Saltar navegación

2.1.6 - A II Guerra Mundial (1939-1945)

A crise das relacións internacionais

Francia, ante o temor dunha invasión alemá, asinou un pacto de axuda mutua coa URSS en 1935. En 1936 Alemaña e Italia formaron o Eixe Roma-Berlín, e Italia sumouse ao Pacto Anticomunista de Alemaña e Xapón, constituíndose así o Eixe Roma-Berlín-Tokio.

O pobo italiano e o pobo alemán, estreitamente unidos entre eles pola profunda afinidade das súas concepcións do mundo e pola plena solidariedade dos seus intereses, están resoltos a actuar tamén no futuro, un xunto ao outro e coas súas forzas unidas, pola seguridade do seu espazo vital e polo mantemento da paz.

Pacto de alianza xermano-italiano. Maio de 1939

Sorprendentemente, en agosto de 1939, Alemaña e a Unión Soviética, ideoloxicamente antagónicas, asinan un pacto. Como se explica este entendemento? Stalin presentouno como a necesidade de gañar tempo para prepararse ante un hipotético ataque alemán.

Como se viu anteriormente, entre 1935 e 1939, Alemaña anexionou varios territorios e realizou a súa unión con Austria.

Causas do conflito

  • Desexo de desquite de Alemaña polas humillacións recibidas no Tratado de Versalles.
  • Consecuencias económicas, sociais e políticas da crise de 1929.
  • Confrontación ideolóxica entre réximes autoritarios e demócratas.
  • Agresiva política de expansión territorial de Alemaña.
  • Fracaso da Sociedade de Nacións para resolver conflitos dun xeito negociado.
  • Carreira de armamento de Alemaña e Italia na súa política de expansión territorial.
  • Perigo que comportaban os distintos sistemas de alianzas para a paz mundial.

O estoupido do conflito e os escenarios da guerra

  • A guerra en Europa. Seguindo a súa política de expansión, Alemaña invadiu Polonia en setembro de 1939.

As posibilidades pacíficas para solucionar os problemas xurdidos na fronteira do Leste, onde a situación de Alemaña é intolerable, fracasaron. Xa que logo, decidín solucionalos pola forza.

Hitler. Directiva de guerra nº 1. Berlín, 31 de agosto de 1939

O Reino Unido e Francia decláranlle a guerra a Alemaña, e Alemaña invade Dinamarca e Noruega.

Quixéralle dicir á Cámara o mesmo que lles dixen aos que entraron a formar parte do Goberno: non podo ofrecer máis que sangue, suor, fatiga e bágoas.

Churchil, W. Primeiro Ministro de Gran Bretaña, ante a Cámara dos Comúns. Maio de 1940

En 1940 ocupa Bélxica e chega ata París, invadindo todo o norte e o oeste de Francia. No resto de Francia estableceuse un goberno subordinado a Alemaña. Logo ocupou Romanía, Bulgaria, Iugoslavia e Grecia. Este mesmo ano Italia entra na guerra.

  • Combatentes de terra, mar e aire: camisas negras da revolución e das lexións: homes e mulleres de Italia, do Imperio do reino de Albania, escoitade!
  • Unha hora sinalada polo destino soa no ceo da nosa patria. A hora das decisións irrevogables. A declaración de guerra foi entregada xa aos embaixadores de Inglaterra e Francia.

Mussolini. 10 de xuño de 1940

En 1941 Alemaña invadiu a Unión Soviética.

A Wehrmach alemá (exército) debe estar preparada para, mesmo, antes de rematar a guerra contra Inglaterra, aniquilar Unión Soviética no curso dunha rápida campaña (Operación Barbavermella).

Hitler

En 1942 quixo chegar aos depósitos de petróleo do mar Caspio, pero en febreiro de 1943 sufriu a primeira derrota da guerra, en Stalingrado, por parte dos soviéticos.

  • A guerra no norte de África. En 1941 tamén se estendeu a guerra a África, ao atacar os alemáns as tropas inglesas en Libia, pretendendo alcanzar a Canle de Suez e continuar cara a Persia e India. A comezos de 1943 os alemáns foron derrotados en África na batalla do Alamein.
  • A guerra no Océano Pacífico. A política imperialista de Xapón, os EEUU e Gran Bretaña chocou en Asia e en Oceanía. Xapón ocupou as Filipinas, Indonesia, Birmania, Singapur e outras illass do Pacífico; en decembro de 1941 atacou a base estadounidense de Pearl Harbor, e Hawai, e destruíu toda a flota alí atracada. Este feito provocou a entrada dos Estados Unidos na guerra.

Onte, 7 de decembro de 1941, foi unha data destinada a perpetuar para sempre a lembranza dunha infamia. Eu pídolle ao Congreso que declare que existe de feito un estado de guerra entre os Estados Unidos e o Imperio do Xapón.

