2.5.1 Memorias dun neno labrego

Eu son...

BALBINO. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademáis, probe. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.

No vrao ando descalzo. O pó quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha pra espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañán, pra ir co gando, restrevar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comenza. Sede, sol, moxardos.

No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son como espeteiras pra colgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sin tentos.

¡Qué saben desto os nenos da vila!

Eles iñoran o que eu penso mentras boto ó corpo un gurruncho de caldo con broa. Ou o que sinto cando estou no monte pingando, aterecido, vendo por entre a chuvia un pantasma bretemoso en cada árbore.

A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cás oubean e a xente morre "cando está de Deus", como di a madriña. Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos foguetes e hastra rímos, pero somos tristes. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos.

Eu quixera andar mundo. Ir por mares e terras que non conozo. Nacín e crieime na aldea pero agora síntoa pequena, estreita. Como se vivise nun cortizo. Teño pensamentos que non lle podo contar a ninguén. Algúns non me entenderían e outros chamaríanme tolo. Por eso escribo. E dempois durmo coma unha pedra. Quedo desatafegado, libre, coma se me quitasen de enriba un bocoi. ¡Cousas miñas! E tamén de Smith, o capitán que estivo na guerra e cando voltou prá casa púxose a escrebir todo o que lle acontecera. Así está nun libro que me trouxo o Landeiro.

¡Se eu fixese un libro! Nin falar. Ogallá que non me atopen o caderno. Daríame vergoña. E non é pra menos. Porque nel deborco todo o que sinto. Moi pouca xente o fai. Todos abren o peteiro para dúas cousas; pra dicir a verdade ou pra arredarse dela.

Na miña casa non me comprendían. E outro tanto acontéceme na do Landeiro. Eso é o peor que lle pode suceder a ún, pero a moita xente non se lle dá [...].

Neira Vilas, Xosé, Memorias dun neno labrego, Ediciós do Castro, Sada, 2001

Actividades propostas

Actividades propostas

S.19. Indique quen son os personaxes que aparecen nel. Escriba ao lada de cada nome unha característica dese personaxe.

S.20. Explique os sentimentos de Balbino con relación á aldea e diga cal é o maior desexo que ten o rapaz.

S.21. O texto non está escrito en galego normativo. Coa axuda dun dicionario poña en galego normativo as palabras que aparecen subliñadas no texto.

S.22. O fragmento de Memorias dun neno labrego é un texto literario. Localice tres comparacións e dúas enumeracións, unha referida ao verán e outra referida ao inverno.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License