Saltar navegación

2.1.1 - O imperialismo

Defínese imperialismo como a política levada a cabo polas grandes potencias destinada a someter territorios e poboacións baixo o seu dominio. Por imperialismo colonial enténdese a dominación por parte dun estado capitalista (metrópole) de países máis febles e menos desenvolvidos alén das súas fronteiras.

Este feito produciuse ao longo da Historia, pero desde finais do século XIX evoluciona cara á explotación económica, o dominio político, o control social, a aculturación da poboación e a anexión do territorio colonial, que son o fin primordial que procuraban as grandes potencias industriais no momento do capitalismo monopolista.

 

O imperialismo é a fase monopolista do capitalismo: o capital dos bancos fúndese co capital dos grupos industriais.

Lenin, O imperialismo, fase superior do capitalismo.

 

Entre 1870 e 1914 Gran Bretaña, Francia, os Estados Unidos, Rusia e Xapón lanzáronse á conquista de territorios en África, Asia e Oceanía.

 

As causas

  • Necesidade que tiña o desenvolvemento económico ligado á segunda fase da Revolución Industrial de conseguir materias primas e fontes de enerxía abundantes e baratas.

Grande acumulación de beneficios, que facía que tivesen que ser investidos en máis produción. A esta enorme cantidade de produtos había que atoparlle novos mercados: as colonias.

O argumento xeral de máis peso para a expansión colonial era a procura de novos mercados (…) Pero o factor fundamental da situación económica xeral era o feito de que unha serie de economías desenvolvidas experimentaban de xeito simultáneo a mesma necesidade de atopar novos mercados (…) Deste xeito, o imperialismo era a consecuencia natural dunha economía internacional baseada na rivalidade de varias economías competidoras.

Hobsbawm, E. La era del imperio, (1875-1914). Ed. Crítica, 2003 [Tradución]

 

  • Enorme aumento da poboación europea e uso de moderna maquinaria, que orixinou unha grande masa de parados nos países industrializados. A emigración ás colonias solucionou o problema das tensións sociais (folgas de obreiros). A finais do século XIX emigraron 65 millóns de europeos.

A política colonial imponse en primeiro lugar nas nacións que deben recorrer á emigración, ben por ser pobre a súa poboación, ben por ser excesiva.

Jules Ferry (ministro francés de asuntos exteriores)

 

  • Conquista de colonias extensas e situadas en lugares estratéxicos, que lles deu forza e prestixio ás potencias colonizadoras.
  • Cuantiosos beneficios económicos obtidos polos capitalistas da metrópole, que necesitaban ser investidos; para iso exportaron os capitais ás colonias. Nelas fixeron investimentos en obras públicas: ferrocarrís, portos, estradas, canles (o de Suez e o Panamá), para facilitar o comercio.
  • Racismo: a crenza na superioridade da raza branca sobre as demais levou os dirixentes económicos e políticos das potencias a sentírense na obriga de transmitir os valores da cultura occidental europea a eses territorios.

 

É a británica a máis grande das razas dominantes que o mundo coñeceu, e, xa que logo, o poder determinante na historia da civilización universal.

                    Joseph Chamberlain (ministro británico das colonias)

 

  • Coincidencia de que nestes anos se produciu un grande progreso nos medios de comunicación, sobre todo co barco de vapor, que facilitou o labor colonizador. Así e todo non todos os políticos estaban de acordo co proceso colonizador.

 

Conquista, organización e explotación das colonias

 Nun principio os estados imperialistas mantivéronlles as competencias ás compañías privadas que viñan operando dende o século XVII: controlaban a orde e cobraban impostos nas colonias. No século XIX interveñen directamente os gobernos: envían o exército para a conquista militar do territorio e impoñen unha administración formada por funcionarios da metrópole.

 O goberno de Francia exercía en exclusiva o control político e administrativo das colonias. O Reino Unido estableceu os dominios nas colonias de maioría branca, concedéndolles un goberno e un parlamento autónomos a cambio de sometérense ás directrices británicas en política exterior e defensa.

