1 - Introdución
Descrición da unidade didáctica
Esta unidade denomínase A comunicación persoal. Por iso, analizaremos comunicacións orais e escritas habituais na vida cotiá (unha entrevista de traballo, un contrato...) e perfeccionaremos a propia expresión das mesmas grazas á correcta elección do rexistro lingüístico, ao coñecemento das oracións que forman os nosos textos e ao emprego adecuado do estilo directo e indirecto. Como exemplos de mensaxes cunha expresión especialmente coidada, que nos servirán de modelo, tamén leremos obras literarias do século XIX e identificaremos as súas características principais. Dedicaremos a esta unidade o equivalente de 16 horas lectivas e o recomendable é que diariamente traballe con ela entre unha e dúas horas.
-
Ademais, debe ter en conta as seguintes puntualizacións:
-
A unidade contén textos e exercicios en galego e castelán, separados en dúas partes ben diferenciadas. Ambas as linguas, xunto coa estranxeira, intégranse no ámbito da comunicación.
-
A unidade consta de dous tipos de textos ou contidos: uns que levan a etiqueta de "aspectos teóricos", que son os que debe comprender e memorizar, e outros que carecen desa etiqueta, que son os que debe ler, comprender e comentar (aparecen precedidos do símbolo ).
-
Os contidos e exercicios van clasificados en bloques ou partes, relacionados con distintos aspectos do estudo da lingua: comunicación oral, comunicación escrita, coñecemento da lingua, lingua e sociedade e educación literaria.
-
Logo de rematada a unidade deberá ser quen de:
-
Comprender mensaxes orais e participar activamente en diversas situacións de comunicación, transmitindo información e expresando opinións ben argumentadas.
-
Valorar o diálogo como medio de resolución de conflitos.
-
Respectar as normas que rexen a interacción oral.
-
Comprender e redactar textos propios da vida cotiá e das relacións sociais, como disposicións legais, contratos, instancias e reclamacións.
-
Coñecer os rexistros e os factores que inciden no uso da lingua en distintos ámbitos sociais.
-
Valorar a importancia de usar o rexistro adecuado segundo a situación comunicativa.
-
Recoñecer e valorar os principais fenómenos que caracterizan as variedades xeográficas das linguas.
-
Redactar textos e revisalos para ver se gardan a debida cohesión e coherencia.
-
Recoñecer e usar coherentemente o estilo directo e indirecto.
-
Identificar oracións simples e sintagmas.
-
Coñecer as características xerais dos períodos da historia da literatura de século XIX.
-
Ler relatos, poemas e pezas teatrais do século XIX nas dúas linguas do ámbito.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License