4.1 Contidos en lingua galega
Bloque de comunicación oral: características da comunicación oral
-
Predominio da subxectividade; por iso é frecuente o uso da primeira persoa.
-
Interacción entre os interlocutores, que se observa pola presenza de interrogacións.
-
Redundancias: repeticións de temas, de palabras e de expresións.
-
Abundancia de frases breves, incompletas e con elisións.
Bloque de comunicación escrita: a instancia e o recurso
-
Instancia: documento mediante o que realizamos unha petición escrita dirixida a unha administración pública. A súa estrutura é fixa e consta de encabezamento (datos persoais), corpo (inclúe a exposición dos feitos e a solicitude) e pé ou final (lugar, data, sinatura e cargo ao que se dirixe a solicitude).
-
Recurso: documento que se utiliza para reclamar unha decisión tomada pola Administración e coa que non estamos de acordo. A súa estrutura é fixa e consta de encabezamento(datos persoais e lei na que se basea para presentar o recurso), corpo(inclúe os datos da resolución que se interpón, os motivos e a solicitude) e pé (lugar, data, sinatura e órgano administrativo ao que se dirixe).
Bloque de coñecemento da lingua: variedades xeográficas, estilo directo e indirecto
-
Variedades xeográficas: as variacións dunha lingua nunha zona xeográfica concreta reciben o nome de dialectos. Os fenómenos dialectais máis significativas no galego son:
-
Gheada: xeito de pronunciar o g aspirado de modo parecido ao j do castelán, que é propio da metade occidental do territorio galego.
-
Seseo: xeito de pronunciar co son do s, o son do z e do c ante e e i. Esta pronuncia é propia da zona máis occidental de Galicia.
-
Estilo directo: feito de reproducir o dito por alguén literalmente, dicindo xusto as mesmas palabras; é como se fixeramos unha cita textual.
-
Estilo indirecto: o emisor reproduce as palabras doutra persoa mediante o emprego da terceira persoa, introducindo as modificacións oportunas.
Bloque de lingua e sociedade: variedades sociais e rexistros
Variedades sociais: a lingua debe adaptarse á situación comunicativa. Por iso, escolleremos o rexistro adecuado tendo en conta quen é o receptor da mensaxe, a finalidade do texto, o tema e o contexto.
-
Rexistro culto ou formal. Ten precisión, claridade e rigor. As expresións son coidadas e o vocabulario amplo, variado e específico.
-
Rexistro coloquial ou familiar. Ten expresividade e fluidez. Aparecen palabras con dobre sentido, expresións populares, repeticións, frases breves, diminutivos afectivos, palabras comodín, refráns... Emprégase nas situacións informais.
-
Rexistro vulgar.Frecuentes incorreccións na construción das frases ou na pronuncia das palabras e vocabulario pobre e repetitivo.
Bloque de educación literaria: precursores e Rexurdimento (século XIX)
-
Precursores: escritores relacionados co movemento provincialista, que ten como obxectivo a rexeneración social e económica de Galicia, partindo do recoñecemento da súa especificidade. Destacan Juan Manuel Pintos e Francisco Añón. A poesía era o único xénero cultivado.
-
Rexurdimento:
-
Iníciase en 1863, co libro de Rosalía de Castro Cantares gallegos.
-
Destaca o papel da prensa e dos certames literarios
-
Lírica. É o xénero literario máis importante. Os tres grandes poetas da época son Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal.
-
Prosa de ficción. A primeira novela longa é Maxina ou a filla espúrea, de Marcial Valladares Núñez. Outro autor de novelas é Antonio López Ferreiro.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License