Saltar navegación

2.2.2 - A II República e a Guerra Civil (1931-1939)

A caída da Monarquía e a proclamación da República

O descontento social aumenta e pídese un cambio de réxime. O 12 de abril de 1931 celébranse eleccións municipais; os republicanos triunfaron nas cidades, o que se considerou un apoio á República. Afonso XIII renunciou ao trono e marchou a Italia.

As eleccións celebradas o domingo revélanme claramente que non teño hoxe o amor do meu pobo. A miña conciencia dime que ese desvío non será definitivo, porque procurei sempre servir a España, posto o único afán no interese público, ata nas máis críticas situacións (…).

Afonso XIII. Manifesto de despedida. 13 de abril de 1931

 

O 14 de abril proclamouse a II República e estableceuse un Goberno provisorio presidido por Alcalá Zamora e formado por socialistas, republicanos de esquerdas e nacionalistas cataláns. Tiña como obxectivos preparar unha nova constitución, realizar unha reforma agraria, modernizar o exército e darlles unha solución aos nacionalismos. Pero atopouse con graves problemas: a grave situación económica como consecuencia da crise económica de 1929, a declaración de independencia de Cataluña e o anticlericalismo de parte da sociedade española.

A Constitución de 1931

En xuño celebráronse eleccións xerais ás Cortes Constituíntes, con vitoria espectacular dos republicanos de esquerda e do PSOE. Elaborouse unha constitución democrática, cuxos aspectos máis salientables foron:

  • Implantación do sufraxio universal masculino e feminino.
  • Recoñecemento sen límites dos dereitos individuais da cidadanía.
  • Posibilidade de constituír autonomías rexionais.
  • As Cortes terían unha soa cámara, o Congreso dos Deputados.
  • O presidente da República elíxeo o Congreso e exercerá a Xefatura do Estado.
  • Separación da igrexa e o Estado, supresión das partidas orzamentarias por parte do Estado e prohibición do ensino por parte das ordes relixiosas.
  • Art. 1.º España é unha República democrática de traballadores de toda clase, que se organiza en réxime de Liberdade e de Xustiza. Os poderes de todos os seus órganos emanan do pobo.
  • Art. 3.º O Estado español non ten relixión oficial.
  • Art. 46.º A República asegurará aos traballadores as condicións necesarias da existencia digna. A súa lexislación regulará os casos de seguro por doenza, accidente, paro forzoso, vellez, invalidez e morte; o traballo das mulleres e dos mozos, e nomeadamente a protección á maternidade; a xornada de traballo e o salario mínimo e familiar; as vacacións anuais remuneradas.
  • Art. 48.º O servizo da cultura é atribución esencial do Estado (…). O ensino primario será gratuíto e obrigatorio. 

Constitución da II República (1931)

 

O bienio reformista (1931-1933)

Con Azaña como presidente dun goberno formado por republicanos de esquerda e socialistas, pretendeuse modernizar España, coas seguintes actuacións reformistas:

  • Reforma do exército, para que se sometese ao poder civil, reducindo o número de oficiais, sobre todo os que non xuraran fidelidade á República.
  • Reforma educativa, fundamental para a modernización de España, que declarou obrigatoria e gratuíta a ensinanza primaria. Creáronse moitas escolas, co fin de eliminar o elevado analfabetismo da sociedade española.
  • Reforma relixiosa, que pretendía reducir o poder e a influencia da Igrexa na sociedade española. Recoñeceuse o divorcio, suprimiuse a obrigatoriedade do ensino da relixión nas escolas e disolveuse a Compañía de Xesús.
  • Reforma agraria, que pretendía reducir o latifundismo e o elevado número de xornaleiros. Para alcanzar estes fins expropiáronse os latifundios e entregáronselles terras aos labregos.
  • Aaprobación do Estatuto de Cataluña, que concedía a posibilidade de ter un Goberno (Generalitat) e un parlamento propios.
  • Problemas:
    • A Igrexa non aceptaba estas reformas do Goberno.
    • Intento frustrado de golpe de Estado por parte do xeneral Sanjurjo.
    • Anticlericalismo de parte da poboación, que incendiou igrexas e conventos.
    • Sucesos de Casas Viejas, en Cádiz, cando as forzas da orde pública, mandadas polo Goberno para sufocar unha sublevación de labregos, exerceron unha dura represión que rematou con varios mortos; isto afectou a credibilidade do Goberno. Azaña dimitiu e convocáronse novas eleccións.

