2.2.3 - O réxime franquista (1939-1975)
Fundamentos ideolóxicos do novo réxime
Rematada a guerra, proseguiu a implantación do Estado autoritario, baseado nas seguintes ideoloxías:
- Do fascismo tomou a idea de partido único e a de grandeza imperial.
- O anticomunismo era a máxima xustificación da guerra e do réxime.
- O catolicismo deulle á guerra a cualificación de cruzada, pondo de manifesto a perfecta sintonía do franquismo e a igrexa católica: Franco propúñalle ao Vaticano o nome dos bispos; a cambio, a Igrexa controlaba o ensino e volvía recibir diñeiro dos orzamentos do Estado.
|
Necesitamos desde os primeiros anos gravar no ánimo da nosa infancia, en conceptos sinxelos, as verdades da nosa doutrina e a idea firme de sacrificio pola nosa unidade, construída sobre principios eternos extraídos da nosa Historia e dos preceptos do Evanxeo. Persegue a nosa doutrina, como moitas veces vos repetín, o Imperio de Deus, a grandeza da Patria (…). E é que España é a nación predilecta de Deus; os seus grandes servizos á Igrexa, por ningún pobo igualados, non podían quedar sen recompensa; por iso, en medio das súas grandes crises, non lle faltou xamais a súa poderosa axuda. |
|
Francisco Franco. Discurso do 4 de outubro de 1942 |
.
| Pois ben; de como a España rexida pola Vosa Excelencia quixo servir a Deus servindo a súa Igrexa pode dar medida o feito de que desde 1939 o Estado gastou uns 300.000 millóns de pesetas na construción de templos, seminarios, centros de caridade e de ensino, sostemento do culto. Ningún gobernante, en ningunha época da nosa historia, fixo máis pola Igrexa católica que Vosa Excelencia. |
|
Carrero Blanco (presidente do Goberno). Discurso de 1972 |
O réxime político entre 1945 e 1959
Rematada a II Guerra Mundial, o réxime foi illado internacionalmente por ser considerado ideoloxicamente afín aos derrotados: quedou excluído do Plan Marshall, non foi admitido na ONU, e mesmo esta organización condenou o réxime e recomendou a ruptura de relacións diplomáticas con España.
|
En San Francisco, Potsdam e Londres, os pobos das Nacións Unidas condenaron o réxime de Franco e decidiron que, entanto que subsista ese réxime, España non ha poder ser admitida no seo das Nacións Unidas (…).
|
|
Proxecto de resolución da ONU relativo a España (1946) |
Pero contra 1950, cando se estaba a iniciar a Guerra Fría, os Estados Unidos valoraron o anticomunismo de España e a súa situación xeoestratéxica, polo que se produciron os primeiros achegamentos diplomáticos e financeiros.
![]() |
En 1953 asínanse acordos militares e económicos cos EEUU: España permitía a instalación de catro bases militares e recibía a cambio axuda económica. Así foi como se rompeu o illamento internacional, fortaleceuse o réxime e mellorou a súa imaxe a nivel internacional. En 1955 foi admitida na ONU. |
A política económica autárquica
Para acadar o autoabastecemento, aplicouse a autarquía económica. O Estado creou o Instituto Nacional de Industria, un holding estatal destinado a promover empresas públicas (Bazán, Iberia, ENDESA, SEAT…).
|
|
Lei do 25 de setembro de 1941, pola que se crea o Instituto Nacional de Industria |
Foron anos de pobreza, de miseria e de escaseza alimentaria. A venda legal de alimentos estaba regulamentada coas cartillas de racionamento.
O Plan de Estabilización e o desenvolvemento económico da década de 1960
Entre 1957 e 1959 aprobouse unha serie de medidas económicas, coñecidas co nome de Plan de Estabilización, destinadas a abandonar a autarquía, colocar a economía española nos circuítos internacionais e liberalizala, reducindo a intervención do Estado. Para alcanzar estes fins adoptouse unha serie de medidas:
- Desvalorizouse a peseta para facilitar as exportacións.
- Limitouse o gasto do Estado e conxeláronse os salarios para frear a inflación.
- Aumentáronse os impostos.
- Facilitouse a entrada de capital estranxeiro destinado a investimentos.
O Plan de Estabilización preparou o desenvolvemento económico dos anos posteriores, aínda que diminuíu o consumo e aumentou o paro, e provocou forte emigración a Europa. A nova política económica levouse a cabo mediante os plans de desenvolvemento.
|
O Plan de Desenvolvemento instrumenta unha ampla e intensa acción do Estado a favor das zonas xeográficas menos desenvolvidas co fin de conseguir unha maior aproximación entre os niveis de renda das distintas rexións españolas (…). O maior esforzo económico emprégase a favor da mellora agraria (…) en obras de regadío, concentración parcelaria, repoboación forestal, mellora gandeira (…). Para acelerar a industrialización o Plan prevé o establecemento de polos e polígonos. Mediante os primeiros trátase de crear importantes núcleos industriais impulsando unhas concretas actividades económicas e sociais (…). Mediante os polígonos, a acción do Estado estenderase así mesmo a aquelas poboacións que, malia non reuniren as condicións indispensables, permitan o establecemento de industrias. |
|
Primeiro Plan de Desenvolvemento (1964) |
Durante a década dos 60 a economía española medrou dun xeito espectacular; modernízase a industria e aumentan os niveis de consumo e benestar. O PIB incrementouse unha media do 7 % anual ata 1973; as exportacións duplicáronse; a economía pasou de ter unha base agraria a outra industrial; en 1970 a porcentaxe de poboación activa empregada nos sectores secundario e terciario era do 70 %. Cales foron os factores que explican este forte desenvolvemento da economía española?
