Saltar navegación

2.2.1 - O reinado de Afonso XIII (1902-1931)

En 1902, ao cumprir 16 anos, accedeu ao trono, xurou a Constitución de 1876 e mantivo o vello sistema de alternancia dos dous partidos políticos (conservador-liberal), o que provocará o derrubamento da Restauración. Problemas diversos enturbaron o aire político:

  • Partidos políticos distintos aos dous da quenda habitual e os sindicatos máis importantes opúñanse ao sistema (Partido Nacionalista Vasco, Liga Rexionalista Catalá, carlistas, PSOE, UGT, CNT, etc.), así como unha minoría de intelectuais.
  • Derrotas do exército colonial en Marrocos.
  • Corrupción do sistema electoral.
  • Conflitos sociais provocados pola fame, salarios ínfimos, inflación e miseria no campo, sen resposta gobernamental axeitada, como a aplicada noutros países europeos, que implantaron seguros sociais, fixaron un salario mínimo e reduciron a xornada laboral.
  • Terrorismo: atentados contra o rei e asasinatos de políticos.
  • A Semana Tráxica de Barcelona (1909), provocada pola protesta contra a guerra de Marrocos, un forte anticlericalismo e as miserentas condicións do proletariado barcelonés, rematou con máis de 80 mortos.
  • En 1917, e UGT e CNT proclaman unha folga xeral revolucionaria.

A ditadura de Primo de Rivera (1923-1929)

En setembro de 1923 o xeneral Primo de Rivera deu un golpe de estado. Afonso XIII aceptouno: quería un goberno autoritario e concordaba coas súas ideas. Primo de Rivera, respectando a monarquía, suspendeu a Constitución e os partidos, e estableceu un réxime autoritario, concentrando para si o poder político (foto: Primo de Rivera e Afonso XIII).

 alfonso Xiii

Chegou para nós o momento máis temido que esperado (porque quereriamos vivir sempre na legalidade e que ela rexa sen interrupción a vida española) de recoller as ansias, de atender o clamoroso requirimento de cantos amando a Patria non ven para ela outra salvación que liberala dos profesionais da política, dos homes que por unha ou outra razón nos ofrecen o cadro de desgrazas e inmoralidades que empezaron o ano 98 e ameazan España cun fin tráxico e deshonroso (…). Pois ben, agora imos reunir todas as responsabilidades e imos gobernar nós (…). Non temos que xustificar o noso acto, que o pobo san demanda e impón. Asasinatos de prelados, exgobernadores, axentes da autoridade, patróns, capataces e obreiros (…).

Primo de Rivera. Manifesto do golpe militar. 13 de setembro de 1923

Rematou coa guerra de Marrocos. Pero os problemas político-sociais non se solucionaron.

 

Actividades propostas

S19.  Cite os principais problemas do reinado de Afonso XIII.

S20.  No manifesto do golpe de Estado de Primo de Rivera, quite as expresións que se refiran a:

    • a) O golpe é un feito que vai contra as leis establecidas.
    • b) Crítica dos gobernantes.
    • c) Medo a un enfrontamento civil.
    • d) Concentración do poder nas súas mans.
    • e) Apoio da poboación
    • f) Clima de violencia.

S21.  Por que estaba de acordo Afonso XIII coa ditadura?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0