Saltar navegación

2.1.4 - O período de entre guerras (1919-1939)

Os Estados Unidos: os felices anos vinte

Despois da I Guerra Mundial, os Estados Unidos constitúese na primeira potencia económica mundial, pois o conflito supuxéralle unha gran fonte de riqueza ao subministrarlles aos países belixerantes alimentos, armas, produtos industriais e préstamos, chegando a acumular máis da metade das reservas mundiais de ouro e a representar o 45 % da produción industrial mundial.

Esta prosperidade económica proporcionou o acceso das masas a unha grande cantidade de bens de consumo. Así, entanto que en Europa se fabrican automóbiles cada vez máis luxosos e caros, nos EE UU búscase un coche familiar e barato, apto para case todos os petos.

Foi Henry Ford quen, aplicando técnicas tayloristas, rompeu todos os esquemas de fabricación ata daquela coñecidos, sacando ao mercado o Ford T, que podía mercarse por 360 dólares: era o coche máis barato do mundo. Deste xeito iníciase a chamada actualmente sociedade de consumo de masas, caracterizada pola fabricación en serie de moitos produtos para abaratar o seu custo, co que se ofrecen abundantes artigos para toda a sociedade a prezos accesibles.

  • O meu fundamento é abaratar os prezos dos nosos coches. Nunca pensei no custo de produción como algo fixo. Por iso reduzo os prezos para vender máis. Logo trátase de conseguir un prezo de fabricación máis baixo.
    • Os salarios altos contribúen á baixada do custo de fabricación porque os obreiros se fan cada vez máis laboriosos cando se liberan das preocupacións alleas ao traballo. (…).
  • O noso tractor vendíase nun principio a 756 dólares; hoxe vendémolo a 395. Se baixamos o prezo ata ese punto é porque comezamos a fabricar en masa.

Ford, H. A miña vida e a miña obra. 1925

 

 ford

Este consumo masivo é o motor da economía capitalista.

Para o estimular iniciáronse campañas de publicidade a través da prensa, dos carteis e da radio. Hoxe é a televisión o medio preferido para estimular o consumo

 

  • A quebra do sistema democrático. Logo de rematada a I Guerra Mundial, unha serie de factores provocaron unha forte crise moral na poboación de Europa Occidental:
    • A traxedia dunha guerra de dimensións descoñecidas ata o momento.
    • O derrubamento da economía despois do conflito, que afectou sobre todo ás clases baixas: paro masivo e hiperinflación.
    • Os recortes das liberdades por parte de moitos gobernos ante o medo a unha revolución comunista despois da III Internacional
    • A percepción de que Europa Occidental deixara de ser o centro político e económico do mundo, pasando a primacía aos Estados Unidos e á URSS.

 Nesta situación de desmoralización colectiva, comeza a dubidarse da validez do sistema parlamentario liberal baseado no sufraxio, que non fora capaz de evitar unha guerra, nin de satisfacer as demandas da burguesía nin as do proletariado, nin de pór en pé as economías, fronte á eficacia da economía dirixida polo Estado, como estaba a ocorrer na URSS, onde o socialismo real modernizara en poucos anos a un país case medieval.

En Francia e en Gran Bretaña mantívose os sistema democrático; en cambio en Italia e en Alemaña implantáronse réximes ditatoriais.

A crise económica de 1929

Desde 1923 produciuse unha recuperación económica caracterizada por un incremento da produción, o consumo masivo e un notable comercio a escala mundial.

Pero en outubro de 1929 produciuse o afundimento da bolsa de Nova York. O que comezou como unha crise bolsista e financeira converteuse nunha crise económica con graves implicacións sociais e políticas.

A crise da bolsa tivo como causa principal unha superprodución de produtos agrícolas e industriais, que quedaron almacenados ao non teren saída no mercado. As empresas deixaron de obter beneficios e o valor das súas accións baixou estrepitosamente. Así as cousas, os accionistas puxeron en venda as súas accións, co que o seu valor baixou aínda máis. Os bancos, que concederan créditos para a compra de accións, quebraron e suspenderon a súa actividade cando non puideron recuperar o prestado.

