Saltar navegación

2.1.3 - A Revolución Rusa

Situación previa

No inicio do século XX, Rusia non coñecera nin revolución burguesa nin o liberalismo. Non se producira ningún dos cambios que tiveran lugar na maior parte de Europa Occidental. Era unha illa do pasado do Antigo Réxime: monarquía absoluta, nobreza privilexiada, labregos saíndo da servidume feudal, non había Parlamento representativo, nin partidos políticos, e a burguesía era escasa debido ao atraso no proceso de industrialización.

Malia teren sido os campesiños liberados da servidume, non alcanzaron a liberdade: podían ser azoutados, tiñan que pagar impostos especiais e non tiñan dereito a saír libremente da aldea.

Lenin. Abril de 1901

Pero ata Rusia chegaban as ideas de Europa Occidental: por unha banda, propágase o liberalismo entre a burguesía, que intenta darlle a Rusia un réxime liberal parlamentario; por outra, esténdense as ideas socialistas entre os que pretendían unha revolución social.

O intento de revolución liberal

En 1905, ao derrotar Xapón a Rusia na disputa que mantiñan no oriente de Asia na súa expansión imperial, a situación estala. O 22 de xaneiro unha manifestación pacífica diante do pazo do tsar, pedindo a fin da miseria, foi disolvida salvaxemente pola policía, con máis de 1.000 mortos. Este suceso provocou o levantamento popular nas grandes cidades.

Señor, nós, traballadores de San Petersburgo, as nosas mulleres, os nosos fillos, e os nosos pais, vellos e sen recursos, vimos, oh tsar!, para pedirche xustiza e comprensión (…) Non somos considerados seres humanos, senón tratados coma escravos (…) A demanda de 8 horas de xornada foi tachada de ilegal.

Peticións ao tsar. 8 de xaneiro de 1905 (Domingo Sanguento)

O tsar Nicolás II colleu medo por estes feitos e accedeu á formación dun Parlamento (Duma). Cando a Duma presentou proxectos liberais de reforma do sistema político, o tsar disolveuna. Así fracasou o intento de establecer un réxime liberal en Rusia en 1905.

O goberno do tsar non desexa de ningún xeito permitir que a Asemblea o sexa de todo o pobo e constituínte. Parece ser que se amosa de acordo cunha Asemblea Consultiva, elixida por sufraxio restrinxido.

Lenin. Dúas tácticas da socialdemocracia na revolución democrática. 1905

Revolución de outubro de 1917

 lenin

Despois da derrota ante Xapón, Rusia industrializouse rapidamente e aparece o proletariado industrial. Durante a I Guerra Mundial aumentou a miseria dos obreiros e das grandes masas de labregos, ao que hai que engadirlle o descontento que provocaban na sociedade as grandes baixas de soldados. O sufrimento do pobo chegou ao límite.

 

Se a todo o anterior se lle suma o desprestixio do tsar, as ansias de cambio e liberdade dos intelectuais e as ganas de rematar a guerra por parte de toda a sociedade, entenderase que a situación para un estoupido revolucionario estaba no seu punto.

En 1917 existían en Rusia varios partidos políticos inimigos do absolutismo tsarista: o Partido Constitucional Demócrata, de ideoloxía liberal burguesa e que aspiraba a un réxime político como os establecidos en Europa Occidental; o Partido Social Revolucionario; o Partido Menxevique, de ideoloxía socialdemócrata; o Partido Bolxevique, dirixido por Lenin, que pretendía unha revolución social.

En febreiro tiveron lugar grandes manifestacións na maioría das cidades de Rusia; na fronte da guerra, os soldados desobedecían aos oficiais. O tsar abdicou e foi detido. Nesta situación aparecen en Rusia dous poderes paralelos:

  • O goberno, recentemente formado, constituído polo Partido Constitucional Demócrata.
  • Os soviets, controlados polos partidos de esquerda (Social Revolucionario, Menxevique e Bolxevique).

O Goberno viuse imposibilitado para manobrar debido á presión que exercían os soviets, que non esperaban nada do Goberno. Os bolxeviques reclamaron “todo o poder para os soviets”, e mantiveron a idea da revolución inmediata para acceder ao socialismo.

“O poder aos soviets” significa reservar á maioría do pobo a independencia na elección dos deputados, a administración do Estado e a realización de transformacións.

Lenin. Setembro de 1917

 

Lenin fixo campaña para asinar a paz con Alemaña e así poder saír da guerra. Esta idea supuxo un gran éxito: os soldados abandonaron a fronte e volveron ás súas casas.

Así as cousas, Lenin considerou que a situación estaba madura para a toma do poder do Estado e levar a cabo a revolución socialista: este feito ocorreu o 26 de outubro (8 de novembro no noso calendario) coa toma do Pazo de Inverno, sede do Goberno.

