Saltar navegación

2.2 A auga na natureza

A auga é o líquido máis abundante na Terra. É o recurso natural máis importante e base de toda forma de vida, xa que sen ela non é posible a vida vexetal nin animal. Porén, trátase dun recurso natural escaso, irregularmente distribuído por todo o planeta, e que pode presentar diversas formas.

     
     

Formas de auga na natureza

  • Mares e océanos: formados por auga salgada, cobren o 71 % da superficie terrestre, nomeadamente no hemisferio Sur, cun volume total do 97,46 % da auga da Terra.
  • Augas superficiais: en forma líquida en ríos, lagos e augas salvaxes, e en forma de neve e xeo nos glaciares e nos casquetes polares.

Aproximadamente as tres cuartas partes da auga doce da Terra forma parte dos glaciares e dos casquetes polares, entanto que os ríos e os lagos, que son as principais fontes de auga de consumo humano, só representan o 0,01 % da auga do planeta.

  • Augas do subsolo: tamén chamadas augas subterráneas, xa que flúen por baixo da superficie terrestre formando o chamado manto acuífero. En ocasións saen ao exterior formando fontes ou mananciais. As que se achan a menos de 500 m de profundidade pódense utilizar para fins domésticos, agrícolas e industriais.
  • Vapor de auga: diluído na atmosfera e, nunha pequena proporción, en forma líquida formando parte do organismo dos seres vivos.

A auga doce está distribuída moi irregularmente sobre a superficie terrestre. Os grandes depósitos naturais áchanse nos glaciares de Groenlandia e da Antártida, e nos lagos de América do Norte e de Rusia, así como nas zonas húmidas tropicais.

A salinidade da auga do mar, que impide o seu aproveitamento directo polo ser humano, e a dificultade de explotación da neve e do xeo dos glaciares e dos casquetes polares, reducen a menos do 1 % do total a auga doadamente dispoñible polo ser humano, o que a converte nun recurso natural escaso e moi valioso, tanto para a vida no planeta como para o desenvolvemento presente e futuro da humanidade.

 

Volume e distribución da auga total do planeta (volume expresado en miles de km3)

Na táboa seguinte aparecen recollidos os datos da gráfica anterior.

Localización

Volume

(miles de km3)

Porcentaxe de auga do planeta

Porcentaxe sobre total de auga doce

  • Océanos e mares

1 338 000

97,46

-

  • Casquetes polares e glaciares

24 064

1,75

69,30

  • Augas subterráneas

10 530

0,76

30,30

  • Lagos

176,4

0,012

0,26

  • Humidade do solo

16,5

0,001

0,05

  • Atmosfera

12,9

0,001

0,04

  • Ríos

2,1

0,0002

0,006

  • Seres vivos

1,1

0,0001

0,003

  • TOTAIS

1 372 803

100%

100%

 

Actividades propostas

S19  A auga do mar e a dalgúns lagos é salgada.

    • De onde cre que procede o sal que contén?
    • Que elementos adoitan estar presentes nas augas superficiais e nas augas subterráneas?
 

S20  Consulte a táboa ou a gráfica anteriores e compare o volume das augas subterráneas e da auga dos lagos co volume da auga dos ríos.

    • Cantas veces son maiores aqueles que este?
    • Que problemas cre que presenta a súa explotación polo ser humano?

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0