2.2.2 O ciclo natural da auga
A cantidade total de auga na Terra nos estados, sólido, líquido e gasoso, e que constitúe a chamada hidrosfera, está distribuída en tres depósitos principais: océanos, continentes e atmosfera, entre os que hai continua circulación, o ciclo natural da auga ou ciclo hidrolóxico. O movemento da auga no ciclo mantense grazas á enerxía radiante do Sol e á forza da gravidade. O ciclo comeza coa transferencia de auga desde a superficie da Terra á atmosfera en forma de vapor, por evaporación directa e transpiración de plantas e animais.
O vapor de auga é transportado pola circulación atmosférica e condénsase despois de ter percorrido distancias que poden ser de milleiros de quilómetros. Ao arrefriar o aire, a auga condensada dá lugar á formación de néboas e nubes e, posteriormente, á precipitación. Esta pódese producir en forma líquida (chuvia) ou en forma sólida (neve ou sarabia). A precipitación tamén inclúe a auga que pasa da atmosfera á superficie terrestre por condensación do vapor de auga (rosada ou orballo) ou por conxelación (xeada).
A auga que precipita na terra ten varios destinos. Unha parte volve á atmosfera por evaporación; outra escorre pola superficie formando o escoamento superficial. A restante penetra no solo por infiltración; esta auga infiltrada pode volver á atmosfera por evapotranspiración ou afondar ata o nivel freático. Tanto o escoamento superficial como o subterráneo alimentan ríos que á fin conducen a auga aos lagos e os océanos.
-

Ciclo natural da auga
O escoamento superficial aparece sempre que existe precipitación e remata pouco despois de acabar a precipitación. Con todo, o escoamento subterráneo prodúcese cunha gran lentitude e segue a alimentar os cursos de auga moito despois de rematar a precipitación que a orixinou. Así, os ríos alimentados polas capas freáticas presentan caudais máis regulares.
A enerxía solar é a fonte de enerxía térmica necesaria para o paso da auga en forma líquida e sólida á forma de vapor, e tamén é a causa da circulación atmosférica que transporta o vapor de auga e move as nubes. Doutra parte, a forza da gravidade é a que produce a precipitación e o escoamento.
O ciclo da auga condiciona a cobertura vexetal e, xa que logo, a vida sobre a Terra, podendo ser visto a escala planetaria como un xigantesco sistema de destilación estendido por todo o planeta. O quecemento das rexións tropicais debido á radiación solar provoca a evaporación continua da auga dos océanos, que é transportada a outras rexións en forma de vapor de auga pola circulación xeral da atmosfera.
Durante a transferencia, parte do vapor de auga condénsase debido ao arrefriamento e forma nubes que orixinan a precipitación. O regreso da auga ás rexións de orixe prodúcese pola acción combinada dos ríos que desembocan no mar e das correntes mariñas.
Alteracións do ciclo da auga
O ciclo da auga pode sufrir alteracións debidas en parte á propia natureza e en parte á acción humana. É sabido que fenómenos naturais, como a erosión producida polo vento, afecta as augas superficiais. Pero outras accións como o corte incontrolado de bosques, a contaminación da auga e a polución atmosférica, debidas á acción humana, inflúen de xeito considerable na modificación do ciclo da auga.
Ademais, o cambio climático que se está a producir no planeta, en parte debido ás causas citadas anteriormente, traerá como consecuencia graves efectos que han alterar o ciclo da auga. Entre eles cabe mencionar a desertización de zonas anteriormente cubertas de vexetación, o aumento do nivel da auga do mar por desconxelación dos casquetes polares e a modificación do réxime de chuvias nas rexións do planeta.
-


Debido ao cambio climático intúese o incremento de fenómenos climáticos extremos, como inundacións e secas, subida do nivel do mar e mingua de precipitacións, coa conseguinte caída das reservas de auga e a proliferación de incendios forestais
Actividades propostas
S24 Elabore un esquema en que se recollan os cambios de estado que experimenta a auga durante o seu ciclo natural e onde se produce cada un.
S25 Consulte nunha enciclopedia ou en internet o significado destes termos: evapotranspiración, escoamento superficial, nivel freático, circulación atmosférica.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0