Saltar navegación

Simulamos emerxencias

 

Glosario

Simular

Pictograma que representa dúas persoas simulando unha actuación no teatro

Definición:

Facer que algo pareza que é real cando non o é.

Exemplo:

Simularon que se desmaiaba e actuaron seguindo a conduta PAS.

Botica de primeiros auxilios

Pictograma que representa unha botica de primeiros auxilios

Definición:

Caixa onde se gardan medicinas e útiles para prestar os primeiros auxilios en caso de accidente.

Exemplo:

Colleu unha venda da botica de primeiros auxilios.

Vítima

Pictograma que representa a unha persoa sobre padiola semellando morta

Definición:

Persoa ou animal que sofre un dano ou resulta prexudicado por alguén ou por algo (RAG).

Exemplo:

Despois de levar un golpe forte, a vítima permanecía tendida no chan.

Simulacións

Agora dividirédesvos en grupos, e cada grupo deberá simular as 5 seguintes emerxencias. En cada emerxencia, haberá unha persoa que sexa a que simule o accidente e unha ou varias persoas que atendan á vítima. Tede en conta que cada un de vós debe participar en algunha das emerxencias.

Caso práctico 1

Pictograma que representa dúas persoas chocando as súas cabezas

Xogando ao fútbol no tempo do recreo, dúas rapazas saltan para rematar un balón coa testa e as súas cabezas chocan de xeito brusco. Unha delas cae ao chan e non responde.

A quen atenderías en primeiro lugar? E como atenderías ás dúas rapazas?

Caso práctico 2

Pictograma que representa a unha persoa que está sufrindo un atragoamento

Unha rapaza atópase almorzando na hora do recreo. De súpeto, leva as súas mans á gorxa e, a pesar de que intenta respirar, non o consegue. Como actuarías?

Caso práctico 3

Pictograma que representa persoa dándose un golpe nunha perna contra unha mesa

Despois de soar o timbre de inicio do recreo, un rapaz sae correndo e antes de saír da clase tropeza coa pata dunha mesa e cae ao chan de xeonllos. Presenta unha ferida no xeonllo.

Como atenderías a este rapaz?

Caso práctico 4

Pictograma que representa unha hemorraxia nasal

Xogando ao baloncesto na clase de Educación Física, unha pelota golpea o nariz dun rapaz e comeza a saír moito sangue polo seu nariz. Como actuarías?

Caso práctico 5

Pictograma que representa unha persoa que sufriu un desmaio e está tirada no chan

Entras no ximnasio e ves a unha persoa tirada no chan que non se move. Que pasos debes seguir?

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)