2.4.1 Lexislación esencial sobre a lingua galega (aspectos teóricos)

En Galicia fálanse dúas linguas, o galego (que é a lingua propia de Galicia) e o castelán (que é a lingua oficial do Estado). A cooficialidade das dúas linguas está recollida no artigo 3 da Constitución e no artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Constitución Española, aprobada no ano 1978, artigo 3º

  • 1. O castelán é a lingua oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de a coñecer e o dereito de a usar.

  • 2. As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas súas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos.

  • 3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.

Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado no 1980, título primeiro, artigo 5º

  • 1. A lingua propia de Galicia é o galego.

  • 2. Os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

  • 3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

  • 4. Ninguén poderá ser discriminado por causa de lingua.

Vai ser no primeiro punto deste artigo onde se recoñece por primeira vez na nosa historia legal que o galego é a lingua propia de Galicia.

Lei de normalización lingüística (1983)

Consta de vinte e cinco artigos desenvolvidos en seis títulos:

  • Título I.Dos Dereitos Lingüísticos en Galicia.

  • Título II: estabelece a oficialidade de galego e castelán nas institucións dependentes da Administración Autonómica e Local

  • Título III: regulamenta o uso do galego no ensino

  • Título IV: está dedicado ao uso do galego nos medios de comunica­ción e determina o uso normalizado do idioma galego en todos os medios sometidos a xestión ou competencia das institucións da Comunidade Au­tónoma.

  • Título V: conságrase á protección do galego no exterior; tanto o dos territorios de fala galega que caen fóra da Comunidade Autónoma, como o dos servizos culturais e lingüísticos á poboación emigrada.
  • Título VI: fala da responsabilidade do goberno autónomo e das corporacións locais na protección e fomento do galego e no desenvolvemento da función normalizadora.

Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado o 22 de setembro de 2004

Serve como desenvolvemento á Lei de Normalización Lingüística de 1983. O Plan recolle 445 medidas moi diversas aplicables a distintos ámbitos sociais e ten como obxectivos: garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, conseguir para o galego máis funcións sociais e máis espazos de uso, introducir na sociedade a oferta positiva de atender os cidadáns e os clientes en galego, promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega, e dotar o galego de recursos lingüísticos e técnicas que o capaciten para vehicular a vida moderna.

Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia

Este decreto desenvolve a lei de normalización lingüística para a súa aplicación en todos os centros docentes públicos e privados que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Actividades propostas

Actividades propostas

S.18. Responda ás seguintes cuestións relacionadas co texto que acaba de ler.

    • Fíxese no artigo 5 da Constitución Española e no artigo 2 do Estatuto de Autonomía. Que diferenza hai entre deber e dereito? Que idioma sae favorecido comparando estes dous artigos? (teña en conta ademais que a Constitución é a lei pola que se rexen as demais leis).

    • Fíxese no artigo 1 do Estatuto de Autonomía. Que quere dicir que o galego é a lingua propia de Galicia?

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License