Saltar navegación

2.2.4 A contaminación da auga

Definición de contaminación

A contaminación é unha alteración da calidade da auga que provoca que xa non se poida utilizar para o uso que se lle ía dar no seu estado natural ou cando se ven alteradas as súas propiedades químicas, físicas ou biolóxicas, ou a súa composición. En trazos xerais, a auga está contaminada cando perde a súa potabilidade para o consumo diario ou para a súa utilización en actividades domésticas, industriais ou agrícolas.

Fontes de contaminación

  • Substancias químicas inorgánicas: ácidos, compostos de metais tóxicos (mercurio, chumbo, etc.) que envelenan a auga.
  • Substancias químicas orgánicas: petróleo, plásticos, praguicidas, deterxentes e restos orgánicos procedentes da gandaría e das industrias agroalimentarias.
  • Substancias radioactivas: poden causar defectos conxénitos e cancro.
  • Virus e bacterias patóxenos: procedentes dos refugallos orgánicos que, vertidos á auga ou ao solo en pouca cantidade, poden depurarse de xeito natural, pero que en grandes cantidades provocan contaminación.
  • Contaminación agrícola: producida por fertilizantes químicos (nitratos e fosfatos), herbicidas, insecticidas e outros produtos fitosanitarios.
  • Contaminación doméstica: das augas negras (lavabos e inodoros) e grises (lavadoras, duchas, etc.) procedentes das vivendas, así como as augas pluviais.
  • Sedimentos ou materia suspendida: partículas insolubles procedentes do solo que embazan a auga e que son a fonte de contaminación máis frecuente.
  • Calor: os vertidos de auga quente diminúen o contido de oxíxeno na auga.
   
   

Diversos xeitos de contaminación da auga

Os lagos son particularmente sensibles á contaminación por fertilizantes químicos procedentes dos campos de cultivo, chamada eutrofización. O enriquecemento artificial con estes nutrientes provoca o crecemento descontrolado de plantas e outros organismos que, ao morreren, podrecen e cheiran, co que diminúe a calidade da auga. No proceso de putrefacción consómese unha grande cantidade do oxíxeno disolvido na auga e esta deixa de ser apta para a maior parte dos seres vivos. O resultado final é un ecosistema case destruído.

 

Crecemento desmedido das algas durante o proceso de eutrofización dun lago

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0