Roosvelt, F.D. Discurso ante o Congreso. 8 de decembro de 1941

Desenlace

  • A contribución de armamento, diñeiro e soldados por parte dos Estados Unidos notouse na evolución da guerra, inclinándose a favor dos aliados (Reino Unido, Francia, os Estados Unidos, a URSS e China).
  • Italia foi ocupada polos aliados logo do desembarco en Sicilia. En abril de 1945 Mussolini foi aforcado.
  • Na fronte do leste de Europa, o exército soviético reconquista Polonia e en abril de 1945 chega a Berlín.
  • Logo do desembarco aliado en Normandía (Francia), en xuño de 1944, levouse a cabo a recuperación de Francia e Bélxica. En marzo de 1945 atravesan o Rhin e penetran en Alemaña. O 30 de abril Hitler suicídase. O 8 de maio Alemaña réndese ás tropas aliadas.
  • Pero no Pacífico segue o enfrontamento entre os Estados Unidos e Xapón. O presidente estadounidense H. Truman decide lanzar a bomba atómica en Hiroshima e Nagasaki, o 6 e o 9 de agosto. O 2 de setembro réndese Xapón.

Consecuencias

  • 55 millóns de mortos, a metade civís.
  • O nazismo provocou o xenocidio xudeu (6.000.000 mortos) nos campos de exterminio.
  • Desprazamentos forzados de millóns de persoas.
  • Reaxustes de moitas das fronteiras establecidas despois da I Guerra Mundial.
  • Europa quedou arrasada. As perdas materiais nunca se puideron calcular.
  • O nivel de vida europeo baixou. Os prezos subiron pola escaseza de produtos. Os parados contábanse por millóns, entanto que non se reconverteu a economía de guerra.
  • Na Europa Oriental, reconquistada pola URSS, establecéronse réximes comunistas, tamén chamados democracias populares.
  • Unha forte crise moral cando se coñeceron polo miúdo as atrocidades cometidas.
  • Desprazamento do centro de poder de Europa cara aos EEUU e á Unión Soviética.

A organización da paz

yalta 

Nas Conferencias de Ialta (na foto, sentados, Churchill, Roosvelt e Stalin) e de Potsdam, celebradas uns meses antes da rendición de Alemaña, decidíronse os seguintes acordos:

 

  • A partición deste país en catro zonas, que serían ocupadas polos Estados Unidos, a Unión Soviética, Gran Bretaña e Francia; a mesma partición e ocupación se fixo na capital, Berlín. Así Alemaña desaparece como Estado.

O Reino Unido, os Estados Unidos de América e a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas terán suprema autoridade respecto de Alemaña. Tomarán as medidas que estimen oportunas para a futura paz e seguridade, incluíndo o desarmamento, a desmilitarización e o desmembramento de Alemaña.

Protocolo da Conferencia de Ialta, 11 de febreiro de 1945

  • A repartición entre a URSS e os Estados Unidos das súas respectivas áreas de influencia, nacendo así a posterior política de bloques que caracterizará a Guerra Fría.
  • A desnazificación de Alemaña e o xuízo aos criminais de guerra por parte dun tribunal internacional.

 

  • Os obxectivos da ocupación de Alemaña que o Consello de Control (integrado polos ministros de Asuntos Exteriores do Reino Unido, da URSS, de China, de Francia e dos EEUU) son: inculcarlle ao pobo alemán o convencemento de ter padecido unha derrota militar total e que non se pode escapar á responsabilidade das desgrazas que ocasionou. (…).
    • Os criminais de guerra que participaron nos plans tendentes a crimes de guerra serán detidos e sometidos a xuízo. (…)
    • A educación alemá será sometida a control de xeito que elimine completamente as doutrinas nazis e que permita o feliz desenvolvemento das ideas democráticas.

Acordos de Potsdam, 2 de agosto de 1945

 

  • Na Conferencia de San Francisco, en xuño de 1945, fundouse a Organización das Nacións Unidas.

 

Actividades propostas

S16.    Que ten de estraño a firma dun pacto entre a Alemaña nazi e a URSS comunista? Que razóns deu Stalin para xustificar tal pacto?

S17.            Explique as múltiples causas da II Guerra Mundial. Que razóns deu Hitler para invadir Polonia?

 

S18Diga cales destas frases son verdadeiras e cales falsas:

    • As tropas nazis nunca se fixeron co poder en ningún estado de Europa.
    • Os alemáns sufriron a primeira derrota de toda a guerra en Stalingrado, en 1943.
    • Xapón atacou a flota estadounidense en Pearl Harbor.
    • A intervención dos EEUU no conflito non influíu no seu desenvolvemento.
    • Mussolini foi aforcado e Hitler suicidouse.
    • A URSS reconquistou a Europa Oriental, onde instaurou réximes democráticos.
    • Ao remate da guerra, Alemaña desaparece como Estado. 

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0