  • Jones tiña en 1921 2.000 dólares e investiunos en accións da Goodyear. (…) En 1927 valían 36.000. (…) Decide mercar un coche a prazos e unha boa casa cunha hipoteca. Tamén segue investindo en bolsa, sempre a crédito.
  • En 1928 posúe 136.000 dólares en accións, pero como dan pouco beneficio, ten que botar man do soldo para amortizar as cargas financeiras que cada vez soben máis. (…) Vender accións? Non, son un valor seguro e en alza. Ao comezar 1929 xa posúe 285.000. As letras do coche, os prazos da hipoteca e os xuros dos préstamos comen os ingresos. Hai que vender accións. Pero o problema é que todos os Jones fan o mesmo. Nun mes as accións de Jones valen só 39.000. O seu capital non cobre o que debe. Hai que vendelo todo perdendo diñeiro. En 1930 as accións non valen nada. Ese mesmo ano Jones perde o emprego.

Lezcano, J. El País. 16 de abril de 1983 [Traducido]

As consecuencias desta crise foron o pechamento de empresas e a extensión xeneralizada do paro.

Desde os Estados Unidos a crise espallouse por todo o mundo, nomeadamente por Europa, ao reclamar os bancos dos Estados Unidos os capitais que lles prestaran aos países europeos para a reconstrución e a reparación dos desastres da guerra. En 1932 había no conxunto dos países occidentais 32 millóns de parados.

As teorías económicas liberais de non intervención do Estado na economía comezaron a poñerse en dúbida. Para intentar pórlle fin a este grande problema de dimensións mundiais, os gobernos decatáronse de que a lei da oferta e da demanda non era adecuada, e de que cumpría a súa intervención na economía.

O economista británico J. M. Keynes expuxo en 1936 as súas teorías en que lle concedía ao Estado o papel de organizador da economía, controlando os prezos, fixando os salarios, subvencionando as empresas para fomentar o emprego, investindo en obras públicas e creando un seguro de desemprego a cargo dos orzamentos estatais.

  • O Estado deberá exercer unha acción destinada a estimular o consumo a través da política fiscal e mesmo por outros medios. No que respecta aos investimentos, é pouco probable que os bancos cheguen a aceleralas. Penso que unha ampla socialización dos investimentos se revelará como o único medio de asegurar no posible o pleno emprego, o que non quere dicir que se exclúa a colaboración do Estado coa iniciativa privada. Fóra disto non se ve razón ningunha que xustifique un socialismo de Estado que abranga a maior parte da vida económica.

Adaptación dun texto de J.M. Keynes

Nos Estados Unidos, o presidente Roosevelt levou a cabo unha política económica coñecida co nome de New Deal (novo reparto) dirixida contra as causas: o Estado axudou os bancos mediante préstamos, aumentáronse os salarios, reducíronse as horas de traballo, arbitráronse axudas aos parados e investíronse grandes cantidades de diñeiro en obras públicas para estimular o emprego. Con todas estas medidas arrancouse de novo o motor da economía capitalista: o consumo.

As ideoloxías autoritarias: o fascismo e o nazismo

A principios dos anos 20 aparecen en Europa ideoloxías autoritarias para facerlle fronte ao avance do socialismo: o fascismo en Italia e o nacionalsocialismo en Alemaña.

  • Estas ideoloxías teñen en común os seguintes aspectos:
    • Defenden que o poder político debe estar nas mans dun líder a quen cómpre obedecer cegamente.
    • Parten da base de que as persoas son desiguais; en consecuencia rexeitan a democracia porque concede os mesmos dereitos a todos.
    • Están en contra das liberdades políticas e do individuo; rexeitan todas as características propias do sistema democrático.
    • Os individuos estarán sometidos á vontade dun Estado que é instrumento dos fortes e salvagarda dos débiles.

O liberalismo puña o individuo por diante do Estado; o Fascismo reafirma o Estado como a verdadeira realidade do individuo.

Mussolini. A doutrina do fascismo

    • Non toleran a separación de poderes nin a liberdade de ideoloxías: eliminan os partidos políticos, que son substituídos por un partido único dirixido polo líder.
    • Economicamente preséntanse anticapitalistas; pero é unha táctica para atraer as masas. Ao chegaren ao poder protexen os intereses dos grupos económicos poderosos.
    • Son antisocialistas e anticomunistas por temor á expansión da revolución soviética.
    • Desvalorizan a muller porque non pode levar armas.
    • Defenden a superioridade dunhas razas sobre as outras.