O bienio conservador (1933-1936)

As eleccións de novembro de 1933 foron gañadas polos partidos de dereita, que formaron un goberno que desmantelou as reformas anteriores.

No mundo enteiro están a fracasar o parlamentarismo e os excesos da democracia. Por iso, nós atacamos a Constitución, que ten un exceso de democracia (…).

Gil Robles. Discurso emitido por radio. 18 de novembro de 1933

O novo goberno, presidido polo dirixente do Partido Radical, Alejandro Lerroux, desmontou as reformas máis importantes do anterior goberno e detivo as que estaban iniciadas:

  • Suspendeu a lei de reforma agraria.
  • Restableceu os orzamentos do Estado destinados á Igrexa.
  • Indemnizou os terratenentes expropiados e devolveulles as terras.
  • Paralizou o programa de construción de escolas.
  • Aprobou unha lei de amnistía para excarcerar os implicados no intento de golpe de estado do xeneral Sanjurjo.
  • Suspendeu o Estatuto de Autonomía de Cataluña.
  • Graves acontecementos:
    • Revolución de 1934 en Asturias: durante 15 días, obreiros e mineiros controlaron Oviedo e as concas mineiras, e proclamaron a República Socialista. Este episodio foi duramente reprimido por tropas do exército destinado en Marrocos dirixidas por Franco, cun resultado de 2.000 mortos e 30.000 presos.
    • Companys, presidente da Generalitat de Cataluña, proclamou a independencia de Cataluña, o que provocou, como vimos, que o Goberno central suspendera o seu Estatuto.

O goberno da Fronte Popular

En febreiro de 1936 celebráronse eleccións, que se presentaban como un enfrontamento radical entre a esquerda e a dereita.

Eu declaro que, antes da República, o noso deber era traela; pero restablecida a República, o noso deber é traer o socialismo. E cando eu falo de socialismo marxista falo de socialismo revolucionario.

Larbo Caballero. Discurso en campaña electoral. 12 de xaneiro de 1936

 

Non existe Estado forte sen exército poderoso. Diranme algúns que son militarista. Prefiro ser militarista a ser masón, a ser marxista, a ser separatista, e mesmo a ser progresista (…) Por iso invoco o exército (...). A por España, a por ela, a continuarmos a nosa historia, a liberala das argucias que a combaten, dos traidores que a saquean, do marxismo que a divide, do separatismo que a fracciona, da masonaría que a persegue, do laicismo que a envelena, do parlamentarismo que a esnaquiza, dos partidos políticos que a corrompen, do marasmo que nos arruína e da indisciplina social.

Calvo Sotelo. Discurso do 13 de xaneiro de 1936

A dereita presentouse separada en diversos partidos; a esquerda formou unha única candidatura, a Fronte Popular, que obtivo a maioría. Azaña foi nomeado xefe dun goberno que tomou as seguintes decisións:

  • Aceleración da reforma agraria emprendida en 1931 e suspendida en 1933.
  • Restitución do Estatuto de Autonomía de Cataluña.
  • Amnistía para os presos da revolución de 1934.
  • Ilegalización de Falanxe.
  • Graves problemas sociais:
    • Radicalización política: o fascismo, encarnado na Falanxe Española, incrementou o número de afiliados; o mesmo ocorreu co Partido Comunista.
    • Violencia política e atentados tanto da extrema dereita como da extrema esquerda.
    • Desorde pública: folgas e queima de igrexas. O Goberno non era quen de manter a orde pública.
    • Un millón de parados.
    • Conspiracións por parte dos poderes económicos, sociais e relixiosos que vían ameazados os seus intereses, para destruír a República mediante un golpe de estado militar.
    • Os empresarios pechaban as súas fábricas; os sindicatos UGT (de corte socialista) e CNT (anarquista) facían continuas reivindicacións ao Goberno, que non sempre podía atender.
    • As reformas da República lesionaran os intereses da nobreza latifundista e dunha parte do exército.

O golpe de estado e a Guerra Civil (1936-1939)

Nesta situación de convulsión política, social, económica e relixiosa, políticos de dereitas e unha parte do exército prepararon un golpe de Estado contra a República. O 17 de xullo de 1936, tropas do exército destinadas en Melilla subleváronse contra o goberno, co que se iniciou a Guerra Civil. O 18, a rebelión triunfou nos territorios coloniais españois de Marrocos e en Canarias. O xeneral Franco tomou o mando das tropas sublevadas.