- Unha conxuntura económica internacional favorable.
- Os fortes investimentos realizados por multinacionais (Ford, IBM, Chrysler, General Motors, etc.), que procuraban man de obra barata, e un mercado en expansión e sen conflitos laborais.
- Os ingresos procedentes do turismo, actividade económica en que España comezaba a ser unha potencia mundial.
- As remesas de capital enviadas polos emigrantes europeos que marcharan cando o Plan de Estabilización, cunha media anual de 385 millóns de dólares, entre 1961 e 1974.
- Os baixos salarios.
- Os investimentos que facía o Estado en obras públicas, sobre todo hidráulicas.
A crise económica 1973
A suba do prezo do petróleo provocada polos países da OPEP en 1973 motivou unha fonda crise económica mundial. En España coincidiu coa inseguridade política xerada coa fin do franquismo, polo que aquí a crise económica presentou unha especial gravidade por:
- A forte dependencia enerxética do exterior.
- O descenso do número de turistas.
- O descenso das exportacións.
- O retorno dos que emigraran na década dos 60.
As transformacións sociolóxicas
- A industrialización trouxo consigo o éxodo de millóns de labregos cara ás grandes cidades industriais (Madrid, Barcelona, , etc.) coa esperanza de melloraren o seu nivel de vida. Este cambio provocou unha serie de problemas sociais: adaptación a un traballo de características moi diferentes, baixos xornais, desclasamento e falta de vivenda.
- Incrementouse de xeito considerable o número de obreiros e de empregados no sector de servizos. Nace así unha clase media que ten excedentes salariais para investir en lecer e cultura: obreiros cualificados e empregados de servizos.
- As necesidades económicas familiares e a maior preparación cultural e profesional feminina fixeron que as mulleres aumentaran no mundo laboral. Esta incorporación tivo repercusións sociais profundas: inicio do reparto das tarefas do fogar e da educación dos fillos, acceso a profesións antes consideradas propiamente masculinas, etc.
- Dos cambios citados comeza a xurdir unha sociedade aberta, tolerante e secularizada, de trazos europeos occidentais. Co incremento do nivel de vida xordee o consumismo, esencial neste sistema económico. A escolarización fíxose obrigatoria ata os 14 anos.
|
É “sociedade de consumo de masas” aquela en que se ten acceso xeneral ao consumo de bens, para o que cómpre: dispor dunha elevada renda per cápita; unha distribución acaída da renda para que a capacidade adquisitiva se dea entre os compoñentes da sociedade; un sistema produtivo con capacidade de satisfacer todas as necesidades, etc. Trátase, c xa que logo, de ver en que medida a sociedade española dos primeiros anos da década dos setenta se achega a este modelo.
Determinadas afirmacións, como as que indican a incorporación española ao consumo masivo, son gratuítas. O camiño cara aos niveis de consumo europeos é aínda longo e as transformacións da economía española son aínda insuficientes. Isto tanto máis cando o consumismo aparece estritamente localizado espacial e socialmente. |
|
Informe FOESSA (1978) |
A oposición política ao franquismo
A ditadura tivo sempre como principio a eliminación dos que cría que eran os seus inimigos, o que motivou unha durísima represión ata 1952.
A partir da fin do conflito, organizouse unha guerrilla chamada maquis, organizada polo Partido Comunista desde o exilio. En 1959 naceu ETA, como un movemento de liberación vasco, que iniciou en 1968 os atentados.
O movemento obreiro foi o elemento opositor máis importante. O Partido Comunista organizaba folgas, como as dos mineiros asturianos, a través das Comisións Obreiras.
|
Reunidos os delegados de varias empresas, acordouse:
|
|
Folla informativa da Comisión Obreira de Barcelona. Xaneiro de 1965 |
A finais da década de 1950 nace o movemento estudantil, que se manifesta en contra do réxime e conta co apoio dalgúns profesores universitarios, e que desenvolve a súa actividade máis reivindicativa a finais dos 60.
O réxime, mantendo o principio de actuación que tivo sempre coa oposición, dous meses antes da morte de Franco, executou cinco membros do FRAP e de ETA en setembro de 1975, o que provocou unha onda de manifestacións en contra a escala mundial.
Actividades propostas
S25. Da resolución das Nacións Unidas relativa a España, analice as razóns polas que se condenou o réxime franquista e especifique que sancións se lle impuxeron.
-
- A que se debe o cambio de actitude de Estados Unidos cara a España?
S26. Resuma a situación económica de España durante o período autárquico.
-
- A partir de entrevistas con persoas maiores que viviron esa época, recolla información sobre as dificultades da vida cotiá.
- Que medidas económicas se adoptaron co Plan de Estabilización?
- Resuma os resultados económicos deste plan económico.
S27. Cuantifique o desenvolvemento económico da década de 1960.
-
- Sintetice as transformacións sociolóxicas.
- Cal era a actitude do réxime franquista con respecto á oposición política?
- Cite as principais frontes de oposición ao réxime.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0
