2.2.1 Un suceso e moitas variedades da lingua

Texto A

Ai! Que abafo! … deixa que sente…, Ai, miña nai!... Que viña… e víao vir… E tíñao enriba… E non podía facer nada. Ai, Virxe do Socorro! Grazas, Virxenciña, que me salvaches. Que o vía enriba. Ai, pobre de min! Si, si, un vaso de auga. Que susto! E que non dou sacado este susto de dentro. Onde está o meu cesto? Ai! Xa non me lembro do que fixen con el. Co susto… Que non podo co susto. Que eu sei como son. Que me vou poñer mala, se o saberei eu…

Texto B

Como un fórmula un viña o fulano. A toda hostia. "Que se mata!, berrei eu. Foi un momento nada máis. Cataclac!, e xa está. Quedou esnafrado. Todo cheo de cristais, os coches freando, que xa esperaba eu que máis de un se petara unha porrada. E toda a xente para aló, mirando coma pasmóns. Un espectáculo, vamos.

Texto C

Viña do cole co Andrés e a Mónica e eles dicían que a mestra nos tiña manía e chegamos enfronte á libraría e a Mónica miraba uns tebeos, que sempre teñen tebeos e mirámolos e, ostras!, sentimos un, un, un… patapumba! E, e, e, e, … metérase na casa e os cristais rotos e non nos deixaron velo. Unha vella díxonos que nos fósemos á casa e por iso non vimos case nada, só xente vella que nos dicía: "Fóra de aquí, mocosos!"

Texto D

Logo de ser avisado por radio presenteime no lugar do accidente ás doce e sete minutos da mañá. Puiden observar un vehículo de cor branca, sen placas de matrícula, dentro do vestíbulo da vivenda número 8 da rúa Sarampelo. Observábanse cristais rotos en abundancia. Procedín á observación ocular do vehículo e non apreciei nada digno de mención, polo que me dirixín ao público que se congregara para dar orde de "Circulen, por favor".

Texto E

Que gozada, tío! Que case se mete escaleiras enriba o tío, non? Como viría o tío!, non? Polo menos a cento cincuenta. Que bárbaro!, non? Case nada, unha castaña de campionato. Non? Cando o vimos, todos, "ghe, ghe, ghe...!", e o Roque, coma sempre, dixo "Record"! E todos: " ghe, ghe, ghe...!". Unha vella desas que todo o atopa mal vai e sóltanos o de sempre: "Que non hai respecto!" "Que xuventude!".

Texto F

Eu vino , si, señor. Vino todo. En fin, o de sempre, un rapaz novo, sen nada na cabeza. Vino vir. E avisei: "Que se mata", dixen. Collín unha señora e quiteina do medio. Pódese dicir que lle salvei a vida. E logo veu a algarabía. Todo o mundo preguntando: "Quen é?", "Está morto?". Neses momentos é necesario que alguén conserve a calma e aparte os curiosos. "Circulen, veña, circulen, deixen traballar", díxenlles, pero non me facían caso. Hai moi pouca educación hoxe en día. E chegou a policía e xa se ocuparon eles de todo.

Texto G

CIDADE 6. Onte, arredor das doce da mañá produciuse un estraño accidente na rúa Sarampelo. Malia a densidade do tráfico desta hora, coa lentitude habitual, un vehículo sen matrícula, a toda velocidade, perdeu o control e, logo de esnaquizar a porta cristaleira do edificio número 8, precipitouse no seu interior.

O curioso desta noticia está en que ninguén puido ver o ocupante deste vehículo. Non houbo un só ferido e o coche, branco, non presenta nin o menor dano.

Esta mañá a policía tratou de poñer en marcha o vehículo e atopou unha sorpresa aínda maior: carece de motor.

Solicitado pola policía acudiu un guindastre ao lugar dos feitos pero non conseguiu retirar o coche. A forza do guindastre, unhas vinte toneladas, non foi dabondo para movelo.

Trátase dun feito cuxas consecuencias non se poden prever polo momento. O insólito do suceso chamou a atención do mundo enteiro. As axencias están enviando os seus correspondentes ao lugar dos feitos.

Os organismos xudiciais consultados por este xornal limitáronse a afirmar de que ninguén presentou ningún tipo de denuncia, polo momento.

Extraído de Internet. Domenech, Lourdes e Romeo, Ana, Materiales de Lengua y Literatura. Adaptación

Actividades propostas

Actividades propostas

S2. Indique a que variedade da lingua pertence cada texto.

S3. Analice as características de cada texto. Diga se a mensaxe e espontánea ou preparada, como é o vocabulario (sinxelo, culto, coloquial, vulgar), se hai incorreccións, retrousos, frases feitas, diminutivos, repeticións, frases incompletas… Indique tamén se é moi expresivo, pouco ou nada.

S4. Trate de identificar quen fala, con que e onde en cada un dos textos.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License