Saltar navegación

4.1. Creación e refinamento

Antes da fase final debedes ter todo preparado para que durante a realización do reto non haxa ningún problema, e estes son os pasos para seguir.

1. Elixide onde ides intervir

Imaxe que busca que se pense sobre a intervención artística que se vai facer

Analizastes os espazos da vosa vila e tedes reflexionado sobre os lugares que poden precisar da vosa intervención. Probablemente tedes varias opcións, así que elixide co voso profesor ou profesora o sitio onde ides traballar.

Na vosa vila

Diferentes casas formando unha vilaUnha opción é traballar en lugares concretos da vosa vila, que estudásedes e que non presenten demasiadas complicacións. É recomendable que se trate dalgún espazo próximo ao voso centro.

No voso instituto

Edificio dun institutoQuizais no voso centro haxa espazos que se poidan mellorar coas vosas intervencións, así que outra opción é traballar neles para mellorar a vida diaria de quen o emprega.

En fotografías

FotografíasA terceira opción é simplemente aplicar os vosos deseños sobre fotografías de espazos deteriorados. Pode ser unha maneira sinxela e divertida de comprender como funciona a arte urbana.

2. Elixide a técnica

Sabendo o lugar onde ides intervir e tendo en conta os vosos bosquexos, debedes decidir xunto ao profesorado que técnica ides utilizar para finalizar o reto. Lembrade que en arte urbana existen moitas técnicas diferentes, pero suxerímosvos as tres máis habituais.

Esténcil

Imaxe en estencilO esténcil na arte urbana é unha técnica artística que consiste en utilizar formas previamente recortadas para reproducir imaxes, textos ou patróns sobre diversas superficies. Estas formas, xeralmente feitas de materiais como cartón, plástico ou metal, permiten aplicar pintura en aerosol, con pincel ou outros métodos, para crear formas definidas e reproducibles de xeito rápido e preciso.

Adhesivos ou carteis

Adhesivos ou cartel coa palabra whoaAdhesivos ou stickers: Son etiquetas autoadhesivas deseñadas con ilustracións, logotipos, mensaxes ou símbolos. Adoitan ser pequenas, fáciles de transportar e rápidas de aplicar, o que permite ás/aos artistas colocalas en diferentes superficies, como postes, sinais de tráfico, paredes e vitrinas.

Carteis: Son impresións ou debuxos feitos en papel que se pegan a superficies urbanas utilizando cola ou engrudo. Adoitan ter un formato máis grande que os adhesivos e poden incluír mensaxes sociais, políticos, ou simplemente gráficos e artísticos.

Murais

Persoa pintando un muralOs murais en arte urbana son grandes obras pictóricas que se realizan sobre superficies como paredes, muros, fachadas de edificios, ou mesmo en espazos internos accesibles ao público. Adoitan realizarse con pintura en aerosol ou botes de pintura.

3. Perfeccionade os bosquexos

Nneo cun lapis preparado para debuxarPartindo das ideas e esbozos que realizastes, concretádeos en deseños finais que sexan moi parecidos ao que realizaredes finalmente, adaptándoos tanto ao lugar concreto da intervención como á técnica que teñades escollido. Nesta fase debedes concretar as formas, tamaños e cores do que será a intervención final.

Lembrade que os deseños finais non deben ser demasiado complicados, pois é importante ter en conta o tempo do que dispoñedes para levalos a cabo.

Lectura facilitada

Partindo dos esbozos que realizastes, concretádeos en deseños finais.

Deben ser moi parecidos ao que realizaredes finalmente. Adaptádevos ao lugar concreto da intervención como á técnica que teñades escollido.

Os deseños finais non deben ser demasiado complicados. É importante ter en conta o tempo do que dispoñedes para levalos a cabo.

4. Repartide as tarefas

Persoas repartindo tarefas a realizarCon todo xa decidido, é importante que vos organicedes moi ben dentro de cada equipo para repartir as tarefas a levar a cabo: quen pintará cada cousa, quen transporta o material, quen coordina o equipo... Para iso debedes imaxinar como se vai levar a cabo o proceso final e adiantarvos aos problemas que poidan presentarse. Se cada un ten claro o que debe facer, todo será máis doado, rápido e sinxelo.

Xa tedes todo preparado? Nese caso chegades á parte máis divertida: a realización do reto!

Lectura facilitada

Todo está decidido. É importante que organicedes moi ben cada equipo para repartir as tarefas:

Quen pintará cada cousa?

Quen transporta o material?

Quen coordina o equipo?

Se cada un ten claro o que debe facer, todo será máis doado e sinxelo.

Chegades á parte máis divertida: a realización do reto!

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)