Saltar navegación

3.4. Deportes adaptados

 

Glosario

Inclusivo

Pictograma que representa a inclusión de persoas con discapacidade dentro dun grupo

Definición:

Que inclúe ou é capaz de incluír. (RAG)

Exemplo:

Exemplo do termo 1.

Paralímpico

Imaxe do logotipo dos xogos paralímpicos

Definición:

Competición deportiva internacional para persoas con discapacidade que se celebra cada catro anos a semellanza dos xogos olímpicos. (RAG)

Exemplo:

O tenis en cadeira de rodas é un deporte paralímpico.

Deportes para todas as persoas

En circunstancias inevitables e que non dependen directamente de nós, sabemos que poden acontecer accidentes ou situacións que afecten a nosa mobilidade e/ou capacidade motriz pero non por iso, temos que deixar de practicar deporte. É máis, o deporte adaptado pode converterse nunha vía de axuda, de liberación e desfrute nestas situacións.

Cómpre aclarar algúns termos e conceptos:

Deporte adaptado

Pictograma que representa diferentes discapacidades e deporte adaptado

QUE É?

O deporte adaptado é un tipo de actividade física regulamentada que tenta facer posible a práctica deportiva a persoas que teñen algunha discapacidade ou condición especial de saúde. Trátase dunha adaptación dos distintos deportes ás posibilidades das persoas que os practican ou en crear deportes específicos practicados, exclusivamente, por persoas con problemas físicos, psíquicos ou sensoriais.

PARA QUE UN DEPORTE SEXA CONSIDERADO COMO ADAPTADO, QUE MODIFICACIÓNS IMPLICA?

Adaptacións no regulamento, no material, modificacións técnico tácticas ou adaptacións no espazo.

Deportes paralímpicos

Imaxe do logotipo dos xogos paralímpicos

QUE SON? 

Os deportes paralímpicos son aquelas modalidades deportivas que compiten nos xogos paralímpicos, dos que forman parte deportistas con discapacidades físicas (lesión medular, amputacións, parálise cerebral etc.), discapacidade visual ou discapacidade intelectual.

QUE DEPORTES SON PARALÍMPICOS? 

Son deportes paralímpicos: atletismo, bádminton, baloncesto, boccia, ciclismo, esgrima, fútbol 5, goalball, halterofilia, hípica, judo, natación, piragüismo, remo, rugby, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tiro, tiro con arco, triatlón, voleibol, biatlón, curling, esquí alpino e nórdico, hockey xeo e snowboard.

A organización que se encarga da xestión destes deportes é o Comité Paralímpico Español

Deporte inclusivo

Pictograma que representa a inclusión de persoas con discapacidade dentro dun grupo

O deporte inclusivo, consiste en xuntar, na práctica deportiva, a persoas con e sen discapacidade axustándose ás posibilidades dos practicantes e mantendo o obxectivo da especialidade deportiva que se trate. Supón un axuste ou adaptación nas regras e o material utilizado co fin de fomentar a participación activa e efectiva de todos os que participan. Fomenta a sensibilización, coñecemento e respecto á diversidade.

Unha vez que xa sabedes o que son os deportes adaptados é momento de desvelarvos unha curiosidade. Queredes sabela?

É que o goalball e a boccia son os dous únicos deportes exclusivamente paralímpicos. Ambos foron creados, a diferencia dos demais que son unha adaptación dos que se compiten nos xogos olímpicos, unicamente para persoas con discapacidade visual no caso do goalball e a boccia para persoas con algún tipo de dificultade motora.

Ides ter a sorte de poder practicalos nas clases de Educación Física pero antes tedes que coñecer un pouquiño máis sobre cada un deles...

                                              Pictograma que representa un partido de goalball no que un equipo lanza a pelota á portería contrariaPictograma que representa a unha nena lanzando en boccia grazas á axuda dunha quenlla

O Comité Paralímpico Español creouse en 1995 e desde a súa constitución conta coa Presidencia de Ho­nor de S.A.R. a Infanta Dona Elena. É unha asociación sen fins de lucro.

Desde a súa creación, configurouse como o órgano de unión e coordinación de todo o deporte de persoas con discapacidade no ámbito do Estado Español, en estreita colaboración co Consello Superior de Deportes.

Forman parte do Comité Paralímpico as 17 federacións deportivas españolas con modalidades incluídas no programa oficial dos Xogos Paralímpicos, así como dúas federacións non paralímpicas, que contan con actividade de alta competición para persoas con discapacidade. Todas elas organizan o deporte de competición no noso país e contan, en total, con máis de 13.000 deportistas afiliados.

Lectura facilitada

En ocasións poden acontecer accidentes ou situacións que afecten á nosa mobilidade,

pero igualmente podemos seguir practicando deporte.

O deporte adaptado é unha vía de axuda e desfrute.

Deporte adaptado

É unha actividade física regulamentada

que fai posible a práctica deportiva a persoas con discapacidade.

É unha adaptación dos diferentes deportes a persoas con problemas físicos, psíquicos ou sensoriais.

No deporte adaptado existen modificacións no regulamento, material, modificacións técnico-tácticas ou adaptacións no espazo.

Deportes paralímpicos

Son deportes incluídos nos Xogos Paralímpicos.

Son deportes paralímpicos: atletismo, bádminton, baloncesto, boccia, ciclismo, esgrima, fútbol 5, goalball, halterofilia, hípica, judo, natación, piragüismo, remo, rugby, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tiro, tiro con arco, triatlón, voleibol, biatlón, curling, esquí alpino e nórdico, hockey xeo e snowboard.

A organización que xestiona estes deportes é o Comité Paralímpico Español. 

Deporte inclusivo

O deporte inclusivo, consiste en xuntar, na práctica deportiva, a persoas con e sen discapacidade.

Supón unha adaptación nas regras e material co fin de fomentar a participación activa e efectiva de todos os que participan.

Fomenta a sensibilización, coñecemento e respecto á diversidade.

O goalball e a boccia

O goalball e a boccia son os dous únicos deportes exclusivamente paralímpicos.

Ambos foron creados unicamente para persoas con discapacidade visual no caso do goalball

e a boccia para persoas con algún tipo de dificultade motora.

O Comité Paralímpico Español é unha asociación sen fins de lucro

creada en 1995 e que conta coa Presidencia de Ho­nor de S.A.R. a Infanta Dona Elena.

Encárgase da coordinación do deporte para persoas con discapacidade en España xunto co Consello Superior de Deportes.

Forman parte do Comité Paralímpico as 17 federacións deportivas españolas con modalidades incluídas no programa oficial dos Xogos Paralímpicos, así como dúas federacións non paralímpicas.

En total contan con máis de 13.000 deportistas afiliados.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)