Saltar navegación

2.1.5 - As revolucións científica, tecnolóxica e artística

Os avances científicos e tecnolóxicos

Ao longo do século XX os coñecementos científicos e a súa aplicación tecnolóxica avanzaron tanto como en toda a historia anterior. Se nos fixamos, hai cen anos non existían a televisión, os coches, o forno microondas, os avións, o teléfono móbil, os computadores, os antibióticos, os satélites artificiais, os plásticos, internet, a fecundación in vitro, a enerxía nuclear, os discos, os trens de alta velocidade, a enxeñaría xenética, etc.

Esta carreira tan veloz transformou fondamente a sociedade e a vida particular da xente. Actualmente, durante a vida dunha persoa teñen lugar varias revolucións tecnolóxicas; ata a Revolución Industrial podían pasar milenios en que só houbese unha tecnoloxía.

No último século e medio, o tempo que transcorre desde que se produce un invento ata que é usado masivamente como obxecto de consumo é cada vez menor: así, a electricidade tardou 46 anos en ser utilizada a grande escala; non obstante, o teléfono móbil tardou só 13 (de 1983 a 1996) e internet, 7, de 1991 a 1998.

Os avances científicos do século XX contribuíron ao incremento da esperanza de vida, ao reducir a mortalidade e axudar a producir máis alimentos: a poboación mundial multiplicouse por catro. Os progresos en medicina (vacinas e antibióticos) e as melloras hixiénicas e alimentarias proporciónannos unha maior lonxevidade e calidade de vida.

A rapidez no desprazamento de persoas e de información foi consecuencia da revolución ocorrida nos transportes e nas telecomunicacións: avións, trens de alta velocidade, satélites de comunicación e internet, que permiten transmitir acontecementos en tempo real por todo o planeta.

 

  • De pequeno parecíame unha cousa notable que meu avó nacese no século XIX (…). Un día contoume que en certa ocasión fora dacabalo para lle levar algo a dona Emilia Pardo Bazán desde A Coruña ata as Torres de Meirás. Case non había coches de motor. Aínda que nos resulte difícil hoxe imaxinalo, o cabalo era o principal medio de locomoción a comezos do século XX.
  • Meu avó foi quen en 1946 conseguiu no Colexio Médico unhas doses de penicilina, que acababa de aparecer, para curarme unha otite, ao pouco de nacer. Os antibióticos representaban para el un dos exemplos do progreso no século da modernidade. Outros inventos que valoraba moito eran a electricidade, sobre todo as lámpadas, e a radio. (…). Non puido chegar a ver por televisión a Armstrong sobre a Lúa, nin coñeceu os computadores, nin oíu falar dos transplantes, e nin sequera imaxinou que os discos de vinilo que empezara a regalarme deixarían de existir.

Núñez, R. El siglo de la ciencia. Revista Muy-Especial. Xullo-agosto de 1999. [Tradución]

 

O Impresionismo

Entre 1870 e 1900 naceu a pintura moderna da man duns pintores que dan importancia ás escenas da vida urbana moderna e ás paisaxes, sen narraren historia ningunha. Pintan a realidade segundo eles a ven, segundo a súa “impresión”.

Afástanse da perspectiva tradicional, descobren novos puntos de vista, inventan encadramentos insólitos e, no canto de modelaren os volumes co claroscuro, fano co contraste das cores puras. As pinceladas son soltas, dadas con rapidez e nótanse claramente. Para estes artistas o único que conta son a tea, o pincel e a cor.

 

As primeiras vangardas artísticas

Xa entrados no século XX, a arte vai romper con toda a tradición de séculos anteriores, debido aos avances da ciencia e da tecnoloxía e á forte conmoción que causan as grandes guerras. Os artistas van procurar novas formas de expresión artística, afastándose da representación da realidade tal como a ven, como xa comezaran a facer os impresionistas.

A arte será no sucesivo unha expresión para a reflexión sobre os mecanismos profundos que moven a conduta humana e para criticar unha sociedade que allea o ser humano.

Entre 1905 e a II Guerra Mundial desenvólvense as chamadas vangardas, que son as que primeiro plasman o novo ideal da arte moderna:

  • Fauvismo. Para el o motivo da pintura é a cor usada dun xeito subxectivo polo artista.
  • Cubismo. Os artistas do cubismo converten o motivo en formas xeométricas para o amosar desde múltiples puntos de vista e de tempos diversos, sobre o espazo plano da tea do cadro.
  • Expresionismo. Distorsiona o motivo para activar a emoción do espectador ante os graves problemas da época.
  • Dadaísmo. No dadaísmo o motivo convértese en absurdo, sen significado comprensible pola razón.
  • Surrealismo. Ten como motivo o mundo aparentemente irracional e inconsciente dos soños, onde se refuxian os impulsos máis profundos do ser humano.
  • Arte abstracta. Anula o motivo e deixa de representar todo o que poida ser recoñecido como realidade.

 

 v1  v2  v3
v4   v5 v6 

 

 Actividades propostas

S13.  Para que haxa avances tecnolóxicos cómpre que previamente haxa un progreso na...

  • Por que cre vostede que cada vez transcorre menos tempo entre a produción dun invento e o seu consumo masivo?

 

S14.  A mellora da calidade de vida e o incremento da súa esperanza, con que avances cre que están relacionadas?

  • Por que cre que o avó de Ramón Núñez valoraba tanto os antibióticos?
 

S15.  Na páxina web www.artehistoria.jcyl.es busque o comentario da obra impresionista Regatas en Argenteuil, de Monet.

Relacione o movemento vangardista correspondente con cada un dos cadros reproducidos na páxina anterior

 v1  v2  v3
v4   v5 v6

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0