Saltar navegación

2.2.3 A auga e os seres vivos

Importancia da auga

  • O ciclo da auga na natureza garante que esta non se perda e que poida volver a ser utilizada polos seres vivos, xa que a vida na Terra sempre dependeu dela.
  • Hoxe sabemos que a vida se orixinou na auga, e que os grupos zoolóxicos que evolucionaron para adaptarse á vida en terra firme seguen a manter dentro deles o seu propio medio acuático, encerrado e protexido contra unha excesiva evaporación.
  • A auga constitúe máis do 80 % do corpo da maioría dos seres vivos.
  • Intervén na maior parte dos procesos metabólicos que teñen lugar nos seus organismos.
  • Desempeña un importante papel na fotosíntese das plantas.
  • Ademais, serve de hábitat a unha grande parte dos organismos vivos.

Conclusión

Dada a súa importancia para a vida e debido ao aumento das necesidades de consumo de auga polo continuo desenvolvemento da humanidade, temos a obriga de conservar este recurso protexendo e conservando integramente tanto a auga como medio que a rodea, evitando toda posible contaminación ou dilapidación. É o noso deber coidar os recursos hídricos para as futuras xeracións e tomar conciencia de que a auga é un dos recursos naturais máis importantes polo papel que desempeña na existencia de todos os seres vivos.

Porcentaxe de auga nalgúns seres vivos e alimentos

  • Ser humano

65 % – 70 %

 

  • Mazá

85 %

  • Peixes

65 % – 80 %

  • Pataca

80 %

  • Árbores

50 % – 75 %

  • Ovos

75 %

  • Tomates

95 %

  • Pan

35 %

A desigual distribución da auga

A distribución das precipitacións e dos fenómenos de evaporación na superficie terrestre non é uniforme, pero podemos sinalar tendencias xerais: nas zonas subtropicais e polares hai máis evaporación que precipitacións.

Pola contra, nas zonas tropicais e nas de latitudes medias as precipitacións predominan sobre a evaporación. Xa que logo, o que alimenta estas precipitacións é o vapor de auga procedente da evaporación dos océanos subtropicais.

 

Media de precipitacións anuais no mundo

En calquera rexión da Terra a auga almacenada en reservas superficiais e subterráneas varía pouco, xa que as perdas de auga por evaporación e escoamento compénsanse coas precipitacións. Pero co cambio climático agrávanse as condicións de escaseza nas zonas que xa son áridas na actualidade, con menos chuvias e maior evaporación.

Actualmente o 20 % da poboación mundial carece de acceso a auga de suficiente calidade e o 50 % carece de saneamento; África e Asia occidental son as zonas de maior carencia. En resumo, podemos dicir que nos países ricos o problema da auga afecta sobre todo á conservación da natureza e ás posibilidades de crecemento económico, entanto que nos países pobres, ademais disto, a falla de auga potable é a causante directa de doenzas como diarrea e cólera, que producen a morte de 15 millóns de nenos cada ano.

 

Dispoñibilidade de recursos hídricos no mundo

Ademais da calidade da auga de consumo tamén destacan as diferenzas de consumo entre países. Deseguido podemos ver que na India se consome un volume total de auga per capita para uso doméstico semellante ao dun europeo medio só en lavar os pratos e cociñar.

 

Consumo diario doméstico per capita

Usos da auga en España

Os ríos españois recollen ao ano uns 106.000 hm3 de auga, pero só o 10 % desta cantidade se pode aproveitar de xeito natural, xa que teñen grandes diferenzas de caudal entre unhas estacións e outras.

Para poder dispor de auga suficiente construíronse encoros que almacenan a auga na época de chuvias, regulan o caudal do río para evitar inundacións e aproveitan a enerxía hidroeléctrica. A capacidade actual de almacenaxe proporciona uns 2.800 m3 de auga por persoa e ano, aínda que distribuída de xeito moi desigual entre as comunidades.

