2.5.3 Os pinos (Himno galego)

¿Que din os rumorosos

na costa verdecente,

ao raio transparente

do plácido luar?

¿Que din as altas copas

de escuro arume harpado

co seu ben compasado

monótono fungar?

Do teu verdor cinguido

e de benignos astros,

confín dos verdes castros

e valeroso chan,

non des a esquecemento

da inxuria o rudo encono;

desperta do teu sono,

fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos

a nosa voz entenden,

e con arroubo atenden

o noso rouco son,

mais só os ignorantes,

e feridos e duros,

imbéciles e escuros

non os entenden, non.

Os tempos son chegados

dos bardos das idades,

que as vosas vaguidades

cumprido fin terán;

pois, onde quer xigante

a nosa voz pregoa

a redenzón da boa

nazón de Breogán.

Teus fillos vagorosos

en que honor só late,

a intrépido combate

dispondo o peito van;

se, por ti mesma, libre

de indigna servidume

e de oprobioso alcume,

rexión de Breogán.

Á nobre Lusitania

os brazos tende amigos,

aos eidos ben antigos

con un punxente afán;

e cumpre as vaguidades

dos teus soantes pinos

duns máxicos destinos,

¡ouh, grei de Breogán!

Amora da terra verde,

da verde terra nosa,

acende a raza briosa

de Ousinde e de Froxán;

que aló nos seus garridos

xustillos, mal constreitos,

os doces e albos peitos

das fillas de Breogán;

que á nobre prole ensinen

fortísimos acentos,

non mólidos concentos

que ás virxes só ben están;

mais os robustos ecos

que, ¡oh, patria!, ben recordas

das sonorosas cordas

das harpas de Breogán.

Estima non se alcanza

cun vil xemido brando;

calquer requer rogando

con voz que esquecerán;

mais cun rumor xigante,

sublime e parecido

ao intrépido sonido

das armas de Breogán.

Galegos, sede fortes,

prontos a grandes feitos;

aparellade os peitos

a glorioso afán;

fillos dos nobres celtas,

fortes e peregrinos,

loitade polos destinos,

dos eidos de Breogán.

Pondal, Eduardo. Poesía, Xerais, Vigo, 1989

Actividades propostas

Actividade proposta

S.10 Lea o texto e sinale en que elementos nos baseamos para encadralo dentro do xénero lírico ou poético.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License