Saltar navegación

2.1.2 - A Primeira Guerra Mundial (1914-1918)

Situación política de Europa no cambio de século

O primeiro ministro alemán Bismarck, segundo rematou a unificación alemá, ideou unha política de bloques ou alianzas para Europa, na base da existencia de só dúas potencias: Alemaña no continente e Gran Bretaña como potencia colonial. Para lograr este fin cumpría illar a Francia e a Rusia, para o que constituíu en 1882 a Tripla Alianza. Por outra banda, en 1907 constituíuse a Tripla Entente.

 

  • As súas Maxestades o emperador de Austria, o emperador de Alemaña e o rei de Italia acordaron a sinatura dun tratado (…).
  • Art. 3. Se unha ou dúas das Altas Partes contratantes, sen provocación directa pola súa parte, chegasen a ser atacadas e a atoparse metidas nunha guerra con dúas ou máis grandes potencias non asinantes do presente tratado, o caso afectará simultaneamente a todas as Altas Partes contratantes.

Feito en Viena o 20 de maio de 1882 [adaptación]

 

Como é doado de ver, Europa quedou dividida politicamente en dous bandos con intereses contrapostos. Así, todas estas potencias viron que unha guerra entre elas era inevitable e comezaron unha carreira de armamento, nun período coñecido como paz armada.

No ano 1914, prodúcese o enfrontamento entre as potencias centrais (Alemaña e o Imperio Austrohúngaro), ás que se lles uniron ademais Bulgaria e Turquía, e as potencias aliadas, que eran as da Tripla Entente mais Bélxica, Serbia, Italia, Romanía, Grecia, Portugal e Xapón.

Causas da guerra

  • Tensión existente entre os dous bloques de alianzas.

Cómpre habituar a pensar ao pobo alemán que unha guerra ofensiva da nosa parte é unha necesidade para combater as provocacións do adversario.

H. von Moltke (xefe do estado maior alemán). Marzo de 1913

  • Desexo de desquite de Francia sobre Alemaña pola derrota sufrida ante Prusia en 1870, na que perdera Alsacia e Lorena.
  • Disputa entre Alemaña e Francia por territorios coloniais en Marrocos.
  • Forte competencia entre as potencias imperialistas para poder colocar na exportación os excedentes de produción.
  • Propagación entre as poboacións dun nacionalismo mesturado con xenofobia.
  • Crise dos Balcáns. Esta rexión foi e segue a ser unha fonte de conflitos. O territorio, poboado por moitas nacionalidades (serbios, croatas, bosníacos, eslovenos, albaneses, macedonios e montenegrinos), estaba repartido entre tres imperios: ruso, turco e austríaco. Só Serbia era independente desde 1878, e tiña inimizade con Austria.

  En 1909, Austria anexionouse Bosnia-Herzegovina, co que quedou Serbia rodeada; en 1913, Serbia apoderouse de Albania e Tracia, que pertencían ao Imperio Turco, humillando así a Austria.

  • Por outra banda, o imperialismo ruso buscaba unha saída ao mar Mediterráneo a través dos Balcáns, onde se enfrontaba cos intereses territoriais de Austria. Rusia apoiaba a Serbia na súa pretensión de constituír un grande estado que reunise a todos os serbios, dos que sete millóns estaban aínda baixo o dominio do Imperio Austríaco.
  • O asasinato do herdeiro ao trono de Austria, o arquiduque Francisco Fernando, en Saraxevo (Bosnia), o 28 de xuño de 1914, foi o detonante do conflito, pois Austria declaroulle a guerra a Serbia, ao acusala do asasinato. Rusia, que desexaba rematar co dominio austríaco nos Balcáns, apoiou a Serbia e declaroulles a guerra a Alemaña e Austria. Alemaña decláralles a guerra a Rusia e a Francia. Gran Bretaña entrou no conflito cando Alemaña invadiu Bélxica.

Características

É a primeira vez na Historia que se enfrontan ao mesmo tempo as principais potencias do mundo durante tanto tempo e nun espazo xeográfico tan amplo.

Para atender ás necesidades do conflito, os gobernos víronse forzados a intervir na economía, rompendo co dogma liberal de non intervención estatal en asuntos económicos. As necesidades de recrutamento favoreceron a incorporación da muller a traballos que ata ese momento se consideraban exclusivos dos homes.

Loitouse en dúas frontes. Na fronte occidental tivo lugar unha durísima guerra de trincheiras.

Ao longo de toda a fronte xacen, desde setembro de 1915, os soldados varridos polas metralladoras, tendidos cara á terra. Unha noite, Jacques viu saír as ratas fuxindo de debaixo dos seus capotes, enormes ratas engordadas con carne humana.