   

Distribución do consumo de auga en España

Interior dunha planta desalinizadora de auga

Máis das tres cuartas partes da auga consumida en España utilízanse para a rega, arredor do 14 % consúmese nas vilas e nas cidades, e o 6 % na industria. Enténdese que a rega absorba unha proporción tan importante de auga porque a agricultura máis rendible é precisamente a da España seca, e depende en boa medida da dispoñibilidade de auga. Para mellorar o uso da auga na Península é preciso implantar sistemas de rega máis eficientes e decidir se se deben dedicar máis terras ao regadío ou non.

Na subministración de auga ás cidades e ás industrias un dos principais problemas é que as perdas nas canles de distribución por evaporación, fugas, etc., son en moitos lugares superiores ao 50 % da auga repartida.

Para que toda a poboación dispoña de auga sen crear graves problemas de escaseza, é necesaria unha xestión eficaz da extracción e dos usos da auga. Dunha parte cómpre asegurar a subministración de auga coa construción de encoros, a extracción de augas subterráneas e a creación de novas plantas de desalinización da auga do mar, e doutra, mellorar a eficiencia no uso da auga de todas as formas posibles: diminuíndo as perdas en tubaxes e canles, aproveitando convenientemente o uso doméstico e industrial da auga, empregando sistemas de rega eficientes, como a rega por aspersión ou pinga a pinga, reducindo o emprego de auga para usos recreativos (campos de golf, parques, xardíns, etc.) e empregando para estes usos as augas residuais urbanas tratadas convenientemente.

Recuncho de lectura

O mar de Aral perdeu nos últimos 40 anos

o 50 % da súa superficie

O mar de Aral, en Asia central, na fronteira entre Kazakstán e Uzbekistán, perdeu nos últimos 40 anos o 50 % da súa superficie, aínda que segue a ser unha das catro masas líquidas máis grandes do mundo.

A evaporación e a alta salinización deixaron aproximadamente 36 000 km2 cadrados de deserto nun terreo que agora se chama deserto de Aralkum.

Xa que o nivel da auga descendeu 13 m desde os anos 60, o mar de Aral agora está partido en dous: unha gran zona, semellante a unha ferradura, e outra, moito máis pequena, conectada a penas polo Norte.

 

Mais é precisamente o "pequeno" mar de Aral o obxecto dos esforzos internacionais de conservación, porque o máis grande, o que constituiría o leste da ferradura, non ten salvación e os expertos consideran que terá desaparecido dentro de 14 anos. O "pequeno" mar de Aral aínda ten salvación e por iso se construíron varios diques para o separar completamente do mar "grande" e liberalo así da perda de auga e da contaminación salina, mais os esforzos non deron aínda o resultado apetecido, segundo a ESA.

No entanto, científicos dos países veciños e de Rusia, Finlandia, Alemaña, Francia, Italia e España están a estudar o deserto de Aralkum para determinar se poden rexenerar o antigo leito do mar con vexetación e deter a desertización. Un grupo internacional de biólogos, entre os que participa un equipo de Ecoloxía Xenética da Rizosfera, con sede en Granada, analiza desde o ano pasado se os solos degradados polo exceso de sal de Aral poden recuperarse coa plantación de leguminosas e microorganismos fertilizantes. O proxecto internacional, denominado Pladadinfis e financiado con fondos comunitarios, persegue a recuperación de cinco millóns de hectáreas de solos degradados polo sal (50 000 km2) mediante a introdución de plantas leguminosas autóctonas con microorganismos fixadores do nitróxeno atmosférico (rizobios).

El mundo. 24 de xullo de 2006

 

 

Actividades propostas

 

S26  Vexa o mapa de distribución de precipitacións e cite en cada continente as zonas ou os países con máis e con menos precipitacións, respectivamente. A que zonas xeográficas do planeta corresponden?

 

 

S27  Elabore un pequeno traballo acerca do aproveitamento óptimo da auga en España en usos como a agricultura, a industria, o fogar e o lecer, indicando as medidas que ao seu xuízo cumpriría adoptar para mellorar o consumo en cada uso.

 

S28  Lea o extracto do artigo de prensa que se reproduce na páxina anterior e localice nun mapamundi o mar de Aral. Procure información na prensa, en revistas especializadas, en internet, etc., sobre as causas do desecamento deste mar e a súa relación coa acción humana sobre os ríos que o abastecen de auga.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0