A ideoloxía nacional racista considera que a finalidade do Estado é a conservación da raza. De ningunha maneira cre, xa que logo, na igualdade das razas. Isto obrígao a fomentar a preponderancia do máis forte e a esixir a supeditación do inferior e do débil, consonte a vontade que domina o universo.

Hitler. A miña loita. 1924

    • Estimulan o nacionalismo; a nación é unha comunidade esencial, á que todos teñen que subordinarse. O imperialismo xustifícano pola necesidade de espazo que teñen algunhas nacións para poder realizarse.
    • Apoian o uso da forza, da represión e mesmo do terror para lograr e manter o poder.
    • Desconfían da razón: exaltan os sentimentos da xente e fomentan a irracionalidade.
  • O fascismo italiano. Despois da I Guerra Mundial, Italia non obtivo os territorios que pretendía; a isto cómpre engadirlle a crise económica de posguerra, o paro e unha democracia inestable.Benito Mussolini, líder do Partido Nacional Fascista, foi un hábil dirixente que soubo recoller o descontento social, prometendo reformas sociais e un goberno forte. En 1922 provocou que o rei Vítor Manuel III o nomease presidente do Goberno, posto desde o que implantou o réxime fascista.
  • O nacionalsocialismo alemán. As condicións humillantes que se lle impuxeron a Alemaña no Tratado de Versalles, sumadas aos problemas de reconstrución, á ocupación militar por parte de Francia en 1923 da cunca do Ruhr (moi rica en xacementos de carbón) e á crise económica de 1929 crearon un enorme malestar na sociedade alemá.

Esta grave situación foi a propicia para que o Partido Nacionalsocialista de Adolf Hitler obtivera en 1930 seis millóns de votos ao Parlamento, prometendo pórlle fin á humillación e á crise.

 

  • O nacionalsocialismo coincidía cos obxectivos da grande burguesía; esta necesitaba dun Estado forte porque a reconstrución do poder militar alemán sería unha forma directa de beneficios pola posta en marcha da industria pesada. (…).
  • O nacionalsocialismo tivo que apoiarse abertamente desde o punto de vista económico na industria e na banca.

Bettelheim, C. La economía alemana bajo el nacismo. [Tradución]

 

En 1933, Hitler converteuse no presidente do Goberno e derrogou a Constitución democrática. En 1934, fíxose coa presidencia da República. Desde o cumio do poder levou a cabo a aplicación práctica do programa nacionalsocialista.

Artigo 1º. As leis do Reich poden ser promulgadas polo Goberno fóra do procedemento normal contido na Constitución.

Lei de plenos poderes. 24 de marzo de 1933

Abandonou a Sociedade de Nacións, levou a cabo un intenso plan de industrialización e de rearme, estableceu o servizo militar obrigatorio e comezou a executar un plan de expansión territorial (espazo vital).

O “Espazo vital” na Europa Oriental: diriximos as nosas olladas cara aos países do leste, onde o noso pobo alemán ha adquirir a terra necesaria e onde está a nosa política territorial do porvir.

Hitler. A miña loita. 1924

En 1935 ocupou a zona desmilitarizada de Renania, na fronteira con Francia; en 1938 Alemaña e Austria uníronse (estaba prohibido polo Tratado de Versalles); anexionou a rexión checa dos Sudetes.

 

 Actividades propostas

S10.   Cando e por que EE UU se converteu na primeira potencia económica mundial?

  • Como foi capaz Henry Ford de fabricar coches baratos?
  • Cal é o motor do sistema capitalista?

S11.    Resuma as causas da crise da bolsa de New York.

  • En que momento do relato Jones comeza a ter problemas?
  • Que solucións propuxo Keynes para superar a crise de 1929?

S12.   En que se manifestou a crise dos sistemas políticos de Occidente?

  • Por que se afirma que os réximes políticos de Mussolini e de Hitler son autoritarios?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0