2.2.5 O ciclo urbano da auga
As persoas, as industrias e a agricultura utilizan a auga a diario, pero esta non procede directamente do medio, senón que é tratada previamente para garantir que posúa as condicións axeitadas para o uso ao que se destine. Logo de que a auga se utilice non retorna directamente ao río, ao mar, etc., senón que debe pasar por un proceso de depuración.
A auga de abastecemento
Para que a auga captada nos ríos ou nos encoros sexa adecuada para o consumo humano é preciso sometela a un tratamento para a converter en auga potable. Este proceso recibe o nome de potabilización e lévase a cabo nas plantas de potabilización.
-


Vista aérea dunha planta potabilizadora de auga
A auga potable pódena consumir persoas e animais sen risco de enfermaren
Logo de captar a auga en ríos, encoros, pozos, etc. condúcese á planta potabilizadora. Aínda que existen varios métodos de potabilización, todos constan das seguintes etapas:
- Filtraxe inicial: para retirar os fragmentos sólidos de maior tamaño (pólas, follas, herbas, animais mortos, etc.).
- Precloración: engádese cloro para destruír a materia orgánica contida na auga.
- Decantación: a auga almacénase en repouso en grandes depósitos para que as partículas máis finas sedimenten. Nesta fase adoitan utilizarse produtos chamados floculantes, que favorecen a concentración das partículas en suspensión para que teñan máis peso e se depositen antes. O repouso natural prolongado tamén favorece a acción do aire e dos raios solares, co que mellora o seu sabor e se eliminan algunhas substancias nocivas.
- Filtraxe: a auga pasa por sucesivos filtros de area para eliminar impurezas que queden.
- Cloración: á auga purificada engádeselle unha pequena proporción de cloro para asegurar a súa total desinfección antes de pasar ás redes de abastecemento.
Se se trata de augas de moi mala calidade, o proceso pode pasar por dúas fases máis:
- Filtraxe con carbón activado: para absorber os olores e os sabores. Ten o inconveniente de que o carbón activado debe ser retirado periodicamente e tratado por procedementos físicos para que recupere as súas propiedades.
- Ozonización: consiste en inxectarlle ozono á auga, un potente desinfectante que se utiliza nos casos máis difíciles. Non lle transmite olor nin sabor, nin deixa residuos. Outra alternativa é a purificación por raios ultravioleta, que impiden a reprodución das bacterias e dos virus que puidera conter a auga.
Finalmente, a auga pasa polas estacións de bombeamento, que a envían a presión ás redes de abastecemento ata que chega aos usuarios finais.
-

Esquema do proceso de potabilización da auga segundo a súa procedencia
As augas residuais
A auga ten un poder natural de autodepuración debido ás bacterias, os insectos e as plantas que viven nela. Pero este poder é limitado, xa que algúns axentes contaminantes, como os plásticos por exemplo, non son biodegradables. Ademais, se o nivel de contaminación da auga é moi alto, pode chegar a matar os seres que viven nela.
A proliferación de núcleos urbanos e o aumento da poboación que se traslada a vivir a eles, están a incrementar o volume de augas residuais contaminadas procedentes deste núcleos e que precisan ser tratadas antes da súa reintegración á natureza.
Estas augas fórmanse pola unión das procedentes de sumidoiros urbanos (augas fecais), das industrias e, en moitos casos, das de chuvia recollidas polos sumidoiros. A maioría dos vertidos de augas residuais non ten tratamento ningún e vai directamente aos ríos ou ao mar, co que os sistemas naturais as van degradando de xeito natural. Co tratamento redúcese a súa carga contaminante e convértense en augas inocuas para o medio.
-

Estación depuradora de augas residuais de Vigo
As etapas do tratamento das augas residuais nas estacións depuradoras son as seguintes:
- Pretratamento: para eliminar os residuos sólidos de maior tamaño contidos na auga (trapos, plásticos, etc.).
- Tratamento primario: por procedementos fisicoquímicos, consistente no repouso en grandes tanques de sedimentación para separar os materiais en suspensión, as graxas, os aceites, etc. Inclúe tratamento para a neutralización do pH e a filtración da auga.
- Tratamento secundario: procedementos bioquímicos para eliminar partículas de menor tamaño. Adoita facerse almacenando a auga en tanques e mesturala con lodos cargados de bacterias aeróbicas que dixiren a materia orgánica. Os tanques teñen sistemas de aireación ou de axitación para subministrar o aire necesario para o crecemento das bacterias. Logo, o líquido lévase a outros tanques, onde se realiza a decantación dos lodos.
- Tratamentos específicos: por procedementos fisicoquímicos, para a eliminación de contaminantes concretos: fósforo, nitróxeno, minerais, metais pesados, compostos orgánicos, etc. Son tratamentos máis caros, que se usan en casos especiais como a purificación do lixo dalgunhas industrias, nas zonas con escaseza de auga en que se necesita purificala para outros usos, etc. O máis común é a hixienización, destinada a eliminar os virus e outros xermes mediante cloración, tratamento con raios ultravioleta, etc
-

Esquema dunha estación depuradora de augas residuais
A lama procedente da decantación recibe un tratamento especial ata que poida tratarse como residuo sólido urbano e se incinere, ou úsase como subproduto, por exemplo, como fertilizante agrícola.
Actividades propostas
S29 Elabore un resumo sobre os tipos de axentes contaminantes da auga e a súa procedencia, logo de procurar en internet a información necesaria.
S30 En que consiste a eutrofización da auga e cales son as súas consecuencias?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0