Españois: a cantos sentides o santo amor a España, a Nación chámavos á súa defensa. A situación de España é cada día máis crítica, a anarquía reina na maioría dos seus campos e pobos; autoridades de renome gobernativo presiden cando non fomentan as revoltas, a tiro de pistola e metralladoras dirímense as diferenzas entre os cidadáns (…). Folgas revolucionarias paralizan a vida da Nación, arruinando e destruíndo as súas fontes de riqueza (…).

Francisco Franco. Primeiro manifesto do golpe de estado militar. Tetuán, 17 de xullo de 1933

A primeiros de agosto, as tropas sublevadas en África cruzaron o estreito de Xibraltar.

Alguén dixo que o Movemento militar foi preparado por uns militares ambiciosos e alentados por certos partidos políticos doídos dunha derrota electoral. Isto non é certo. Nós fomos ao Movemento para librar a nosa Patria do caos da anarquía, caos que desde que escalou o Poder a chamada Fronte Popular ía preparándose con todo detalle.

De non saírmos ao paso, a Historia da humanidade coñecería en pleno século XX a máis sanguenta revolución, que nos levaría forzosamente a desaparecer do mapa de Europa como nación libre e civilizada.

Xeneral Mola. Discurso emitido por radio. Agosto de 1936

 

Digo que o aserto dos xenerais é unha pura falsidade. A rebelión militar non ten enfronte un Goberno marxista, nin un Estado marxista. Os xenerais, xefes e oficiais que se alzaron en armas fixérono contra o Estado español, representado por un presidente da República, nomeado legalmente, por unha Cámara lexítima elixida sen tacha (…).

  • Explícase que os xenerais sublevados busquen unha xustificación á súa conduta. Non os desculpará a Historia, nin os seus concidadáns (…).
    • Por que o fixeron? Para que o fixeron? (…). O propósito é tan evidente (…). Simplemente se trata de substituír a vontade xeral do pobo enteiro pola dunha clase social desexosa de perpetuar os seus privilexios

Martínez Barrio. Discurso emitido por radio. Agosto de 1936

 

Durante o conflito, os principais mandos militares elixiron a Franco como xefe do Goberno do Estado. Desde a dirección política puxo as bases dun novo Estado autoritario:

  • Desmontouse o sistema parlamentario republicano.
  • Anulouse a reforma agraria.
  • Prohibíronse os partidos políticos e os sindicatos, e suprimiuse o dereito de folga.
  • Creouse un partido único, Falanxe Española, do que Franco exerceu a xefatura, reforzando aínda máis a súa autoridade.
  • Anulouse a liberdade de expresión e estableceuse censura sobre calquera publicación.
  • Abolíronse todos os estatutos de autonomía vixentes e en proxecto.
 guerra civil

 

Consecuencias da guerra

  • Demográficas: 400.000 mortos en accións de guerra; 210.000 execucións como consecuencia da represión: 150.000 levadas a cabo polo bando dos sublevados durante a guerra e ata 1951; 60.000 por parte dos republicanos.
  • Económicas: a agricultura e a industria diminuíron a produción nun 25 %. As comunicacións quedaron gravemente danadas. O PIB descendeu un 30 %.
  • Sociais: fame, depuracións de funcionarios e exilio de profesionais cualificados.

 

 Actividades propostas

S22.   Como se produciu a proclamación da II República.

    • Que partidos políticos formaron o goberno provisional?
    • Resuma as novidades máis salientables da Constitución de 1931.

S23Cite as grandes reformas do bienio reformista.

    • Que obxectivo se pretendía con elas?
    • Por que o goberno de dereitas se cualifica como antirreformista?
    • Dos discursos de Largo Caballero e de Calvo Sotelo, escriba aqueles fragmentos que evidencien un claro enfrontamento entre políticos de esquerda e de dereitas.

S24. Enumere as causas que, segundo o manifesto de Franco, xustificaban a rebelión militar.

    • Segundo afirma o xeneral Mola, de que perigos librou a sublevación militar á sociedade española?
    • Para Martínez Barrio, cales son as verdadeiras causas do golpe de Estado militar?

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0