S6. Lea e escoite os textos. Responda ás seguintes cuestións:
A que tipo de comunicación (oral ou escrita) responden os textos?
Que características da lingua oral ou escrita temos en cada un dos textos?
S7. O texto O rato do monte e o da casa, malia ser un exemplo de comunicación escrita, contén algúns elementos que entran dentro das características da comunicación oral. Sabería dicir cales son?
S6
A que tipo de comunicación (oral ou escrita) responde cada un dos textos?
Texto 2.7 comunicación escrita.
Texto 2.8: comunicación oral.
Que características da lingua oral ou escrita temos en cada un dos textos?
Texto 2.7: comunicación escrita. A canle de comunicación é visual. O receptor/a percibe o texto coa vista; a mensaxe pode tardar en chegar ao receptor, dependendo de cando se poña a ler o texto; a mensaxe é perdurable no tempo; carece de recursos típicos da lingua oral coma xestos de sorpresa, dúbida, emoción... Tenos que substituír por outros: puntos, comas...
Texto 2.8: comunicación oral. A canle de comunicación é auditiva. O receptor/a percibe o texto co oído; a mensaxe é instantánea, transmítese no momento; a mensaxe non é perdurable no tempo, ten a duración limitada do momento da comunicación; hai recursos típicos dunha lingua oral coidada, aínda que presenta algún breve titubeo. O entrevistado, Víctor Freixanes, apoia a linguaxe verbal nos elementos paraverbais: volume, pausas, entoación … e nos elementos non verbais, especialmente acenos coas mans.
S7
Este texto está escrito nun rexistro coloquial ou familiar da lingua que é o que habitualmente adoita empregar a maioría da poboación nos actos de comunicación oral cando utiliza o galego, debido á falta de instrución para utilizar a norma culta da lingua. Ademais contén expresións, proverbios e palabras malsoantes, propias da lingua oral ou que, polo menos, é onde o seu uso adoita ser máis frecuente. O texto afástase, deliberadamente, do que é norma na lingua escrita, é dicir, do emprego do rexistro culto.