 A explotación económica realizábana as grandes empresas da metrópole: extracción de minerais e produtos enerxéticos, e cultivo de produtos agrícolas, mediante a utilización de man de obra indíxena moi barata; as colonias tiñan a obriga de mercar os produtos elaborados nas metrópoles.

 

Os imperios coloniais en 1914

 Esta expansión territorial levou as principais potencias a controlar o 60 % do territorio do planeta e o 55 % da súa poboación.

 África foi o territorio máis apetecido polas potencias europeas, e chegou en moitas ocasións a haber conflitos entre elas. Para repartírense este continente e evitar conflitos entre elas, en 1885 reuníronse na Conferencia de Berlín. En 1875 menos da décima parte de África era territorio colonial; en 1900 só a décima parte estaba libre do control europeo. China e mais o sur e o sueste asiáticos foron tamén áreas de expansión das potencias industriais europeas.

  • Art. 1.º O comercio de todas as nacións gozará dunha completa liberdade en todos os territorios. (…)
  • Art. 34.º Toda potencia que no sucesivo tome posesión dun territorio situado na costa africana, (…) notificarao ás restantes potencias asinantes da presente Acta, con obxecto de poñelas en condicións de facer valer as súas reclamacións.

Acta Xeral. Conferencia de Berlín. 1885

 

Os Estados Unidos basearon a súa política imperial no control económico doutros países, intervindo militarmente neles cando os intereses económicos e políticos das multinacionais con fortes intereses neses países se viran ameazados; é a chamada diplomacia do dólar: o capital estadounidense controlaría a política e a economía de moitos países de América Central e do Caribe.

 O expansionismo imperialista de Xapón centrouse en Corea e Manchuria, e tivo unhas causas moi semellantes ás do imperialismo europeo.

 

imperialismo 

 

Consecuencias do imperialismo

 Economicamente supuxo a destrución da agricultura tradicional e a súa substitución por grandes plantacións de produtos demandados na metrópole: café, algodón, cacao, caucho, etc. As terras pasaron a mans dos colonizadores. Puxéronse en explotación todos os recursos minerais que precisaba a industria europea da época.

 Os nativos tiñan que comprar os alimentos nunha economía de mercado que eles descoñecían. Os produtos que elaboraban foron substituídos por produtos industriais importados da metrópole, arruinando así a artesanía local.

 Os traballos agrícolas, mineiros e de obras públicas eran realizados con man de obra indíxena, nun réxime preto da escravitude.

Cómpre ter coraxe para o dicir: existe desgraciadamente nas plantacións de Michelin un espírito absolutamente lamentable (…) Os sucesivos directores da plantación actuaron cun orgullo feudal (…) Quero salientar tamén que os capataces trataban os coolies como prisioneiros, a quen lles agredían con desprezos e aldraxes, cando non coas súas labazadas.

Informe do gobernador da Conchinchina ao gobernador xeral da Indochina

 

Socialmente o colonialismo produciu, sobre todo en África, unha profunda aculturación. Os sistemas de vida, os ritmos de traballo, a relixión, os costumes privados, a estrutura familiar, as formas de autoridade e a súa xerarquía social víronse fondamente subvertidos polos colonizadores, que lles impuxeron o modelo cultural occidental que lles rompeu definitivamente a súa identidade.

 Os nativos foron segregados en barrios marxinais, vivindo na miseria por mor de salarios moi baixos. Os europeos vivían en barrios luxosos, sen ningún contacto con eles.

 Desde unha perspectiva positiva, o colonialismo supuxo algún avance para estas sociedades: realización de obras públicas (porque lle interesaban á metrópole para a explotación económica), como ferrocarrís, portos, etc.; melloras hixiénicas e sanitarias, que reduciron a mortalidade; creación de escolas, que reduciron o analfabetismo pero que aceleraron o proceso de aculturación, porque se transmitían a través delas a cultura e os valores occidentais.

 

Actividades propostas

 S1.      Enumere as principais causas que impulsaron a expansión imperialista a finais do século XIX.

S2.     Responda ás seguintes cuestións:

    • Observe o mapa e indique os territorios ocupados por Francia e Reino Unido.
    • Como organizaron estas dúas potencias os seus imperios?

S3.     Comente as consecuencias económicas e sociais do colonialismo.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0