2.3.3 A outra banda do Íberr
-
MALEN
Non podo seguir a ler. Así non son capaz.
Coloca o libro sobre a mesa
Tantas voces na rúa, esmáganme. Todo o santo día a berros, minuto a minuto, segundo a segundo... E por se abondo non fose, agora, eses ditosos rapaces.
Óise un boureo embaixo
Aborrézoos.
Aproximándose a erguer un mainel
Xa chega o vento da Foz até as casas. Podo sentir como rube cara aos mesmos tellados. Ás veces, é doce recoller o aire de lonxe que anuncia o Río.
Di a modo, asomándose
As dez e nin tan sequera unha estrela... Como pode ser tan allea a nós unha noite de primavera?...
VELLO MARJ
Os ceos da nosa Galandia eran ben distintos. Cóbado con cóbado, cabían moitas cousas polas noites.
MALEN
Hoxe o vento ven xordo e bruador.
VELLO MARJ
Non ten ouvidos o vento, nin falta que aquí lle fan.
MALEN
Tratando de outear algo dende a fiestra
Coido que pola banda do Parque Municipal se abrigan uns longos anacos de nubes. Logo irá descargar.
VELLO MARJ
E non serán os ramallos?...
MALEN
Quizá algún paxaro faga niño; quizá algunha parella de namorados ande a amarse puramente. Eu, desde aquí, nada vexo.
VELLO MARJ
Aínda parece inverno.
MALEN
Si que é estraño este aire. Unha xamais sabe se apunta ao Norte ou ao Sur. Anda revolto. Unha xamais sabe como haberá que chamarlle.
Torres, Xohana, A outra banda do Íberr, Galaxia, Vigo, 1965
Actividades propostas
Actividades propostas
S7. Lea o texto e realice as seguintes cuestións:
-
O texto está escrito en estilo directo ou indirecto? Por que?
-
Mediante a utilización de verbos tales como dicir, responder, etc., reescriba en estilo indirecto o anaco de texto sombreado.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License