2.2.1 A instancia (aspectos teóricos)
É un documento mediante o que realizamos unha petición escrita dirixida a algunha das administracións públicas: local (un concello), provincial (a deputación), autonómica (un organismo dependente da Xunta de Galicia) ou central (un organismo dependente do Goberno central; por exemplo, a Policía Nacional).
A linguaxe da instancia, dado o carácter oficial do escrito, deberá respectar de forma estrita unhas determinadas normas:
-
Lingua: non se deben empregar coloquialismos, e hai que utilizar as fórmulas e abreviaturas propias da linguaxe administrativa.
-
Tratamento empregado: cando a instancia se dirixe a alguén que ocupa un cargo concreto, deberase empregar o tratamento acaído.
-
Forma de presentación: ten unha estrutura fixa; as partes e a orde en que se presentan é a mesma en todas as solicitudes.
Con frecuencia os organismos dispoñen de modelos impresos de instancia para usos concretos, nos que só é preciso cubrir os datos requiridos; noutros casos deberemos redactala nós mesmos acomodándonos sempre á mesma estrutura.
Partes dunha instancia
-
Encabezamento ou introdución: na primeira parte da instancia figuran os datos persoais da persoa que lle fai esta solicitude á Administración: o nome e os dous apelidos, o número de DNI, lugar e data de nacemento (non sempre aparece), profesión (non sempre aparece), enderezo (non sempre aparece) e teléfono. Debe incluírse toda a información salientable en relación coa solicitude.
-
Corpo ou comunicación: esta parte contén a petición que fai a persoa solicitante coas razóns e os motivos en que se apoia. O corpo divídese en dúas partes:
-
Exposición. Nela aparece o motivo ou motivos da petición. Esta parte vai precedida pola palabra expón(ou expoño), escrita en letras maiúsculas, e seguida por dous puntos e á parte. Nas liñas seguintes aparecerá o motivo ou motivos en que se apoia a petición.
-
Solicitude. Aquí aparece o contido da petición. Comeza coa fórmula solicita(ou solicito) en maiúsculas. Fíxese na persoa do verbo; as instancias, igual que as solicitudes, redáctanse en primeira ou terceira persoa do singular (expoño en 1ª persoa / expón en 3ª persoa; solicito en 1ª persoa / solicita en 3ª persoa).
-
Pé, remate ou final: consta sempre dos seguintes alíneas:
-
Lugar e data: da solicitude.
-
Sinatura: da persoa solicitante.
-
Cargo da Administración: a quen se dirixe a instancia. Neste apartado débese indicar o organismo do que é xefe ou máximo responsable, escrito sempre en letras maiúsculas, e coa forma de tratamento que lle corresponde a ese cargo.
Instancias especiais
Dentro das instancias diferenciaremos dous tipos especiais:
-
Recurso de reposición. É unha segunda instancia que se dirixe a un organismo cando este denegou o que se solicitaba ou pedía nunha instancia anterior.
-
Recurso de alzada.É unha instancia dirixida a un organismo cando o de xerarquía inmediatamente inferior rexeitou unha petición que se considera xusta pola nosa parte.
Este tipo de instancias elabóranse da mesma maneira que unha normal, pero na alínea dedicada á petición debemos salientar que se trata dun recurso de reposición ou ben dun recurso de alzada.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License