado a outro na sala. 

Habilitar JavaScript

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0