2.4.2 Situacións comunicativas
Situación comunicativa 1
|
Martes, 5 de maio de 2009. No despacho dunha empresa: Xela ten ás dez e media da mañá, deste día de maio, unha entrevista de traballo nunha empresa dedicada á construción civil. O posto para o que vai ser entrevistada é o de xefa de administrativos da empresa. O entrevistador é o director rexional da empresa para Galicia. Comeza a entrevista: ― Director Rexional: Bos días. Pode sentarse. ― Xela: Ola meu, como che vai? Vou sentar logo. ― D.R.: Vostede é Xela López. Vexo no seu currículo que ten bastante experiencia como administrativa. Que responsabilidades tiña na empresa anterior onde traballou? ― Xela: Bah! Pois de todo un pouco. Andar cos papeis dun lado para outro. Facer algunhas contas no computa. Asinar despedimentos. Eu que sei, cousas así. ― D.R.: Como era a súa relación co resto dos seus compañeiros e compañeiras? Dáselle ben traballar en grupo? ― Xela: Bufff, colega, depende. Non teño problemas para traballar con outra xente pero hai días que non aturo o persoal. ― D.R.: Que cre que pode achegar a esta empresa no caso de que a seleccionásemos para o posto? ― Xela: Pois mira, unha pila de cousas, macho. Controlo a ostia de informática e son bastante extravertida co persoal. Son moi comunicativa e considérome capaz de manexar a grupos de persoas para que traballen de xeito coordinado e tal. ― D.R.: Sería para vostede un problema ter que viaxar con frecuencia a outros países? ― Xela: Homeeeee! Aí xa me amolas. Mira, eu paso diso, como moito estaría disposta a viaxar un ou dous días á semana, senón non me dá tempo a facer outras cousas. Píllalo? ― D.R.: De acordo, pois aquí rematamos coa entrevista. Grazas por vir e nos próximos días xa recibirá noticias nosas informándolle de se conseguiu pasar con éxito esta primeira criba do proceso selectivo. Nada máis. Teña bo día. ― Xela: Pois moi ben, tronco. Veña, ata outra e que che vaia ben. Abur. |
Situación comunicativa 2
|
Sábado, seis e media da tarde. Un grupo de tres amigos nunha cafetaría: ―Miguelanxo: Pois si, colegas, o outro día no partido de fútbol do campionato rexional, os de X déronnos unha boa malleira. ―Antón: Home Miguelanxo, é que sodes uns paquetes. Cantos partidos gañastes este ano? Tres, catro? ―Miguelanxo: Xa estamos! Intentámolo, macho, pero non sei que carallo pasa que non nos sae unha ao dereito. Arredemo! ―Lois: Mire Miguelanxo, como amigo seu que son de toda a vida, creo que deberían cambiar o seu sistema de xogo por un 5-3-2 e deixarse de estulticias. Outrosí, deberían adestrar máis horas, pois admítao, a súa forma física deixa moito que desexar. E máis, eu diría que é bastante deficiente. ―Antón: Por certo, tíos, vistes a peli que se estreou o outro día no cine. Vaia flipe! ―Miguelanxo: Arrea! Pois non me dou conta de cal dis. Non será a de carreiras de coches? ―Antón: Esa, esa. Pois iso, fun vela coa moza. A ela non, pero a min, buaaaa!, encantoume. Que peliculón! Ti víchela Lois? ―Lois: Se é a que eu penso si, señores. Non está mal, dentro do xénero de acción e unha das mellores pezas que se poden ver este ano. O filme comeza cun plano secuencia fermoso que requiriu de tres meses de elaboración. Segundo críticos especializados, este plano secuencia reflicte a soidade do protagonista e a busca dunha meta que lle dea sentido á súa vida. De feito, señores, días atrás, na facultade, o profesor que nos dá a clase de cine falounos xa desta obra visual como unha das máis interesantes e anovadoras que se poderían ver este ano nas salas cinematográficas de todo o país. Aparte dese plano secuencia, cabe destacar o marabilloso deseño de produción e a galería cromática empregada na segunda parte da historia, que nos retrotrae aos temas dos grandes pintores do século pasado. Non sei se se fixaron vostedes niso? ―Antón: Home macho, eu pasei un bo rato con ela e si que me parece boa pero non che me apetece agora moito poñerme a analizala en profundidade. Levo toda a semana choiando e non teño moitas ganas de darlle á cabesiña. ―Miguelanxo: Xa andades ás voltas co cine. Mira que sodes pesados eh!!! Cada vez que falo de fútbol cambiades de tema así, no aire. Como pode ser que non vos guste o fútbol? Que raros sodes, tíos! ―Antón: Ei, Miguelanxo, tranquilo eh!!! Non será que ti só sabes falar de fútbol? Que se o outro día no partido tal cousa, que se fai dúas semanas case gañamos aos parviolos aqueles!!! Home, é que te repites seguido, macho. ―Lois: Tranquilícense señores. Morra o conto e procedamos a inxerir algún tipo de substancia líquida, por exemplo, uns cafés ou uns refrescos de limón. Que lles parece, cabaleiros? |
Actividades propostas
Actividades propostas
S8. Texto 2.10. Situación comunicativa 1.
-
En que contexto social se produce a comunicación que reflicte este texto?
-
Que rexistro utiliza cada un dos participantes na entrevista? Razoe a resposta.
-
Cal deles utiliza un rexistro inadecuado para a situación comunicativa que se presenta no texto? Por que?
S9. Texto 2.10. Situación comunicativa 2.
-
En que contexto social se produce a comunicación que reflicte este texto?
-
Que rexistro utiliza cada un dos participantes na entrevista? Razoe a resposta.
-
Cal deles utiliza un rexistro inadecuado para a situación comunicativa que se presenta no texto? Por que?
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License