A instauración do réxime comunista

Logo de tomado o poder do Estado, os bolxeviques, liderados por Lenin, puxeron en práctica un programa para implantar un réxime comunista:

  • A terra, a industria, a banca, o comercio e os transportes foron nacionalizados, pasando na súa totalidade a seren propiedade do Estado.

A grande propiedade sobre a terra declararase inmediatamente abolida sen ningunha indemnización. As leiras dos terratenentes, da Coroa, dos conventos e da Igrexa pasan a depender dos Soviets de distrito. Non se confiscarán terras dos labregos. Establécese en todas as empresas industriais, comerciais, agrícolas e bancarias, o control obreiro sobre a produción, a conservación, compra e venda de todos os produtos e das materias primas.

Decreto do 26 de outubro de 1917

  • Suprimíronse todos os privilexios da sociedade anterior.
  • Decretouse a separación Igrexa-Estado, instituíuse o matrimonio civil e declarouse a igualdade de dereitos da muller.
  • Organizouse por parte de Trotski un exército moi disciplinado e eficaz, o chamado Exército Vermello.
  • Disolveuse a Duma.
  • Os poderes lexislativo e executivo estarían unidos nunha única institución.
  • Prohibíronse as folgas.
  • Exerceuse un forte control e censura sobre a prensa.

Como síntese pódese afirmar que a Revolución Rusa foi un movemento revolucionario que deu lugar ao primeiro Estado obreiro ou proletario da Historia que implanta o socialismo real ou comunismo.

A formación da Unión Soviética e o Stalinismo

O antigo Imperio Ruso estaba constituído por distintas nacionalidades. En 1924 promulgouse unha Constitución, na que se dispuxo unha organización política do Estado de tipo federal: nace a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS).

Morto Lenin en 1924, Stalin fíxose co poder da URSS en 1927. En 1928 decidiu impulsar a economía da URSS para facer dela unha das primeiras potencias mundiais, chegando a igualarse coa dos Estados Unidos. Para este fin estableceu os chamados plans quinquenais nos que se fixan metas de produción, metas que só se poden lograr se se controla a industria e se colectivizan as terras de produción agrícola, todo isto baixo un duro control por parte do Estado e eliminando todo rastro de propiedade privada. O comercio realizouse por medio de cooperativas do Estado; os beneficios investíronse na ampliación das empresas.

A tarefa principal do Plan Quinquenal consistía en transformar a URSS de país agrario e débil nun país industrial e potente, en eliminar por completo os dereitos capitalistas, en facer pasar a pequena propiedade agrícola fragmentaria á gran economía colectivizada.

Stalin. Doutrina da URSS

Todo este impulso económico fíxoo Stalin baixo unha durísima ditadura, controlando persoalmente todos os fíos do poder e eliminando todos os dirixentes da Revolución de 1917.

O socialismo despois da Revolución Rusa

Un dos principios fundamentais da revolución bolxevique era a propagación mundial da revolución. Pero esta meta non se acadou debido a dúas causas:

  • En Europa Occidental os obreiros conseguiran moitas melloras ao longo de anos de loita sindical e a través da participación dos partidos socialistas nos parlamentos e mesmo nalgúns gobernos.
  • Os partidos socialistas europeos desconfiaban do sistema comunista instaurado en Rusia, porque, malia rematar co capitalismo, implantara unha forte ditadura que rompía coa tradición democrática do socialismo.

A III Internacional (Internacional Comunista) e a Internacional Socialista

A Terceira Internacional creouse en Moscova en 1919, e tiña como obxectivo a exportación do modelo bolxevique de revolución.

Case todos os partidos socialistas europeos negáronse a formar parte dela, e fundaron outra Internacional, a Internacional Socialista. Os partidos socialistas que si se integraron na Terceira Internacional e adoptaron o modelo bolxevique, pasaron a chamarse partidos comunistas.

Deste xeito, a ideoloxía creada por Karl Marx tomou dous camiños diferentes ata o día de hoxe: a comunista e a socialista. Os puntos básicos que os separan son:

  • O distinto valor que lle dan á democracia burguesa.
  • As liberdades que esta democracia concede son consideradas fundamentais polos socialistas e accesorias polos comunistas.

Os partidos socialistas chegaron á conclusión de que as liberdades políticas e individuais que dá a democracia parlamentaria burguesa deben ser respectadas. En consecuencia, a vía para alcanzar unha sociedade xusta e igualitaria, onde o capitalismo quede superado, non pode ser a da violencia, senón a das reformas lentas, continuas, pacíficas e respectuosas coa democracia; é dicir a vía socialdemócrata.

 

Actividades propostas

S7.            Resuma as características da Rusia tsarista e explique por que se derrubou este sistema político.

S8.            Que diferentes obxectivos tiñan o goberno provisional e os soviets tras a caída do tsarismo?

S9.            En que data tomaron o poder os bolxeviques? Especifique as medidas de adoptaron para instituír un réxime comunista e para implantar unha ditadura.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0