4.1 Resumo de contidos en lingua galega

Bloque de comunicación oral: lingua oral e lingua escrita. Diferenzas. Elementos paraverbais e non verbais

  • Na lingua oral utilizamos os fonemas ou sons que emitimos cos órganos da fonación; na lingua escrita utilizamos as letras ou grafías que representan os fonemas. Destas grafías, dezaoito son consoantes e cinco son vogais (a, e, i, o, u), pero na lingua galega hai sete fonemas vocálicos: o e e o o correspóndense con dous fonemas. Isto é así porque en posición tónica poden ser abertos ou pechados.

  • Na lingua oral, a canle de comunicación é auditiva e na lingua escrita é visual.

  • Na lingua oral, emisor e receptor están presentes e a comunicación é inmediata; na escrita o receptor está ausente, polo que a comunicación é diferida.

  • A lingua oral é momentánea e ten unha duración limitada, mentres que a escrita é perdurable no tempo.

  • A lingua oral apóiase na entoación e nos xestos; a escrita substitúe estes recursos polos signos de puntuación.

  • Na lingua oral interactúan emisor e receptor; na escrita non hai esta interacción.

  • A lingua oral é espontánea e menos coidada; a escrita é máis elaborada e precisa.

  • Elementos paraverbais: o volume, a velocidade, as pausas e a entoación son recursos que emprega o emisor nunha comunicación oral planificada.

  • Elementos non verbais: os acenos ou xestos e os movementos, tamén contribúen na comunicación verbal do emisor.

Bloque de coñecemento da lingua. Normas ortográficas: a acentuación. Clases de palabras: o substantivo e o adxectivo. A orixe das palabras galegas

  • Regras de acentuación segundo a posición da sílaba tónica nas palabras:

    • Agudas: a sílaba tónica é a última. Levan acento gráfico cando son polisílabas e rematan en vogal, en vogal + -n, -s ou –ns.

    • Graves: a sílaba tónica é a penúltima. Levan acento gráfico cando rematan en consoante distinta de –n ou –s e en grupos consoánticos distintos de –ns.

    • Esdrúxulas: a sílaba tónica é a antepenúltima. Levan sempre acento gráfico.

    • Sobreesdrúxulas: a sílaba tónica vai sempre antes da antepenúltima. Levan sempre acento gráfico.

  • O substantivo. Clase de palabra variable que serve para designar persoas, obxectos, seres, sentimentos… Marcan o xénero (masculino ou feminino) e o número (singular ou plural) ao que pertencen.

  • O adxectivo. Clase de palabra variable que expresa propiedades ou características dos substantivos e concordan con eles en xénero e número.

  • A orixe das palabras galegas. A maior parte das palabras do noso léxico proceden do latín. Pero tamén temos palabras máis antigas procedentes dos pobos prerromanos, e outras posteriores que achegaron os xermanos e os árabes. As palabras de orixe latina divídense en tres grupos:
    • Palabras patrimoniais: constitúen a maioría do noso léxico e foron evolucionando ao longo dos séculos, diferenciándose da súa forma orixinal: ollo, de oculum.
    • Palabras cultas: tiveron unha incorporación máis tardía e apenas sufriron evolución da forma latina orixinal: aurícula, de auriculam.
    • Palabras semicultas: aínda que a súa incorporación é moi antiga, sufriron poucas transformacións por ser de uso culto e utilización escasa: praga, de plagam.

 Bloque de lingua e sociedade: lexislación esencial sobre a lingua galega

  A lexislación básica esencial que existe sobre a lingua galega recóllese nos seguintes textos legais:

    • A Constitución española, aprobada no ano 1978, artigo 3º.

    • O Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en 1980, título primeiro, art. 5º.

    • Lei de Normalización Lingüística (1983).

    • Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado no ano 2004.

    • Decreto 79/2010 do 20 de maio para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License