A época das grandes tensións internacionais (1890 - 1945)
1 - Descrición da unidade didáctica
Esta unidade, denominada A época das grandes tensións internacionais (1890-1945), comprende pouco máis de medio século. É un período breve, pero o máis intenso e, con certeza, o máis tráxico da historia da humanidade.
Os aspectos da historia de España tratados aquí abranguen desde os comezos do século XX ata a fin do período franquista, en 1975.
Logo de rematado o estudo desta unidade, deberá ser quen de:
- Analizar as causas e as consecuencias do feito histórico coñecido como imperialismo, caracterizado pola conquista de territorios alén das súas fronteiras por parte da Europa máis desenvolvida, EE UU e Xapón.
- Analizar as causas e identificar as consecuencias da I Guerra Mundial.
- Describir a situación de Rusia a principios do século XX e coñecer como se levou a cabo a implantación do primeiro Estado comunista nese país en 1917.
- Coñecer como xorde o capitalismo consumista na década de 1920. Analizar as causas que provocaron a crise económica de 1929 e a súa mundialización.
- Describir os factores que contribuíron ao ascenso dos réximes autoritarios (fascismo en Italia e nazismo en Alemaña) e identificar os seus trazos característicos.
- Comprender os cambios revolucionarios que experimentou a arte a principios dos século XX.
- Coñecer e valorar os grandes avances científicos do século XX, as súas aplicacións tecnolóxicas e a súa influencia no benestar das poboacións occidentais.
- Analizar as causas que desencadearon a II Guerra Mundial (1939-1945); identificar os principais escenarios da contenda, e describir e valorar as consecuencias deste conflito. Coñecer o proceso de organización da paz a partir de 1945.
- Identificar os problemas económicos, sociais e políticos de España no primeiro terzo do século XX. Explicar as características da ditadura de Primo de Rivera.
- Analizar o contexto en que e proclamou a II República (1931-1936). Coñecer as reformas que se intentaron levar a cabo para modernizar e democratizar a sociedade española.
- Identificar as causas que provocaron a Guerra Civil (1936-1939) e explicar a evolución do conflito. Comprender as consecuencias da guerra. Coñecer a evolución do nacionalismo galego ata a Guerra Civil.
- Identificar os trazos básicos do sistema político franquista (1939-1975). Coñecer a evolución da política económica durante o franquismo. Analizar os cambios experimentados pola sociedade española dende 1960. Identificar os principais movementos de oposición ao réxime franquista e criticar a represión exercida.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0