Saltar navegación

2.3.4 - O nacionalismo ata a fin da Guerra Civil.

As Irmandades da Fala creáronse na Coruña en 1916, da man dos irmáns Vilar Ponte, e espalláronse despois por outras cidades e vilas de Galicia; ese mesmo ano comezan a publicar o seu voceiro, A Nosa Terra.

No 1918 as Irmandades definiron o seu ideario político: “Galicia é unha nacionalidade, e ten o dereito fundamental de ser dona absoluta de si mesma”. Este é o punto de partida ideolóxico do nacionalismo galego. En 1922 deron un xiro cara á non intervención en política: defenden a difusión da cultura galega como obxectivo prioritario do nacionalismo.

Nesta nova faceta aparece a Xeración Nós, que achegará os fundamentos teóricos do nacionalismo galego. Dela formaban parte Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas e Castelao. En 1920 fundaron a revista Nós que, publicada ata 1936, difundiu a idea da existencia dunha cultura propia de Galicia e dignificou o idioma galego.

En 1931 fundouse en Pontevedra o Partido Galeguista, que recolleu todo o nacionalismo disperso, incluídos Castelao e Otero Pedrayo, que xa eran deputados en Madrid. Nel convivían persoas de dereitas e de esquerdas.

Como a Constitución de 1931 recoñecía as autonomías, este partido e outras institucións redactaron en 1932 o Estatuto de Autonomía de Galicia.

  • Art. 1º. Galicia organízase como rexión autónoma no Estado español, consonte a Constitución da República e co presente Estatuto.
  • Art. 4º. Serán idiomas oficiais en Galicia o castelán e o galego; pero nas relacións oficiais da Rexión con autoridades doutras Rexións e coas do Estado, usarase sempre o castelán.(…) Os funcionarios que se designen para actuar na Rexión deberán acreditar o coñecemento da lingua galega.
  • Art. 5º. As atribucións recoñecidas a Galicia neste Estatuto serán exercidas: por unha Asemblea lexislativa, polo Presidente da Rexión, e por un órgano de goberno que se denominará Xunta de Galicia; (…)
  • Art. 7º. O Presidente da Rexión asumirá a representación de Galicia para todos os efectos; e a do Estado nas funcións cuxa execución directa lle corresponda a este. Será elixido por votación popular, directa e secreta, para un período de catro anos, e poderá ser reelixido no mesmo xeito para un período igual. Rematado este segundo mandato, non será elixible ata que transcorran catro anos máis.
  • Art. 14. Correspóndelle á Rexión galega: a) A organización e réxime local de Galicia, (…) b) A lexislación civil galega (…) d) O réxime agrario (…) f) O turismo, a conservación de monumentos (…) h) As obras públicas (…) i) O réxime do transporte por estradas, camiños veciñais e vías fluviais, e a condución de enerxía eléctrica, dentro da Rexión. (…) ll) O desenvolvemento das bases mínimas da lexislación sanitaria do Estado. (…) ñ) O réxime xurídico da vivenda..

Estatuto de Autonomía de Galicia (1932)

 

O 15 de xullo de 1936 Castelao presentouno ante o presidente da República para o seu debate nas Cortes. Pero a Guerra Civil interrompeu as actividades parlamentarias e impediu a súa aprobación.

O golpe de Estado de xullo de 1936 triunfou en Galicia, que axiña quedou no bando rebelde. Isto non impediu unha forte represión contra os afectos á República e ao nacionalismo.

 

Actividades propostas

S28.  Destaque os trazos máis significativos da evolución da poboación galega.

    • Caracterice a sociedade deste período.
    • Que feito mellorou a condición dos labregos?
    • Por que decaeu a importancia dos fidalgos?

S29.   Cite os trazos básicos da economía galega. Que sectores industriais destacan?

S30.    Cal era o ideario político das Irmandades da Fala?

    • Que cambio se produciu en 1922 na evolución do nacionalismo?
    • Quen achegou os fundamentos teóricos do nacionalismo galego?
    • Quen se encargou da redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia?
    • Por que non chegou a aprobarse?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0