Testemuño de Raymond Naegelen

 

Os avances da ciencia e da técnica aplicados á guerra deron lugar a unha serie de armas novas, que fixeron deste enfrontamento o máis mortífero e sanguento dos coñecidos pola humanidade: metralladoras, avións, lanzachamas, gases asfixiantes, tanques, etc.

Desenlace

En 1917 producíronse dous feitos que determinaron o desenlace da guerra: a declaración de guerra a Alemaña por parte dos Estados Unidos e a retirada de Rusia do conflito.

Os Estados Unidos proporcionáronlles aos aliados diñeiro, armas e soldados. Alemaña non puido resistir e en novembro de 1918 rendeuse.

Consecuencias

  • Dez millóns de mortos (unha media diaria de 5.509) e 20 millóns de feridos. A economía europea totalmente destruída. Reconversión da industria de guerra nunha industria de paz.
  •  Desmobilización dos soldados, o que provocou un aumento do paro. Subida dos prezos e caída dos salarios. Devolución dos préstamos que as potencias aliadas recibiran dos Estados Unidos. A crenza na superioridade moral de Europa desapareceu para sempre.
  • No positivo, a incorporación das mulleres a traballos antes de homes deulles un pulo aos movementos feministas e sufraxistas, que reclamaban a igualdade de dereitos.
  • Ao remate da guerra, Europa quedou moi debilitada. Aínda que Gran Bretaña e Francia posuían un enorme imperio colonial, os Estados Unidos van constituírse na primeira potencia mundial ata a actualidade.

Os tratados de paz

Os países vencedores reuníronse en 1919 para subscribiren os tratados definitivos de paz, baseados no programa para o restablecemento da paz proposto polo presidente Wilson, dos Estados Unidos, coñecido como Os catorce puntos.

Polo tratado de Versalles, Alemaña foi declarada responsable do conflito, tivo que reducir o seu exército e pagar fortes sancións económicas aos países vencedores, perdeu as colonias e os territorios en Europa (devolveu Alsacia e Lorena a Francia) e prohibíuselle unirse con Austria no futuro.

 

  • Art. 23. Os gobernos aliados declaran e Alemaña recoñece que ela e os seus aliados son responsables de todas as perdas e de todos os danos sufridos polos gobernos aliados como consecuencia da guerra.
  • Art. 232. Os gobernos aliados esixen que sexan reparados todos os danos causados á poboación civil e aos seus bens. Unha Comisión interaliada fixará o importe total das indemnizacións.

Tratado de Versalles. Xuño de 1919

 

 tratado de paz

 

O mapa de Europa vaise remodelar seguindo o principio das nacionalidades propugnado polo presidente Wilson: a cada nacionalidade, o seu Estado. O Imperio Austrohúngaro desapareceu. Como era un estado multinacional, xurdiron del catro novos estados: Austria, Hungría, Checoslovaquia e Iugoslavia (que seguía a ser un estado multinacional). O Imperio Turco tamén viu reducida a súa extensión a favor de Grecia. De Rusia independizáronse Finlandia, Estonia, Letonia, Lituania e Polonia.

  A Sociedade de Nacións

Visto o nivel de destrución e as tráxicas consecuencias dunha guerra tan extensa e cun armamento tan moderno, en 1920 creouse esta institución. Estaba formada polos principais países, e tiña por finalidade resolver mediante o diálogo os futuros conflitos que puideran xurdir entre os Estados, sen teren que chegar á guerra.

  • Art. 10. Os membros da Sociedade comprométense a respectar e a manter a integridade territorial e a independencia política actual de todos os membros da Sociedade contra calquera agresión exterior (…).
  • Art. 11. Declárase expresamente que toda guerra ou ameaza de guerra interesa á Sociedade enteira, que deberá tomar as medidas necesarias para garantir eficazmente a paz das nacións.

Pacto das Nacións Unidas

 

A ausencia dos Estados Unidos e da URSS na Sociedade de Nacións condicionou o seu escaso éxito: non foi quen de evitar, 19 anos máis tarde, outra guerra moito máis destrutiva que esta.

 

 Actividades propostas

S4.  Relacione os países da lista seguinte cun destes tres grupos: Tripla Alianza, Tripla Entente e países neutrais.

Italia, Alemaña
Francia, Austria-Hungría
Rusia, Xapón
Dinamarca Turquía.
España Reino Unido

Explique tamén por que antes de estalar a guerra as potencias xa se viñan preparando para ela.

S5.   Que causas provocaron a I Guerra Mundial?

  • Como se iniciou o conflito?
  • Cales foron as súas características principais?

S6.    Como lle afectou a Alemaña o Tratado de Versalles?

  • Indique os cambios territoriais que se produciron en Europa tras a guerra.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0