2.3.1 Variedades xeográficas da lingua (aspectos teóricos)

  • Ver Glosario: seseo; gheada

A lingua, tanto a oral como a escrita, aínda sendo sempre a mesma, pode adoptar diversas modalidades, que variarán non só por factores sociais –tal e como veremos na parte teórica correspondente desta unidade– senón tamén segundo as zonas xeográficas. Estas determinan que existan certas diferenzas entre falantes de distintas zonas dunha mesma comunidade lingüística.

Pensemos, por exemplo, nun programa de televisión no que ademais do presentador ou presentadora interveñen persoas de distintas zonas de Galicia, por exemplo das Rías Baixas, de Ourense, do Barbanza... Entanto que a presentadora utilizará unha lingua que poida definirse como lingua modelo, cada participante falará galego de acordo cunhas certas peculiaridades que son propias da súa zona de orixe e que todos podemos percibir. Este feito dá lugar a diferenciar entre lingua estándar (a empregada habitualmente nos medios de comunicación, na Administración, no ensino, etc., e que é como un modelo), e as chamadas variedades dialectais, ou dialectos,que comportan unha serie de diferenzas normalmente comúns a unha determinada zona xeográfica.

Variedades dialectais

Na lingua galega os trazos máis significativos das variedades dialectais son o uso do seseoe da gheadaen certas zonas de Galicia.

  • Seseo. Exemplos de seseo implosivo(a final da sílaba): lus, des, rapás. Exemplos de seseo explosivo(a comezo de sílaba): sapato, sebola, Vilagarsía.

  • Gheada. Existe un prexuízo moi estendido no sentido de que falar utilizando seseo e gheada é algo incorrecto e propio de xente inculta. Esta crenza é totalmente falsa: as dúas variedades dialectais son válidas e correctas na fala das zonas onde se producen. Non obstante, estas pronuncias non se deben reflectir na escrita. Isto é, aínda que un falante de Bergantiños pronuncie cighala, deberá escribir cigala.

Actividades propostas

Actividades propostas

S6. Se ten acceso a internet, procure información sobre as zonas xeográficas de Galicia en que se producen os fenómenos lingüísticos do seseo e a gheada, e sobre cal pode ser a orixe de cada un deses fenómenos. Escriba a información que atope.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License